Notas de prensa

O secretario de Estado de Universidades inaugurou na USC o VIII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario

Rubiralta anunciou a próxima elaboración dunha nova Lei de Ciencia, que vai comezar o seu proceso de discusión, e que “demostrará o compromiso do Ministerio de Ciencia e Innovación co emprendemento universitario”.

O secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta, e o reitor da USC, Senén Barro, inauguraron o 29 de maio na Facultade de Química o VIII Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario que nesta ocasión avanzará na análise dos principais trazos que definen ás universidades emprendedoras. O acto, no que tamén estiveron presente o subdirector xeral adxunto e director-coordinador da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno Alegre, celebrouse na Aula
Magna da Facultade compostelá, sede do encontro.

Na sesión inaugural, Rubiralta anunciou a próxima elaboración dunha nova Lei de Ciencia, que vai comezar o seu proceso de discusión, e que “demostrará o compromiso do Ministerio de Ciencia e Innovación co emprendemento universitario”, sen descoidar as tres facetas fundamentais da esfera universitaria, a docencia, a investigación e a responsabilidade social.

Pola súa banda, o reitor compostelán avogou por un emprendemento integral “porque debe comprometer a todos e abarcar todos os ámbitos posibles, afectando á docencia, á investigación e a todas cantas iniciativas xurdan no seo das universidades”. Barro
engadiu que o concepto de cultura emprendedora debe asociarse tamén ao de responsabilidade, “poñendo o coñecemento e o liderado ao servizo da sociedade”.

Finalmente, José Manuel Moreno destacou que a USC é unha universidade de referencia no eido que aborda o congreso así como unha activa promotora de experiencias cun alto de grao de aproveitamento en diferentes ámbitos.

Coa participación de destacados expertos neste ámbito tanto dende o punto de vista académico como empresarial, o congreso ofrecerá aos participantes a oportunidade de discutir e intercambiar experiencias e boas prácticas sobre o impacto socio-económico do emprendemento universitario, a posta en valor da tecnoloxía dende
as universidades, o financiamento dos programas de emprendemento universitarios e a creación de empresas dende as universidades emprendedoras.

Xornada inaugural

O primeiro dos bloques temáticos que se abordou no desenvolvemento deste congreso foi o dedicado á análise do impacto do emprendemento universitario no desenvolvemento económico. A quenda de intervencións arrancou coa presenza do
director do programa Innova da Universitat Politècnica de Catalunya, Francesc Solé Parellada, que tratou de respostar á cuestión ‘Debe unha universidade ser emprendedora?’. Deseguido, Peter van der Sijde, da Universidade de Twente, presentou
o caso particular da súa universidade como mostra de boas prácticas do espírito emprendedor nas institucións de ensino superior. Completando a xornada matinal a directora xeral de Programas e Transferencias de Coñecemento do Ministerio de
Ciencia e Innovación, Otilia Mó Romero, referiuse ás políticas de apoio ás universidades emprendedoras.

A sesión da tarde coincide co inicio dun novo bloque temático no que as distintas intervencións programadas oriéntanse á identificación e posta en valor da transferencia de tecnoloxía nas universidades. Ás 16:00 horas, a directora da OTRI da Universitat de València, Ana Cortés Herreros, presenta o relatorio ‘Transferencia de coñecemento a partir da investigación: a creación de spin-offs’. Seguiralle o director asociado do CITT da USC, José L. Villaverde Acuña, para falar sobre ‘Posta en valor da tecnoloxía: explotación dos resultados de investigación’. Para rematar coa primeira xornada do congreso, o xestor da Propiedade Intelectual do Instituto Pedro Nunes e da Universidade de Coimbra, José Ricardo Aguilar, afondará nos
aspectos relacionados coa comercialización dos resultados de investigación universitarios.

Programa do venres

O financiamento de programas de emprendemento universitario é o bloque temático que vai abrir, ás 10:00 horas, as sesións de discusión previstas para o venres 30. O director do Instituto Ideas da Universitat Politècnica de València, José Millet, e o
coordinador do Programa Empresa-Concepto, Roberto Graña, explicarán as principais liñas de traballo das súas respectivas entidades. A continuación, Fernando Albericio, director do Parc Cientific da Universitat de Barcelona, e Cristina Villaroya, da OCIT da Universitat Jaume I, explicarán as experiencias desenvolvidas nestas universidades a prol do financiamento destes programas.

As principais características dos proxectos sociais e de humanidades fronte aos proxectos baseados na tecnoloxía será o seguinte dos temas a desenvolver, a partir das 12:00 horas. A primeira intervención referirase á integración do coñecemento das
Humanidades no contexto TIC estimulando a creación de empresas de alta tecnoloxía. O tema abordarano o coordinador do CIADE da Universidade Autónoma de Madrid, Francisco Pizarro, e o profesor da Universidade de Copenhague John Kuhkmann. Para rematar, o
coordinador científico e técnico da Área de Humanidades e Ciencias Sociais do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Felipe Criado, e o socio promotor de Xestionarte, David Chao, abordarán o potencial económico dos proxectos de
patrimonio cultural.

Na xornada da tarde, os asistentes ao congreso participarán nunha visita guiada ao patrimonio histórico e artístico da USC, co que rematará o conxunto de actividades deste encontro internacional de emprendemento universitario.

Organizado polo programa de fomento da cultura emprendedora da USC, Uniemprende, o congreso conta co apoio da Cátedra Unesco de Innovación e Xestión da Cultura Emprendedora no marco universitario e co patrocinio da Xunta de Galicia e Banco Santander.

Gabinete de Comunicación da USC, 2008-05-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES