Notas de prensa

A Facultade de Matemáticas da USC reuniu nun emotivo acto ás antigas promocións no seu 50 aniversario

Membros das cincuenta promocións que xa saíron da Facultade compostelá de Matemáticas asistiron no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a un emotivo acto académico co que se conmemorou o aniversario da implantación desta Licenciatura na USC.

O acto estivo presidido polo reitor, Senén Barro, que estivo acompañado do director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; da presidenta do Comité Español de Matemáticas (CEMAT), Olga Gil Medrano; do decano da Facultade, Juan Viaño; e da que fora profesora na primeira promoción e primeira doutora na Facultade, Antonia Ferrín Moreiras, que interveu en calidade de madriña nunha honra que compartiu co premio Abel 2005 Peter Lax, que non puido asistir á cerimonia.

Foron máis de douscentos os asistentes, ademais do alcalde da cidade e numerosas personalidades, entre licenciados, profesores, estudantes e persoal de administración e servizos, todos protagonistas dos 50 anos de historia das Matemáticas na Universidade compostelá. Entre eles, o reitor da Universidade da Coruña, José Mª Barja; o presidente do Principado de Asturias, Vicente Ãlvarez Areces; e o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

O acto comezou coas palabras de benvida do profesor Luis Hervella, un dos coordinadores da conmemoración xunto co decano e a profesora Elena Vázquez. Logo, en representación dos presentes interviñeron tres licenciados en Matemáticas actualmente en distintos sectores profesionais. O mozo Pablo Fernández Ascariz, controlador aéreo de AENA, fixo un relato ameno dos anos universitarios á vez que reivindicou o papel desta carreira na sociedade, que prepara a matemáticos, “imprescindibles no mercado laboral non polo que saben senón polo que poden facer”.

Pola súa banda, a coordinadora do proxecto de estímulo do talento matemático ESTALMAT-Galicia, Mercedes Feijoo Díaz, falou do orgullo que supón ser hoxe docente desta disciplina no ensino medio. Por último, o presidente do grupo EDISA, Alfonso Amorín Gómez, divertiu aos asistentes cunhas verbas nas que reivindicaba a rigorosidade dos matemáticos “en todos os eidos da vida nun tempo, o de hoxe, que non se caracteriza precisamente por iso”.

Na sesión entregóuselle un diploma conmemorativo a 50 licenciados que representaban ás distintas promocións saídas da Facultade. Estes matemáticos elixíronse entre os inscritos tratando de facer visibles os distintos sectores profesionais nos que os matemáticos exercen o seu labor. Así, atopábanse profesores do ensino medio e secundario, docentes e investigadores universitarios, empresarios de distintas ramas, traballadores en empresas de finanzas, consultoría, programación, cargos universitarios e políticos de relevancia.

Continuou o acto coas verbas do decano da Facultade “nun día grande para a nosa Facultade”. No seu discurso fixo un percorrido pola historia da Licenciatura para rematar dicindo que “as Matemáticas en Galicia están, 50 anos despois, ante unha magnífica oportunidade para ensanchar os seus logros ata límites que os nosos antepasados nunca puideron soñar”. Unha afirmación, a de Viaño, que corroborou Olga Gil, para quen “a matemática española é impensable sen a galega”. Destacou a presidenta do CEMAT o traballo colectivo e esforzo continuado do centro compostelán “que foi o primeiro en saber que había que formarse máis e mellor e enviou aos seus estudantes e titulados aos mellores centros de investigación do estranxeiro”.

Xa rematando, tanto Rogelio Conde-Pumpido como o reitor Senén Barro coincidiron en subliñar o importante e ilusionante momento que se lle abre á Facultade e o rigor e seriedade con que está a afrontar os retos que veñen neste tempo de cambios.

As orixes da Facultade

As actividades da Sección de Matemáticas comezaron en Mazarelos, no antigo edificio da Facultade de Xeografía e Historia no curso 1957-58. Os primeiros profesores da disciplina foron o catedrático extraordinario de Astronomía, Ramón M. Aller, o profesor adxunto encargado de cátedra, Enrique Vidal Abascal, e a axudante de clases prácticas, Antonia Ferrín Moreiras. Entre outros docentes que se incorporaron á Sección ata a súa definitiva implantación no curso 62-63, cabe destacar a Eduardo García-Rodeja Fernández.

A celebración do 50 aniversario da sección coincide co 30 aniversario da creación da Facultade no curso 1977-78, ao dividirse a de Ciencias nas Facultades de Química, Bioloxía e Matemáticas, e cos 25 anos do traslado ao actual edificio no Campus Sur en 1983.

O primeiro decano foi o profesor Enrique Vidal Abascal ata súa xubilación en 1978. En anos posteriores sucedérono Eduardo García-Rodeja Fernández (1978-1984), Xosé María Masa Vázquez (1984-1989), José Luis Freire Nistal (1989-1990), Celso Rodríguez Fernández (1990-1994), Enrique Macías Virgós (1994-2001) e Juan Manuel Viaño Rey (2001- ). Actualmente, son 90 os profesores e investigadores do centro repartidos en cinco Departamentos. A súa biblioteca, con 27.000 volumes, 300 revistas e acceso electrónico a máis de 500, está considerada como unha das mellores de España.

Nestes 50 anos, son mais de 2.500 os licenciados saídos das aulas da Facultade compostelá e un total de 210 doutores, dos que son mulleres exactamente un terzo. Muller tamén é a autora da primeira tese lida na sección no ano 1963, Antonia Ferrín, dirixida por Ramón Aller. Ademais, neste tempo outorgáronse dous doutoramentos honoris causa propostos polo centro, en 1989 o matemático francés J.L. Lions, considerado o pai da matemática aplicada e en 2008 o probabilista alemán W. Stute.

Alto grao de inserción laboral

Se ben a docencia nos niveis de secundaria foi a saída, case exclusiva, dos licenciados en Matemáticas da USC ata principios dos noventa, nos últimos cinco anos este campo só absorbe o 45% dos graduados galegos, en tanto que o resto fano nos ámbitos da empresa e laboratorios de I+D.

Neste mesmo senso, os estudos de inserción laboral realizados nos últimos anos pola Facultade, pola Axencia Galega de Calidade do SUG e pola Real Sociedade Matemática Española proporcionan resultados concluíntes, a incorporación dos titulados en matemáticas ao mercado laboral é un proceso moi rápido, xa que despois de dous anos o índice de desemprego é só do 5%. Ademais, o 52% obtén un emprego estable en menos de seis meses e en dous anos a porcentaxe alcanza o 80,9%.

Pioneira na adaptación ao EEES

A Facultade de Matemáticas da USC é pioneira na adaptación dos seus estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior, pois será unha das tres Facultades españolas que o vindeiro curso 2008-09 comezarán a impartir o novo título de Grao en Matemáticas, de catro anos. Neste momento no centro impártense tres programas de doutoramento, con dous títulos oficiais de máster de perfil profesional-investigador (Enxeñaría Matemática e Técnicas Estatísticas). Un terceiro Máster en Matemáticas Avanzadas, de carácter investigador, deberá implantarse no curso 2009-10.

Sede do Instituto Español de Matemáticas

Coincidindo con esta conmemoración, Galicia foi elixida como unha das catro sedes do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) creado polo Ministerio de Educación e Ciencia como unha dás accións estratéxicas do Plan Nacional de Matemáticas. Foi feita en competencia con outras ofertas de distintas comunidades autónomas en base a unha proposta avalada economicamente pola Dirección Xeral de I+D+i, co apoio de máis de 70 institucións de investigación de toda Galicia e unha proposta científica dun equipo promotor de dez matemáticos das tres universidades de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2008-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (costa-feira-2026.jpg) Sanxenxo volverá converterse este verán nun dos grandes referentes da música en directo en Galicia coa celebración da cuarta edición de Costa Feira, un evento que ofrecerá máis dunha decena de concertos e propostas musicais entre os meses de xullo e agosto no recinto do Polígono de Nantes. O ciclo arrancará o 24 de xullo con Wake Up! in Costa Feira e continuará o 28 de xullo e os días 4, 11 e 18 de agosto coa proposta Electrolatino, que reunirá artistas destacados neste xénero como Henry Méndez, Danny Romero, Jose de Rico, Anthony & Yeigo, Jay Santos, Marc Magán ou Mar Lucas.
Foto de la tercera plana (abril-cultura-camino.jpeg) Ponse en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas. O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha.

Notas

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande, e a directora do Campus Terra, Marta Miranda, inauguraron este xoves 18, no edifico Cactus do Campus de Lugo, unha nova edición do Foro empresarial Galicia–Asia que xirou na súa primeira xornada arredor do ecosistema da saúde. Alimentación e lonxevidade, así como as posibilidades da robótica asistencial, foron outros dos aspectos abordados na reunión.
O transporte marítimo enfróntase a un dos grandes desafíos da súa transición enerxética: decidir que combustibles alternativos empregar nun contexto no que aínda existe pouca experiencia operativa e escasean os datos sobre o seu comportamento real. Metano, metanol, amoníaco ou hidróxeno aparecen como alternativas para reducir as emisións do sector, pero a súa implantación introduce novas incógnitas relacionadas coa seguridade, o almacenamento e a operación dos buques.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES