Notas de prensa

José Ignacio Silva, Premio Ourense de Contos 2008

Convocado pola Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense, o galardón premia a obra Catro esquinas con 800 euros e a publicación do relato que evoca o pasado, presente e futuro feliz ou atormentado de varias personaxes.

José Ignacio Silva Regueira, de Carballo, de 29 anos, acadou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade que na súa 25ª edición, convocaron a Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense, co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello de Ourense e a Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar, como contribución á festa do Día das Letras Galegas.

Pola obra “Catro esquinas” recibirá 800 euros, ademais de vela publicada. “Trátase dun relato que evoca os felices ou atormentados pasado, presente e futuro de varios personaxes que gozaron todos de diversos ceos e infernos en diferentes tempos vitais, mesturando as voces narrativas, ao igual que o fan os personaxes nas pequenas historias que conforman o relato” en opinión do propio autor.

José Ignacio Silva Regueira. Carballo, 1978. Licenciado en dereito pola Universidade da Coruña. Afeccionado á guitarra, á lectura, a escribir e ao deporte en xeral. Levou o primeiro premio do concurso GZcrea 2006 de creadores novos na modalidade de relato, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Na conmemoración dos 25 anos do certame, a Concellería de Cultura do Concello de Ourense instituíu o Premio Eduardo Blanco Amor, para os estudantes matriculados nos centros de ensino ourensán, dotado con 500 euros, correspondéndolle a Roberto Rodríguez Álvaro, do Instituto Blanco Amor, polo conto “O xardín do noso veciño”

Tamén se publicarán os catro accésit, que recaeron en Mónica Fernández Armesto, de Paradela (Lugo), polo conto “Escravas, princesas e unha muralla”; Cristina Ferreiro Real, de Lugo, pola obra “Conversas”; Miguel Segador López, de Ourense, polo conto “Pantasma na taiga”; e Alba Sánchez Ares, de Santiago de Compostela, por “Bolboretas” —este último, dentro do apartado de menores de 18 anos—. Cada un dos catro recibirá 250 euros de premio.

Ao concurso presentáronse vinte e cinco contos de vinteún autores proce-dentes de toda Galicia. O Xurado estivo composto por Serafín Alonso, Natividade Borrajo, Raquel Feijoo, Marco Valerio Lama, Soedade do Muiño e Benito Losada, como secretario sen voto.

A entrega dos premio farase no mes de xuño, na próxima Feira do Libro, que terá lugar en Ourense. A excepción do Premio Blanco Amor que se entregará en decembro nos actos que se organizan na cidade en lembranza e homenaxe do autor de “A Esmorga”.

Casa da Xuventude de Ourense, 2008-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES