Notas de prensa

Existen máis de 1.100 palabras en Galicia para designar as partes dunha vaca

O dato achégao unha tese que se defende este martes na Facultade de Filoloxía da USC.

Titulada O léxico da vaca: nomes baseados no físico, unha tese da USC recolle máis de 1.100 palabras empregadas en Galicia para designar as partes dunha vaca. O traballo, que se defende este martes na Facultade de Filoloxía, realizouno o doutorando do Departamento de Filoloxía Galega, Xosé Afonso Álvarez Pérez, e dirixiuno o profesor Manuel González.

Ademais de ofrecer a distribución xeográfica do léxico, a investigación mostra individualmente cada unha das formas dende diferentes perspectivas ofrecendo unha análise morfolóxica, etimoloxía, primeiras documentacións, tratamento lexicográfico ou vitalidade na literatura.

Deste xeito, Xosé Afonso Álvarez estudou a posible orixe de moitas das palabras como, por exemplo ‘cuxo’. Esta serve para denominar a cría da vaca e “podería ter sido creada a partir dunha voz de chamada ou polo ruído de succión do animal”. O novo investigador tamén destaca a “abraiante” cantidade de léxico como “forca, gadaña e picaña” que, ademais de designar apeiros de labranza, serven para referirse aos cornos da vaca segundo a súa forma.

Sobre a distribución xeográfica do léxico, Xosé Afonso Álvarez explica que, segundo a palabra, existe un uso concreto nun lugar ou ben emprégase en toda Galicia. ‘Becerro’ sería un caso paradigmático de utilización xeral e ‘cuxo’ da local.

O principal material empregado na tese é o inédito do Atlas Lingüístico de Galicia recollido entre 1974 e 1977 e que abarcou todo o territorio administrativo galego e quince puntos de zonas limítrofes. Para completar esta rede, tamén contou con 216 enquisas realizadas entre marzo e abril de 1969.

Xosé Afonso Álvarez non recolleu información polo abundante material xa existente sobre a cuestión e porque, ata hai pouco, a vaca estaba presente en case todas as casas. Non obstante, actualmente, a progresiva mecanización do campo, as novas políticas agrarias ou o despoboamento rural causaron a desaparición dun enorme número de reses no eido familiar e, como consecuencia, de gran parte do léxico da vaca.

Noa Díaz (Gabinete de Comunicación da USC), 2008-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES