Notas de prensa

Santiago de Compostela recibe a outros tres Premios Nobel de Química e Física

A capital galega recibe, un ano máis, e no marco do programa ConCiencia, a tres Premios Nobel de Química e de Física: Jean-Marie Lehn (1987), James Watson Cronin (1980) e Roger David Kornberg (2006), que ofrecen conferencias entre o 28 de maio e o 1 de xuño.

O Premio Nobel de Química en 1987, o francés Jean-Marie Lehn, abre o xoves 28 de maio o Programa ConCiencia que, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, chega á súa cuarta edición convertido nunha das accións de divulgación científica de máis impacto social de Galicia. A Lehn seguiralle o 1 de xuño o Nobel de Física en 1980, James Watson Cronin, e o 15 de xuño o recente Nobel de Química (2006), Roger David Kornberg.

O Programa ConCiencia 2009 presentárono en rolda de prensa este luns o reitor da USC, Senén Barro; o presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo; o director do programa, o profesor da USC Jorge Mira, e o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Jean-Marie Lehn

O profesor da Universidade francesa Louis Pasteur, Premio Nobel de Química en 1987, inaugurará esta cuarta edición de ConCiencia cunha conferencia o xoves 28 titulada ‘Da materia á vida: Química? Química!’. Será ás 20:00 horas no Hostal dos Reis Católicos (Praza do Obradoiro, 1) e contará con tradución simultánea.

A academia sueca recoñeceu o traballo de Lehn polo “desenvolvemento e uso de moléculas con interaccións específicas de estrutura de alta selectividade”. Aínda que as moléculas que compoñen a materia son entidades individuais, o seu funcionamento depende de como interaccionan unhas con outras. De feito, eses procesos de interacción son determinantes do funcionamento celular e do comportamento físico e químico de infinidade de materiais.

De aí que o profesor Lehn fose premiado co Nobel xunto cos profesores Pedersen e Cram. Eles foron quen de deseñar por primeira vez receptores moleculares sintéticos (anfitrións) capaces de recoñecer e interaccionar de forma selectiva con determinados hóspedes. A estes receptores chamóuselles criptandos.

Sobre estas bases o profesor Lehn creou e desenvolveu unha nova rama da química, a Química Supramolecular.

James Watson Cronin

O profesor dos Institutos Kavli para a Física Cosmolóxica e Enrico Fermi da Universidade de Chicago, James Watson Cronin (Chicago, 1931), intervirá o 1 de xuño cunha conferencia titulada ‘Algunhas viñetas na historia da investigación en raios cósmicos’. A intervención do Premio Nobel de Física en 1980 terá lugar ás 20:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea (r/ Valle Inclán, s/n).

O Profesor James W. Cronin é un recoñecido experimentalista que rematou a súa tese de doutoramento en física nuclear na Universidade de Chicago nos anos 50, a onde volveu como profesor en 1971 logo de realizar con éxito numerosos experimentos para estudar a simetría entre materia e antimateria. Precisamente eses traballos resultaron no descubrimento da Violación da Conxugación de Carga e Paridade (CP), que lle valeu o Premio Nobel de Física en 1980 xunto co seu colega Val Fitch.

De acordo a esa simetría, supoñíase que a materia se debía comportar de xeito idéntico á imaxe especular da antimateria, pero Cronin e Fitch demostraron que iso non era certo. O destes dous investigadores foi un descubrimento de profundas consecuencias xa que marca diferenzas absolutas que poderían explicar por que o universo nos momentos iniciais da súa creación desenvolveu máis materia que antimateria.

Despois de ter recibido o Nobel, Cronin interesouse polos raios cósmicos e desenvolveu dous experimentos, o Chicago Air Shower Array para buscar raios gamma de alta enerxía, e o Observatorio Pierre Auger, o experimento máis grande ata a data para medir raios cósmicos. A construción do emprazamento sur do Observatorio Auger foi rematado en agosto de 2008 en Arxentina, logo do gran esforzo de 17 países e máis de 400 científicos de institucións de todo o mundo, entre as que ocupa lugar destacado a Universidade de Santiago. Con este detector, que cubre unha área de 3.000 quilómetros cadrados, xa se fixeron medidas precisas de raios cósmicos da maior enerxía.

Cronin é tamén coñecido por ter descuberto o ‘Efecto Cronin’ que describe que a unión de nucleóns en átomos pesados afecta ás interaccións a altas enerxías.

Roger David Kornberg

Os seus estudos das bases moleculares da transcrición eucariota valéronlle a Roger David Kornberg (EE.UU., 1947), profesor da Universidade estadounidense de Stanford, o Premio Nobel de Química en 2006. Kornberg intervirá no Programa ConCiencia o 15 de xuño ás 20:00 horas no Teatro Principal de Santiago.

As células utilizan a información xenética almacenada no ADN a modo de instrucións para a fabricación de proteínas, que son, en última instancia, a base estrutural dos organismos e as encargadas do seu funcionamento. Ese proceso de transformación da secuencia xenética nunha proteína é o que se coñece como ‘transcrición’.

O profesor Kornberg utilizou unha técnica chamada ‘difracción de raios X’ para estudar os diferentes complexos moleculares implicados no proceso da transcrición xenética. A súa descrición é tan precisa que permite distinguir cada átomo nas moléculas e foi iso o que permitiu por primeira vez entender en detalle como ten lugar ese proceso fundamental en todos os organismos vivos.

Curiosamente, Roger David é fillo de Arthur Kornberg, premiado co Nobel de Medicina en 1959 (compartido con Severo Ochoa) por un estudo similar ao do seu fillo: investigou sobre a maneira na que a información xenética era transferida dunha a outra molécula de ADN.

Pasadas edicións

Nas pasadas edicións participaron en ConCiencia os Premios Nobel de Física Frank Wilczek, Gerardus ‘t Hooft e Heinrich Rohrer; de Medicina e Fisioloxía Torsten N. Wiesel e Harold Elliot Varmus; de Química Richard R. Ernst e Karl Barry Sharpless; de Economía, John Nash; o Premio Abel Peter Lax; a Medalla Fields Michael F. Atiyah e o Premio Turing Frances Elizabeth Allen.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2009-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES