
O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, avanzou en Vimianzo as liñas estratéxicas do proxecto sectorial da Consellería de Cultura e Turismo para o Parque Arqueolóxico do Megalítico da Costa da Morte que comprenderá 70 quilómetros, dende Malpica de Bergantiños ata Fisterra. No proxecto, actualmente en tramitación, defínense un total de 14 áreas de acción en 8 concellos da zona.
No acto no que estiveron presentes o alcalde Alejandro Rodríguez, a representante do PP, Carmen Borbujo, e o arquitecto municipal Julio Vázquez. Segundo o director xeral do Patrimonio Cultural, Rey Pichel asegurou que este Proxecto Sectorial do Megalítico da Costa da Morte pode resumirse como un documento planificador que fixa políticas, estratexias e temporización que afectará a un ámbito pluricomarcal. Para o éxito deste proxecto é preciso unha intervención rápida mais unha abundante información para acadar a concienciación do individuo respecto ao valor do patrimonio, subliñou. Ao mesmo tempo, defendeu non caer en localismos á hora de situar a sede do próximo Parque Arqueolóxico Megalítico da Costa da Morte.
A Consellería de Cultura e Turismo traballa coa previsión de que o próximo ano poida aprobarse o Proxecto Sectorial e, doutra banda, facer viable a creación dunha exposición megalítica de carácter permanente. Neste eido, Rey Pichel, incidiu na colaboración entre as diferentes administracións, Concello, Deputación e Xunta de Galicia, para a boa marcha deste novo plan de actuación.
Na reunión, José Manuel Rey Pichel coñeceu de primeira man as propostas e suxestións dos representantes locais como a creación dunha rede de empresas culturais que poida soster o Parque Arqueolóxico ou a fundación dun Museo do Tempo. Do mesmo xeito, o director de Patrimonio comprometeuse a estudar un programa de visitas guiadas; a sinalización, acceso e información no complexo megalítico e seminarios informativos sobre temática arqueolóxica e patrimonial. Na súa visita ao Concello de Vimianzo, o director xeral do Patrimonio Cultural e os representantes municipais percorreron algúns dos 150 túmulos arqueolóxicos da comarca para comprobar de primeira man o estado e necesidades deste patrimonio cultural.
Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico
O Parque Arqueolóxico Megalítico da Costa da Morte pasará a formar parte da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) como o único complexo de carácter supramunicipal. A RGPA, impulsada dende o Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, estará conformada por outros tres centros complementarios desde o punto de vista histórico e territorial, que buscan o equilibrio entre o rural e o urbano. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, situado no concello de Campo Lameiro, o da Cultura Castrexa, na provincia de Ourense e o do Mundo Romano, en Lugo.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.