
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu en Santiago de Compostela a sinatura do protocolo de colaboración transfronteiriza Espazo Xuvenil, que conta cun financiamento de 979.962 euros. Este programa senta as bases de cooperación en materia de xuventude entre Galicia e o Norte de Portugal que se vai levar a cabo ata o ano 2010 e do que se poderán beneficiar máis de 30.000 mozos de ambos lados da fronteira.
Esta iniciativa de gran dimensión, dixo Mato, pretende fomentar a creación de empresas mixtas galaicoportuguesas, especialmente nos ámbitos da cultura o tempo libre e da animación sociocultural. Ten tamén como reto a promoción do espírito emprendedor e a cooperación entre os máis novos para que leven a cabo proxectos conxuntos.
Dentro deste programa de cooperación, ao longo de 2009-2010, desenvolveranse máis de 50 actividades dirixidas á xuventude galega e portuguesa que inclúen cursos para monitores de tempo libre, encontros xuvenís, eventos culturais ou a creación dunha plataforma e-learning para a formación a distancia. Ademais, a través do proxecto Espazo Xuvenil, máis de 100 mozos poderán beneficiarse de programas de intercambio en empresas.
O principal obxectivo deste proxecto, no que tamén participa o Instituto Portugues da Juventude, é promover a cooperación institucional en materia de xuventude, para que os mozos se queden a vivir e a traballar na zona transfronteiriza.
A iniciativa tamén servirá como motor de actividade xa que creará de forma directa máis de 50 empregos e favorecerá o uso das instalacións e recursos existentes nos dous lados da fronteira como poden ser os albergues para xente nova ou as oficinas de información xuvenil.
Para acadar estes obxectivos, realizaranse un amplo abano de actividades encabezados pola elaboración dun plan estratéxico para a creación de nova actividade económica na zona. Así mesmo impulsaranse os intercambios entre a mocidade e os proxectos de cooperación.
As actividades arrancarán xa o próximo mes de xullo cando se celebrará Filminho, unha festa transfronteiriza ligada á creatividade do sector audiovisual. Seguiralle, xa na segunda quincena de agosto o campamento Portugaliza.
Outro dos retos deste proxecto será o reforzamento das oficinas de información xuvenil galego-portuguesas co fin de convertelas en verdadeiros espazos dinamizadores, asegurou Mato.
Pola súa banda o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, sinalou que a xuventude galega vai demostrar que é capaz de poñer en marcha iniciativas para conquistar o emprego e gañarlle a partida á crise a base de capacidade, coraxe e esforzo.
No acto de presentación tamén estiveron presentes os asinantes do protocolo de colaboración. Como representantes galegos estaban o Director Xeral de Xuventude e voluntariado, Ovidio Rodeiro, o Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla Ramil e o Director Xeral do Consello Galego de Cámaras, Juan Feijoo Casanova. Pola parte portuguesa asistiron a presidenta do Instituto Portugues de Juventude, Helena Maria Guimaraes Sousa, o presidente do Eures Transfronteirizo Norte de Portugal Galicia, Avelino Araujo Leite, Rui Manuel Castro por parte do Instituto Empresarial do Minho e Augusto Ferreira e Carlos Sequeira como representantes do ente Universitario.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.