
Ata o 14 de novembro pódese visitar en Área Central de Santiago de Compostela a exposición A Pesca Artesanal en Galicia, organizada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a importancia da actividade pesqueira na nosa comunidade ao público en xeral, e amosar tamén a tradición marítima de Galicia. Tamén se quere mostrar o patrimonio cultural vencellado con esta importante actividade económica.
O espazo expositivo amosa as características e aspectos máis relevantes da pesca artesanal, unha actividade que achega diariamente aos mercados un produto fresco dunha calidade dificilmente inigualable. A exposición dá a coñecer tamén os labores e técnicas desenvolvidos polos profesionais para extraer os froitos do mar que chegan aos nosos fogares.
A exposición xira entorno a tres vértices fundamentais. Por unha banda, profundiza nas especies máis representantivas que se pescan nas nosas augas, e nas artes da pesca artesanal que se empregan para capturalas. Por outra, presenta varias unidades das embarcacións tradicionais da nosa comunidade de forma física.
En canto ás especies pesqueiras máis destacadas de Galicia, a exposición quere pór de manifesto que a diversidade natural do noso litoral é unha riqueza de primeira orde, non só pola extensa tipoloxía de ecosistemas e hábitats, senón tamén pola calidade excepcional dos produtos que se extraen do mar. Esta calidade ten un recoñecemento internacional, como o demostra o interese que o turismo gastronómico ten por Galicia. A presentación dos peixes e mariscos máis representativos nesta iniciativa ten tamén a finalidade de axudar a que o gran público os recoñeza e, por suposto, animalos a ter estes produtos como protagonistas indispensables dunha dieta equilibrada e saudable dadas as súas propiedades e beneficios.
A exposición divide estas especies en peixes e cefalópodos e mais en mariscos. No primeiro apartado, aporta información sobre o abadexo, as angulas, o escarapote, a faneca, o linguado, a lura, a cherna, o ollomol, o polbo, a robaliza, o rodaballo, a sardiña, o sargo ou o xurelo, entre outros. Pola súa parte, no referente aos mariscos, a mostra describe os distintos tipos de ameixa, o berberecho, a centola, o lumbrigante, o mexillón, a navalla e o longueirón, a nécora ou o percebe.
Relacionado con isto, recolle tamén as artes da pesca artesanal, aquel conxunto de técnicas e aparellos que se usan para capturar as diferentes especies da fauna mariña que forman parte da nosa dieta. Sobre este vértice, a exposición divide as artes por clases, así distingue entre as artes de marisqueo, as de anzol, as de arrastre, as de enmalle, así como as nasas e o cerco. En Área Central pódese ver un bou de vara pendurado do teito, na posición na que se atoparía traballando no mar, así como betas e pezas do xeito, ademais de nasas de camarón e nécora, liñas con poteiras ou un palangre, todos eles aparellos de pesca artesanais que empregan os nosos mariñeiros.
Embarcacións tradicionais
Finalmente, a exposición amosa embarcacións tradicionais de Galicia, algunhas delas fisicamente instaladas no recinto do centro comercial e que, aínda sendo tradicionais, están plenamente activas hoxe en día para a realización de actividades pesqueiras ou para a navegación tradicional. Os visitantes poden ver in situ algunhas destas embarcacións como a dorna de tope, a canoa, a gamela coruxeira, o bote polbeiro e a dorna polbeira.
É de destacar que a frota pesqueira artesanal galega é un modelo integrado por pequenas embarcacións, de fabricación tradicional ou industrial, que realizan unha explotación intensiva e moi selectiva dos recursos litorais.
Nesta parte da mostra, os tipos de embarcacións seguen a seguinte clasificación: botes, dornas, gamelas e chalanas e outras. Entre os primeiros, destaca por exemplo o bote polbeiro, moi representativo do porto de Bueu, ou os botes de Fisterra. Entre as dornas destacan a polbeira, a máis común na ría de Arousa; e a xeiteira ou a dorna meca, propia do Grove. No caso das gamelas ou chalanas destacan a chamada gamela guardesa, propia desta localidade costeira; a gamela coruxeira, propia da área exterior da Ría de Vigo, ou a gamela de Cabo de Cruz. Tamén se recolle información sobre o bote de Carril, a traiñeira, a canoa e algúns dos aspectos máis destacados da construción naval de ribeira.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.