O Consello de Goberno aprobou a primeira fase do Plan de Choque de PDI, coa asignación de 25 prazas, cumprindo así coa promesa electoral do equipo reitoral e que foi aprobado na programación plurianual de 2007. Este Plan servirá para que as áreas estruturalmente máis deficitarias poidan acometer os seus labores investigadores e docentes en mellores e máis estables condicións para o futuro.
A súa posta en marcha faise no preciso momento no que hai que acometer a creación dun novo modelo de Grao-Posgrao-Doutoramento, de xeito que contribuirá a garantir a necesaria mellora das áreas. Xunto con este plano porase en marcha outro estratéxico para programar o futuro das áreas, que se aplicará xa cos novos criterios de dedicación do profesorado que están a ser elaborados.
350 prazas de Medicina
Por outra banda, na mesma xuntanza a Universidade de Santiago estuda hoxe aumentar a 350 o número de prazas ofertadas para a Licenciatura en Medicina, de xeito que o límite desta titulación se incrementaría en 50 con respecto ao curso pasado.
De aprobarse a proposta no Consello de Goberno, no Campus de Santiago seguirían a ser sen límite as titulacións de Relacións Laborais, Economía, Administración e Dirección de Empresas, Dereito, as Filoloxías, Filosofía, Física, Química, Historia, Historia da Arte e Xeografía. Xa en Lugo, tampouco terán límite Relacións Laborais, Filoloxía Hispánica, Humanidades, Ciencias Empresariais; os segundos ciclos de Administración e Dirección de Empresas, Química, enxeñarías Agrónoma e de Montes e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; e as enxeñarías técnicas en Mecanización e Construcións Rurais, Industrias Agrarias e Alimentarias, Hortofruticultura e Xardinaría, Explotacións Agropecuarias e Forestais, así como a Enxeñaría Técnica en Química Industrial.
Manterían o mesmo número de prazas que este curso as titulacións de Óptica; todas as de Ciencias da Educación de Santiago e da Escola de Formación do Profesorado de Lugo; Xornalismo; Comunicación Audiovisual; Farmacia; Odontoloxía; as enxeñarías técnicas en Topografía e en Obras Públicas; Enfermaría tanto en Santiago como en Lugo; e o primeiro ciclo de Enxeñeiro Químico. E mentres que o límite de prazas aumentaría para a Enxeñaría Técnica en Informático de Sistemas, en Traballo Social e Bioloxía diminuiría.
Por outra banda, o vindeiro curso poñeranse en marcha os primeiros graos oficiais da USC adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior. No caso de Ciencia Política e da Administración ofertaríanse 100 prazas, mentres que Matemáticas arrancaría sen límite.
Calendario académico dos estudos oficiais
Na xuntanza trátase ademais o calendario académico do curso 2008-09 para os estudos oficiais de grao e master, que presenta algunhas diferenzas con respecto ás demais titulacións, de xeito que o período lectivo comprenderá do 22 de setembro de 2008 ao 31 de xullo de 2009. O primeiro cuadrimestre estenderase ata o 7 de febreiro, mentres que o segundo será entre o 9 de febreiro e o 20 de xuño de 2009.
Ademais, en cada curso académico os estudantes terán dereito a dúas oportunidades para seren avaliados. A primeira terá lugar a final de cada cuadrimestre do 22 de xaneiro ao 7 de febreiro e do 4 ao 20 de xuño- e a segunda en xullo, do día 6 ao 21.
Novas titulacións
Na xuntanza debátense ademais as liñas xerais da USC para a elaboración das novas titulacións oficiais como o grao, o máster universitario oficial e os programas conducentes ao título de doutor. Outro punto a estudo é o procedemento que rexerá o proceso de presentación das propostas de titulacións de grao e elaboración das correspondentes memorias de planos de estudo, ademais dun documento sobre normas de xestión das ensinanzas de grao na USC.
Outros asuntos
Outros asuntos da orde do día son a modificación da convocatoria da Escola Infantil Breogán para o vindeiro curso, entre elas a actualización dos seus prezos; prazas de profesorado; profesores eméritos; anos sabáticos; cursos de posgrao propio e a designación de tres membros do Consello na Comisión de Mecenado e Colaboración.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.