Notas de prensa

Probadas as propiedades anticanceríxenas dos grelos

A Misión Biolóxica proba o alto valor nutricional e as propiedades anticanceríxenas dos grelos e das nabizas cultivadas en Galicia.

Un estudo da Misión Biolóxica de Galicia, centro de investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) situado en Pontevedra, proba o alto valor nutricional e as propiedades anticanceríxenas e antioxidantes das nabizas e dos grelos. A investigación analiza como as condicións climatolóxicas condicionan as propiedades agronómicas e as características organolépticas (o sabor, a textura, etc) e como diferentes técnicas de cociñado afectan ás propiedades nutritivas. Deste xeito, establece as bases para mellorar as sementes en función dos condicionantes de cada lugar de cultivo e os modos de cociñado que permiten manter un maior valor nutricional.

O traballo de investigación conta con financiamento da Consellería de Innovación e Industria que, a través do Plan Galego de I+D+i 2006 – 2010 (INCITE), concedeu ao grupo de Mellora e Xenética de Brásicas da Misión Biolóxica, en 2006, un total de 80.000 euros no marco do Programa de Recursos Agropecuarios.

A Misión Biolóxica estuda desde hai anos os cultivos galegos dentro da familia das brásicas, centrándose en concreto nas nabizas e nos grelos por seren “o cultivo que pode ter máis interese para o consumidor galego e de fóra de Galiza”, como explica o investigador principal do proxecto, Pablo Velasco.

A principal conclusión é que “as nabizas e os grelos son alimentos funcionais”, é dicir, que pola súa composición resulta beneficiosa para a saúde en determinados aspectos. A característica que diferenza ás brásicas doutras familias de vexetais é a presenza de glucosinolatos. Estes elementos, ademais de proporcionar o sabor amargo ás plantas, teñen propiedades anticanceríxenas. “Existen numerosos estudos que relacionan o consumo de brásicas coa menor incidencia de diversos tipos de cancro, así como estudos in vitro e in vivo onde se demostra o efecto anticanceríxeno dos isotiocianatos, produtos de degradación dos glucosinolatos”, explica Pablo Velasco.

Alto contido en Calcio

Os grelos e as nabizas teñen un alto contido en Calcio, o que fai que sexan alimentos recomendables para persoas que padecen osteoporose e unha alternativa axeitada para organismos con intolerancia á lactosa. Outro dos beneficios para a saúde que achegan estes vexetais derívase das propiedades antioxidantes que proporciona a Vitamina C, outro dos elementos que conteñen.

O problema que se presenta para que estes elementos cheguen ao consumidor é que o procesado e a cocción dos alimentos fai que se perdan parte das propiedades. Pablo Velasco explica que ao cociñar os vexetais, unha parte dos elementos sinalados permanece no alimento, outra pérdese irremediablemente e unha terceira permanece na auga de cocción. “O consumidor pode atopar no caldo tras a cocción unha parte importante das propiedades do vexetal”, indica.

O estudo da Misión Biolóxica conclúe que, tendo en conta a permanencia na auga, no caso dos glucosinolatos a perda roldaría o 20-30%, xa que o 40-50% permanece na planta e un 30% máis da cantidade total deste elemento pasaría ao caldo. Sen embargo, no caso da vitamina C, “a perda acada case o cen por cen”, o que levou aos investigadores a experimentar diferentes técnicas para o cociñado, como a cocción a presión ou mediante microondas, para observar se esta perda se produce de todos os xeitos. As probas amosan que “canto máis alta sexa a temperatura e máis tempo permaneza o vexetal exposto a ela, maior será a perda de elementos”, como apunta Pablo Velasco.

Condicionantes no clima e na situación

O proxecto da Misión Biolóxica incluíu o estudo de diferentes variedades locais de nabizas e grelos cultivadas en Galiza e de como a climatoloxía condiciona o seu desenvolvemento. Como sinala Pablo Velasco, “non todas as variedades responden igual ao clima”, de xeito que saber en que condicións se acadarán mellores colleitas segundo a variedade axudará aos agricultores a optimizar a produción.

Aínda que puntualiza que cada variedade se adapta a diferentes circunstancias, o responsable da investigación explica as conclusións do proxecto en canto á climatoloxía óptima para o cultivo de grelos e nabizas: “Ao sementar está ben que haxa un pouco de calor, pero ante un outono demasiado cálido non reaccionan ben. Medran moi ben ao principio, pero poden ser atacadas por diferentes pragas de insectos, e logo son máis sensibles ao frío que chegará nos meses de inverno. O grelo e a nabiza desenvólvense ben en condicións de frío e humidade non extremos”.

Colaborar co sector empresarial

Ademais, segundo indica Pablo Velasco, o grupo de investigación espera contar coa colaboración do sector empresarial para a explotación dos resultados. As variedades de grelos e nabizas, ademais de ser locais son moi variables, e dentro dunha plantación feita coa mesma semente as plantas poden ter propiedades diversas ou florecer nun período diferente. A intención da Misión Biolóxica é que o interese de empresas por eliminar esta variabilidade faga que, entre as dúas partes, “se traballe para optimizar as sementes, acadando variedades estables, uniformes, melloradas e resistentes a pragas”, segundo indica Pablo Velasco.

Evitar os danos por parte de pragas e enfermidades é outra das liñas de traballo abertas na Misión Biolóxica. O investigador puntualiza que ao ser plantas de inverno non corren o risco de ser atacadas por lepidópteros, praga que abunda en Galiza sobre todo no verán. Sen embargo, a principal ameaza para grelos e nabizas e a “mosca da col” (Delia radicum), ademais dalgunhas enfermidades como as Xanthomonas campestris.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2008-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES