Notas de prensa

Asinado un protocolo de colaboración entre a Consellería de Pesca e a FAO

O acordo asinado en Roma prevé a posta en marcha dun proxecto de acuicultura rural e a pequena escala en países de América Latina e do Caribe, no marco da colaboración pesqueira coa ONU en beneficio dos países en desenvolvemento.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, viaxou a Roma para formalizar coa Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) un Memorando de Entendemento que permitirá, entre outras accións, a posta en marcha do proxecto “Acuicultura rural e de pequena escala para o desenvolvemento sustentable en América Latina e o Caribe”. A titular de Pesca e o Subdirector General do Departamento de Cooperación Técnica da FAO, José María Sumpsi, subscribiron este protocolo co que queren intensificar a colaboración que veñen mantendo en materia pesqueira en beneficio dos países en desenvolvemento, en concordancia coas metas definidas por Nacións Unidas (ONU), en particular cos Obxectivos do Milenio.

Para acadar ese fin, a Consellería de Pesca e a FAO identificarán de
común acordo programas e proxectos que poidan ser materia de cooperación,
á vez que se fixarán pactos específicos para cada unha desas actuacións.
Ademais, co obxecto de verificar a correcta execución e a avaliación do
Memorando, así como para determinar accións no seu marco de actividade,
designarase unha Comisión de Seguimento integrada por dous representantes
da cada unha das partes. A referida comisión será a encargada de fixar a
finalidade, programa de traballo, orzamento total e medios requiridos dos
proxectos e actuacións e, en xeral, calquera outro aspecto considerado
relevante. Pola súa banda, a execución dos subprogramas farase con cargo
ao orzamento ordinario da Consellería de Pesca.

O protocolo asinado entre a Administración pesqueira galega e a FAO
fixa como primeira actividade a levar a cabo no vindeiro mes de agosto a
identificación, análise, formulación e posta en funcionamento dun
proxecto de acuicultura para América Latina e o Caribe, que persegue o
incremento e expansión sustentable desta actividade, a mellora das
técnicas de manexo acuícola, o impulso dos mercados locais e rexionais
para produtos de cultivo e o estímulo do consumo de peixe. Ademais, con
esta medida tamén se quere implementar a nivel rexional o enfoque
ecosistémico da acuicultura e mellorar a aplicación do Código de Conducta
para a Pesca Responsable (CCRF), así como fomentar a gobernabilidade e a
planificación da acuicultura nas zonas obxecto de actuación e diseminar e
mellorar as capacidades e experiencias técnicas.

Unha vez coñecidas e avaliadas polo miúdo as necesidades e demandas
concretas, os técnicos de Pesca e da FAO elaborarán un documento de
proxecto coas actividades a desenvolver, o período de realización e os
recursos técnicos e orzamentarios necesarios. Este texto deberá ser
considerado e sometido á aprobación das partes para a redacción
definitiva do proxecto.

Obxectivos

A execución desta iniciativa, baixo a dirección técnica da FAO,
dirixirase a lograr a mellora da cooperación entre países con experiencia
en prácticas de manexo, planificación e políticas acuícolas que poida
incrementar o impacto dos cultivos mariños sobre o PIB dos estados
implicados, particularmente aumentado a influencia do sector sobre as
comunidades rurais e as súas formas de gañar a vida. Por outra banda,
tamén se quere promover o desenvolvemento sustentable da acuicultura
neses países.

Para acadar os obxectivos do devandito proxecto promoveranse diferentes
actividades e subprogramas que incluirán catro módulos de diagnose e
capacitación técnica enfocados á acuicultura rural e de pequena escala.
Eses módulos son o fortalecemento institucional e a organización do
sector privado (pequenos produtores e agrupacións de acuicultores
rurais); o desenvolvemento tecnolóxico e produción de alimentos, semente
e sistemas produtivos; a posta en marcha de boas prácticas de manexo; e a
ampliación de mercados xunto co incremento do consumo local de peixe de
acuicultura.

Os catro módulos nos que se incidirá incluirán talleres e actividades
prácticas e demostrativas e a súa planificación buscará cubrir os
diferentes estados participantes no proxecto “Acuicultura rural e de
pequena escala para o desenvolvemento sustentable en América Latina e o
Caribe”.

Situación actual e oportunidades

A acuicultura ten experimentado un desenvolvemento significativo en
América Latina e no Caribe nos últimos anos, cun aumento promedio anual
do 13,8 por cento. Durante o mesmo período, a produción das pesquerías de
captura declinou e estabilizouse cun aumento medio que se achega ao cero
por cento. Nesta liña, o principal impacto do sector acuícola industrial
sobre a vida rural destas rexións foi a xeración directa e indirecta de
emprego, mentres que os sistemas de acuicultura de subsistencia tiveron
pouco éxito, sobre todo pola falta de capacitación e a escaseza de
mercados para os produtos acuáticos nas comunidades locais e rurais.

As principais oportunidades que presenta a acuicultura nas rexións
latinoamericanas e caribeñas xorden, sobre todo, da posibilidade de
aumentar o consumo e a demanda do peixe entre a súa poboación, tanto para
a mellora da nutrición como para o aumento dos mercados locais, co maior
apoio aos cultivadores a través do fortalecemento da gobernabilidade.

Así mesmo, a actividade acuícola pode ser unha opción social e económica
de importancia porque ofrece unha contribución alternativa ao
desenvolvemento de países como Nicaragua, Salvador, Guatemala, Honduras,
República Dominicana, Haití, Costa Rica, Cuba, Perú e algunhas das illas
caribeñas. Tamén pode ter un importante impacto en Bolivia ou Paraguay
onde o sector acuícola non tivo ata o de agora un desenvolvemento
incipiente. No caso de Arxentina, Brasil, Venezuela, Colombia, Panamá,
Chile e Ecuador o desenvolvemento da acuicultura, dirixido máis
directamente aos pequenos produtores, podería ter un efecto positivo en
poboacións rurais moi pobres.

Amais disto, a acuicultura a nivel nacional podería chegar a beneficiarse
das sinerxias e da cooperación organizada de cada rexión. Neste sentido,
as redes de acuicultura poden ser un instrumento para promover o
crecemento do sector e a súa contribución ao desenvolvemento sustentable
nalgunhas comunidades.

O contido do Memorando de Entendemento asinado hoxe entre a Consellería
de Pesca e a FAO foi perfilado entre as partes nunhas xornadas de
traballo celebradas o pasado mes de abril en Santiago de Compostela.
Neses encontros, participaron por parte da Administración pesqueira
galega o secretario xeral da Consellería, Miguel Ãngel López Sieiro; o
director-xerente do Cetmar, Alberto González Garcés; técnicos do Cetmar e
o asesor de cooperación internacional de Pesca. Con respecto á
Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación
asistiron o coordinador da área de cooperación descentralizada da FAO,
Javier Pérez Vega, e unha técnico do departamento de Acuicultura do
devandito organismo, Doris Soto.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (auga-05.jpg) A auga é un pilar fundamental para Galicia, non só polo seu valor ecolóxico, senón tamén pola súa influencia na economía, a cultura e a identidade do territorio. A Xunta de Galicia ten como obxectivo prioritario xestionar este recurso de maneira eficiente, especialmente nun contexto de cambio climático onde é crucial adaptarse ás novas circunstancias e buscar solucións innovadoras para garantir a súa dispoñibilidade a longo prazo. A presenza de ríos, rías e mananciais é unha das características máis destacadas da paisaxe galega. Esta abundancia hídrica implica tamén unha responsabilidade: a de preservala e mellorar a súa xestión mediante infraestruturas adecuadas e hábitos de consumo responsables en todos os sectores.
Foto de la tercera plana (historias-lgbti-2025.jpg) Historias LGBTI da Galicia Orgullosa é un proxecto cunha visión a longo prazo para facer crecer a rede de relatos e lembranzas que axuden a construír un relato máis diverso e real da historia galega. Neste sentido, estase traballando nun espazo dixital colaborativo aberto á cidadanía que parte dunha selección de imaxes históricas e actuais para que calquera persoa poida contribuír a tecer o relato. A exposición, que xa estivo durante o mes de xullo no edificio da Pirámide de San Caetano, recolle imaxes históricas de casos coñecidos, como o de Elisa e Marcela, e doutras experiencias vitais con menos eco como a de Maruja Roca, Manolito Soler ou Dalia Flores.

Notas

A posibilidade de transformar restos de cultivos e podas en produtos útiles, no canto de que sexan queimados ou enviados a vertedoiros, é a base da investigación desenvolvida por Juan Iglesias Riobó no Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC. Ante esta situación, o científico centrou o seu estudo nunha alternativa baseada en biotecnoloxía sostible: a conversión destes residuos en carboxilatos, compostos con gran potencial de uso en diversos sectores.
O equipo investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC traballa nunha recente e innovadora rama da enxeñaría estrutural: a optimización topolóxica. Esta área de investigación emprega métodos matemáticos avanzados para deseñar estruturas máis eficientes, ademais de determinar a disposición interna do material, o que culmina en deseños máis lixeiros, seguros, económicos e respectuosos co medio ambiente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES