A Consellaría de Innovación e Industria entregou en Santiago de Compostela os Premios Galicia de Investigación 2007, organizados anualmente pola Xunta de Galicia para premiar o traballo de investigadores de recoñecido prestixio. Os galardoados nesta edición foron os doutores Carlos Pajares Vales, Miguel Ángel Correa Duarte e Roberto López Valcarce. Nesta edición, os Premios Galicia de Investigación cumpriron o seu X Aniversario.
O acto contou coa asistencia da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Elena Sánchez Piñón; do director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia; do secretario xeral de Política Científica e Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, José Manuel Fernández de Labastida; e dos reitores da Universidade de Santiago, Senén Barro, da Universidade de Vigo, Alberto Gago, e da Universidade da Coruña, José María Barja, ademais de destacados membros da comunidade científica e investigadora galega e outras autoridades.
Durante o acto de entrega dos galardóns, o conselleiro de Innovación e Industria salientou que é básico o labor que desenvolven as persoas dende as universidades e os centros de investigación xa que os seus froitos son imprescindibles para calquera país aínda que non sempre inmediatos. Recompensando o traballo realizado nos diversos ámbitos da investigación estamos en última instancia a incentivar que o noso País xere investigación básica como o primeiro paso na cadea da I+D e da posterior innovación tecnolóxica que se poida trasladar á sociedade e ao tecido produtivo. E nese proceso os nosos recursos humanos son fundamentais, destacou o conselleiro.
A Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, convoca anualmente os Premios Galicia de Investigación como máximo recoñecemento institucional á actividade investigadora. Cada ano estes galardóns dedícanse a unha área do coñecemento diferente, sendo nesta ocasión convocados baixo a modalidade Premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica. Os premios están dotados con 38.000 euros na categoría sénior e con 7.000 na categoría de investigadores mozos.
Os Premios Galicia de Investigación recoñecen nesta edición a traxectoria investigadora no campo da Física do que foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1984 e 1990 Carlos Pajares Vales. Na categoría de investigadores mozos, o xurado decidiu outorgar o Premio ex aequo a Miguel Ángel Correa Duarte, doutor en Químicas, e a Roberto López Valcarce, doutor enxeñeiro en Telecomunicacións.
A orixe do universo
Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945) é doutor en Física e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi reitor entre 1984 e 1990. Destaca o seu traballo investigador no campo das partículas elementais e é recoñecido internacionalmente o valor das súas achegas no campo das interaccións partícula-núcleo e materia a alta densidade. Carlos Pajares centrou a súa investigación na orixe do universo e en como reproducir experimentalmente este fenómeno mediante aceleradores. Foi o primeiro decano da Facultade de Física da Universidade de Santiago así como o responsable de formar o Departamento de Física de Partículas Elementais. O grupo de investigación de materia de alta densidade co que traballa na actualidade está considerado como un dos máis destacados deste campo.
No seu discurso ao recibir o Premio, Carlos Pajares salientou que considera que o Premio concedido é en gran medida un recoñecemento a un labor que en moitos aspectos non é un mérito individual senón de moitas persoas. Estou seguro que o Xurado tivo en conta a miña participación na orixe e desenvolvemento da Facultade de Física e en particular da área de Física de Partículas. Por iso é de xustiza agradecer a todos os que participaron co seu traballo e enxeño en construír o prestixio con que contan hoxe en día.
Resultados de investigacións de Carlos Pajares, como o teorema self-shadowing , a absorción da partícula J en núcleos e as interaccións de campos de color correspondentes a diversas fontes formando a percolación de cordas, tiveron unha ampla difusión e o recoñecemento internacional a través dos traballos publicados en diversos países.
O novo Premio Galicia de Investigación é autor de máis de 130 artigos de investigación publicados nas mellores revistas especializadas, así como doutros 45 artigos como resultado de conferencias e congresos. Publicou ademais os libros Interacción a las interacciones fuertes e Relativistic Nuclear Interactions.
Carlos Pajares é membro de diversas comisións e comités científicos. Foi vicepresidente da Real Sociedade Española de Física, asesor da Unión Europea sobre plans de estudo de Física, membro do comité científico Outreach do Centro Europeo de Partículas Elementais. Formou parte ademais dos consellos asesores da Enciclopedia Galega, da Revista Galega do Ensino e da Revista Española de Física, así como da sección de Ciencia e Sociedade do Consello da Cultura de Galicia.
O Premio Galicia de Investigación únese a outros recoñecementos recibidos con anterioridade: foi nomeado Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas, distinción concedida polo goberno francés, e recibiu o Premio Xunta de Galicia de Divulgación Científica en 1994 e a Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Física en 2000.
Nanotecnoloxía e telecomunicacións
Na categoría de investigador mozo, o xurado decidiu conceder o Premio ex aequo a Miguel Ángel Correa e a Roberto López Valcarce debido á excelencia demostrada polos dous candidatos, o primeiro na investigación en nanotecnoloxía e o segundo polo seu traballo no campo das telecomunicacións.
Miguel Ángel Correa (1971) licenciouse en Ciencias Químicas na Universidade de Santiago de Compostela en 1997 e doutorouse na mesma especialidade na Universidade de Vigo en 2002. Como investigador centra o seu traballo no campo da nanotecnoloxía, concretamente no desenvolvemento de novos materiais multifuncionais para aplicacións en diferentes sectores.
Miguel Ángel Correa realizou estadías en centros de investigación de Estados Unidos e Alemaña. Actualmente é investigador principal do proxecto Funcionalización de nanotubos de carbono para aplicacións como biosensores e microrreactores, financiado pola Xunta de Galicia. Publicou 30 artigos en revistas especializadas e no último ano foi censor científico de máis de sesenta traballos en publicacións internacionais.
Pola súa banda, Roberto López Valcarce (Ponferrada, 1971) é doutor enxeñeiro de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que exerce como profesor contratado desde 2006, formando parte do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións. O seu traballo investigador desenvólvese na área do procesado da sinal, principalmente na súa aplicación ás comunicacións dixitais e na eliminación das distorsións producidas en procesos de transmisión.
Especializouse no campo da transmisión de sinal nun máster realizado na Universidade de Iowa (Estados Unidos), na que tamén se doutorou no ano 2000 e exerceu como investigador e profesor axudante.
No ano 2005 un artigo publicado nunha revista especializada da área das telecomunicacións, foi recoñecido como o mellor artigo publicado sobre procesado de sinal polo IEEE (Institute of Electronic and Electric Engineers). Publicou preto de 30 artigos máis e participou no libro Comunicaciones Digitales (Pearson Educación, 2007).
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.