Notas de prensa

A casa de Castelao en Rianxo, declarada Ben de Interés Cultural (BIC)

Esta declaración do Consello da Xunta ten o obxectivo fundamental de poñer en valor o que significa a biografía de Castelao para Galicia e para os galegos. A casa considérase sitio histórico polo seu valor simbólico como espazo no que se formou como intelectual e político.

O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño valorou positivamente a declaración de Ben de Interese Cultural da vivenda familiar de Castelao en Rianxo, aprobada polo Consello, como sitio histórico polo seu valor simbólico ao constituír un espazo no que se formou como artista, intelectual e político.

Esta declaración, que conta cos informes favorables da Real Academia de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e da Universidade de Santiago, en palabras de Touriño, “pon en valor o que significa a biografía de Castelao para a comunidade autónoma e para os galegos”.

“Paréceme afortunado que poidamos concluír este expediente de Ben de Interese Cultural na súa categoría máxima de sitio histórico, co que recoñecemos como comunidade e como Goberno do país o valor histórico e o valor simbólico da casa e outorgámoslle o máximo grao de protección prevista na lexislación galega para o patrimonio cultural do noso país”, reiterou.

Actualización Plan Territorial de Emerxencias

Por outra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou a actualización do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA), que adecúa o plan existente do ano 1994 á nova Lei de Emerxencias de Galicia e inclúe o cálculo de risco potencial de cada concello.

O PLATERGA permite a xestión das emerxencias de carácter extraordinario e habilita os procedementos, instrumentos e medios para responder diante de situacións de emerxencia. Segundo puntualizou o presidente en funcións da Xunta, cualifica os niveis de emerxencia ata o nivel máximo, cando se declara de interese galego a emerxencia; ou tamén, de interese nacional, cando se necesitan recursos e medios doutros ámbitos diferentes na comunidade autónoma.

Plan Especial fronte ao Risco Sísmico

Na reunión do Executivo autonómico en funcións, aprobouse tamén o primeiro Plan Especial fronte ao Risco Sísmico de Galicia, o SISMIGAL, que deriva do propio PLATERGA e permite determinar os puntos de maior risco de incidencia sísmica na nosa comunidade. O plan establece aqueles concellos con obriga de realizar un plan especial municipal fronte ao risco sísmico por ser especialmente sensibles: As Nogais, Baralla, Becerreá, Láncara, Samos Sarria, Triacastela, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol e Ribeira de Piquín.

Granxa de cultivo de orella de mar

Aprobouse tamén o Proxecto Sectorial de Interese Supramunicipal da primeira granxa mariña destinada ao cultivo de orella de mar. Pérez Touriño explicou que se trata dun cultivo cunha tecnoloxía innovadora e un proxecto presentado por Galician Marine Aquaculture, que conta cunha superficie de 47.000 metros cadrados. Unhas instalacións que estarán situadas na localidade de Muros e nas que se van investir 4,6 millóns de euros. Xerará ao redor de 69 postos de traballo entre directos e indirectos e ten como obxectivo chegar a unha produción de 243 toneladas de orella de mar por ano, que se incrementarán en anos vindeiros.

O Consello aprobou ademais a subvención con 240.000 euros para a adquisición de 6 vivendas protexidas para aloxar familias do poboado chabolista de Penamoa na Coruña, e a ampliación ata o 50 por cento da participación do Goberno galego na construción e equipamento dos parques comarcais de bombeiros da Coruña.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2009-03-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES