Notas de prensa

Sobre unha proba de motonáutica no Pedrido

A autorización da celebración da cuarta proba do campionato galego de motos acuáticas por parte das autoridades ambientais no espazo natural protexido da ría de Betanzos termina nun desastre organizativo no que se puxo en risco a fauna do enclave e a vida dos bañistas, segundo constataron varias asociacións.

A mañá foi tranquila no Pedrido, grazas a que a marea baixa limitaba a navegación. A partir das catro da tarde, coa subida da marea, cumpríronse os prognósticos das entidades conservacionistas. Mentres pilotos e afeccionados quentaban motores dentro do espazo natural protexido, realizando aceleradas e xiros bruscos, o ar se enchía de olor a gasolina. Aquí non se aplicaba a normativa de non supera‐los 5 nudos a menos de 200 metros do litoral, nin sequera cando entraban ou saían polo canal de varado, a única zona balizada.

Mentres, nunha embarcación do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), tres membros da Garda Civil supervisaban as evolucións das motos de auga, pasivos ante as infraccións da normativa de navegación. Un dos gardas decidiu quita‐lo uniforme —ben para estar presto para algunha acción de socorro na auga, ou ben para aproveitar a inactividade lucindo corpo e bronceándose— e tomar algunha foto do evento.

Se no alto do mastro ondeaba unha bandeira vermella, ó pé da caseta de socorrismo tomaban a sombra os membros de Protección Civil. Firmes e cos brazos cruzados observaban as evolucións do espectáculo acuático. E nunca expresión máis acaída, pois non lles parecía importar que preto de alí familias con nenos pequenos se bañaran na auga. Se xa era pouco o risco das fortes correntes da marea, a zona de baño non estaba balizada e as motos andaban a toda velocidade na proximidade.

Como era de prever, aves acuáticas como os biluricos voaban nerviosas sen sabe‐lo que pasaba e onde pousarse, aínda que non puido comprobalo o garda de medioambiente que se achegou á zona pola mañá, cando non era precisa a súa presenza, e faltou á tarde, se cadra porque tiña cousas máis importantes que facer. Pero naquel momento xa non era a fauna o máis preocupante, pois as pasadas das motos a toda velocidade pola canle da ponte do Pedrido, en momentos en que a forte marea viva provocaba unha tremenda corrente e traía madeiras flotando, calquera eventualidade, como unha manobra de evasión dunha moto de auga, podería ter provocado vítimas mortais entre os bañistas.

Mentres, a zodiac de socorrismo se paseaba arriba e abaixo indiferente. Inesperadamente, a megafonía informa de que a liña de saída se traslada á praia de Gandarío, por ordes de Capitanía Marítima, ante as queixas dos ecoloxistas. Desconcerto do público, malestar dos pilotos e enfado dos conservacionistas. Aínda que a carreira propiamente dita non se realizou no interior do espazo protexido, as numerosas pasadas a alta velocidade das motos acuáticas entre a ponte do Pedrido e a ponte da autoestrada, con frecuentes incursións aínda máis ó sur desta ponte por parte dos pilotos e afeccionados, que incluso foron tomar algo a Betanzos aproveitando que a vila está en festas, supuxeron unha agresión inxustificable para o espazo natural. Todo isto sería facilmente evitable se dende o principio se establecera o punto de saída ó norte de Punta Moruxo e non se utilizara o interiordo LIC Betanzos‐Mandeo para quenta‐las máquinas.

Indiferenza das autoridades

Esta agresión planificada, consciente e coa autorización da Xunta de Galicia a un espazo natural declarado como “zona de especial protección dos valores naturais” e incluído na Rede Natura 2000 fan que perda sentido a declaración de espazo natural protexido. O Estado non garantiu o cumprimento das limitacións de uso en actividades incompatibles co mantemento da Rede Natura 2000, infrinxindo as directivas de Hábitats (Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992 relativa á conservación dos hábitats naturais e á fauna e flora silvestres) e de Aves (Directiva 79/409/CEE do Consello de 2 de abril de 1979 relativa á conservación das aves silvestres) da Unión Europea.

Esta agresión ó espazo natural é especialmente lamentable por estar patrocinada pola Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia e contar co apoio e colaboración dos concellos de Paderne e Bergondo. A sensibilidade ambiental destas corporacións, que non perden ocasión de utiliza‐lo espazo como reclamo turístico, se ve totalmente cuestionada.

Especialmente grave é o comportamento do Servizo Provincial de Conservación da Natureza que xa dende o martes tiña coñecemento dos riscos da proba de motonáutica para o espazo natural e non actuou coa dilixencia e efectividade para despraza‐la realización da proba fóra de dito espazo natural, e incluso autorizou a liña de saída da proba no Pedrido.

Perigo de accidentes

A realización da proba serviu de desculpa para que unha vez máis numerosas persoas, uníndose ós pilotos, empregaran a ría de Betanzos como circuíto de alta velocidade, facendo caso omiso á normativa de navegación que impide circular por ela a máis de 3 nudos (Real Decreto 259/2002, de 8 de marzo, polo que se actualizan as medidas de seguridade na utilización de motos náuticas, artigo 10, punto 6).

Estas embarcacións, dotadas de motores de máis de 1.000 cc e 200 CV de potencia, con capacidade para superar os 100 km/h de velocidade, poñen en risco tanto ó piloto como ó resto das persoas que navegan na ría, a motor ou a remo. A estes hai que sumar os bañistas da praia do Pedrido, pois nin se balizou a zona de baño nin se impediu o baño. A reiteración de comportamentos temerarios non parece ser motivo de preocupación. Semella que as autoridades competentes están esperando a que se produza un accidente mortal para tomar medidas e aplica‐la lexislación vixente.

Hai que lembrar que se ten solicitado ós concellos de Paderne e Bergondo a sinalización na ponte do Pedrido destas limitacións de velocidade. A pesar das declaracións verbais favorables e do tempo transcorrido, a realidade é que non o teñen feito.

A gota que colma o vaso

A programación desta competición dentro do espazo natural protexido ven a ser o último elo dunha cadea de agresións ó espazo co gallo dos deportes a motor. Xa no 2006 —coa posible autorización do Servizo Provincial de Conservación da Natureza— celebrouse no interior do LIC Betanzos‐Mandeo unha concentración de máis de 60 motos de trial que percorreron a ruta de Chelo que vai pola beira do río, por mor da presenza do campión británico Mick Andrews, afectando á fauna e flora, desfacendo o camiño e impedindo gozar do espazo natural ó resto dos visitantes, sendo testemuña un axente de medio ambiente.

A pesares das denuncias das constantes infraccións das motos de auga, iates e esquí acuático na ría presentadas o ano pasado, non soamente non se actúa senón que se intensifica e se patrocina oficialmente coa celebración desta cuarta proba do campionato galego de motonáutica. Bastaba trasladar desde o principio o trazado da proba ó norte de Punta Moruxo —como finalmente se fixo por orde de Capitanía Marítima— e prohibi‐la circulación no interior da ría para non afecta‐lo espazo natural protexido. Os estamentos implicados na aceptación deste estado de cousas terán que asumi‐las responsabilidades que se deriven.

Esta agresión se suma á constante desatención ó espazo protexido no tocante a problemas como o furtivismo na pesca de salmóns, a ocupación de dominio público marítimo‐terrestre e hidráulico, os vertidos contaminantes, a inadecuación das presas para os peixes migradores, o efecto das cinco centrais hidroeléctricas, a presenza de flora e fauna invasora, a insuficiencia de persoal de vixilancia, etc.

A nota positiva da xornada

No desastre organizativo da xornada, hai que destacar positivamente a actuación in extremis de Capitanía Marítima, que puxo algo de sentido común no evento ordenando o traslado da carreira fóra do espazo protexido, polo que as entidades conservacionistas agradecen publicamente a súa intervención.

Lamentamos que tanto o público coma os pilotos sufriran as consecuencias desta nefasta organización, ofrecéndonos, ante futuros eventos, a asesorar gratuitamente á Federación Galega de Motonáutica sobre as zonas naturais sensibles e espazos protexidos, para evitar que se reproduzan situacións como a que aconteceu o sábado no Pedrido.

Entidades denunciantes

A Sociedade Galega de Historia Natural é unha asociación conservacionista de ámbito galego que conta cunha delegación en As Mariñas, estando esta centrada na protección e divulgación dos valores naturais de toda a bisbarra. Ten como enderezo postal Apdo. de Correos nº 81, 15160 Sada (A Coruña), teléfono 686 143 143, enderezo electrónico sghnasmarinhas@gmail.com. Foi fundada en 1977.

O Grupo Naturalista Hábitat é unha asociación conservacionista radicada en A Coruña, cunha longa experiencia ornitolóxica en xeral, na que se conta a elaboración de estudos de ecosistemas e censos de aves mariñas e acuáticas na provincia da Coruña, así como no Mandeo e a ría de Betanzos en particular. Ten o domicilio social na rúa Camariñas nº 8, baixo , 15002 A Coruña, teléfono 981135014 / 620 285 474, enderezo electrónico gnhabitat@yahoo.es. Foi fundado en 1980.

A Asociación Cultural O Rabo do Galo é unha entidade radicada en Paderne; conta cunha sección medioambiental que ten realizado varias actuacións relacionadas coa cunca do Mandeo e a ría de Betanzos, así como elaborado diversos proxectos cara á súa potenciación. Ten o domicilio social en Souto nº 56, 15314 Paderne (A Coruña), teléfono 660 586 554, enderezo electrónico rabodogalo@yahoo.es. Foi fundada en 1997.

Sociedade Galega de Historia Natural, o Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Cultural O Rabo do Galo, 2009-08-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES