Notas de prensa

Carolina González gaña o Certame Moda Tesoira 2007

Rosa Martínez Isla, de Vigo, acada o segundo premio coa proposta Corozas e a lucense Lucía Casanova clasifícase en terceiro lugar con Versus. Os galardoados reciben premios en metálico e bolsas de formación con deseñadores galegos.

A moza Carolina González García, natural de Mondariz-Balneario e residente en Vigo, acadou o primeiro premio do Certame Galego de Creadores Novos de Moda Tesoira 2007 que organiza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude no marco do programa GZcrea. A viguesa María Rosa Martínez Isla e a lucense Lucía Casanova ocuparon respectivamente o segundo e terceiro posto.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, entregoulle o galardón á gañadora no transcurso da gala final celebrada no teatro Caixanova de Vigo. Quintana salientou a iniciativa, os valores, a imaxinación e a creatividade que amosa a mocidade galega e calificou o Tesoira como “unha pasarela de progreso”. O vicepresidente enmarcou o certame na aposta do goberno galego por potenciar tanto os sectores produtivos tradicionais como aquelas empresas que se basean na creatividade. Deste xeito, amósanselle ó mundo creadores cunha gran proxección de futuro cuxas obras se coñecerán a nivel internacional, actuando estes mozos como auténticos “embaixadores” do país.

Carolina González García, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, acadou o primeiro premio do Tesoira 2007 coa colección ‘De papel’, elaborada precisamente con papel Guarro branco de 150 gramos. Os seus deseños combinan diferentes texturas para crear volumes e sensacións lumínicas, nunha liña máis conceptual que práctica. Trátase dunha proposta austera que permite acceder a un plano intimista, protagonizada polos cortes limpos e contundentes. A deseñadora, de 29 anos, está realizando o segundo curso de doutorado ‘Modos de coñecemento na práctica artística contemporánea’ na facultade de Belas Artes de Pontevedra.

María Rosa Martínez Isla, de 21 anos e nacida en Vigo, recibiu o segundo premio de mans do presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso. Baixo o epígrafe ‘Corozas’, esta moza de 21 anos presentou un conxunto de creacións que reflicten unha mirada ó futuro que evoca o pasado, con deseños que constrúen unha ponte entre a reinterpretación da artesanía galega e o expresionismo alemán. Combina arpilleira e papel con volumes tridimensionais que configuran vestidos con liñas xeométricas, mantendo unha cor uniforme que, ó gual que as formas, se basea na estética das corozas. A autora participara na pasarela Pontus Veteris e na actualidade alterna os seus estudos de moda na facultade de Belas Artes de Pontevedra con traballos no sector.

O terceiro premio do ‘Tesoira 2007’ foi para Lucía Casanova Yañez, que naceu en San Ciprián (Lugo) hai 21 anos. A concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo, María Méndez, entregoulle o galardón pola colección ‘Versus’, que se compón de texturas moi diferentes, ó combinar teas fortes e pesadas con outras máis lixeiras. Mestura ademais tecidos que imitan os antigos xunto con outros máis actuais. ‘Versus’ é o resultado da confrontación de ideais e visións da vida entre dúas xeracións moi distintas, mozos e tereceira idade, e proponse unir ese enfrontamento. Lucía Casanova estuda un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño en Estilismo e Indumentaria na Escola Felicidade Duce.

O Certame Galego de Creadores Novos de Moda Tesoira 2007 está dotado con tres premios de 3.000, 1.500 e 1.000 euros para os clasificados en primeiro, segundo e terceiro lugar, respectivamente. Os tres galardoados obteñen tamén cadansúa bolsa de 3.000 euros para formación na industria téxtil cos deseñadores Cristóbal Vidal, Pilar Bande e María Mariño.

Transcurso da gala

A entrega de premios do Tesoira 2007 clausurou a gala que se desenvolveu onte pola noite e á que acudiron numerosos representantes da vida sociocultural, económica e política, entre eles responsables da Vicepresidencia como o propio Anxo Quintana, o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e o delegado provincial, Francisco Xabier Verea Argibay. O aforo quedouse pequeno para acoller o numeroso público, que se entregou no decurso dos desfiles que amosaron os deseños dos dez finalistas. Tratábase de Carolina González García, de Vigo, coa colección ‘De papel’; María Rosa Martínez Isla, de Vigo, con ‘Corozas’; Maruxa Calderón Pallín, de Lugo, con ‘Polarizado’; Olalla Novoa Seisdedos, de Vigo, con ‘Sivile row’; Mauro Menduiña Soto, de Cangas (Pontevedra), con ‘Gótica’; Ana Flora Rodríguez Bordas, de Vigo, con ‘Collage’s collection’, Lucía Casanova Yáñez, de Cervo (Lugo), con ‘Versus’; Leticia Priegue Lago, de Vigo, con ‘Pearl Harbor’; Lidia Poza Piñeiro, de Lalín (Pontevedra), por ‘Tarde de Domingo’, e Mariana Lucía Girola Iglesias, de Ourense, coa colección ‘Involue the convoluted’.

NotaA gala, presentada por Iria Pinheiro e retransmitida pola Televisión de Galicia, comezou coa actuación do grupo de pandeireteiras Leilía. Tras as cinco primeiras coleccións, interviu o grupo Espido, dúo integrado pola guitarra de Guillermo Fernández e a voz de Guadi Galego, ambos os dous músicos de Berrogüeto, que tamén tocou mentres o xurado se retirou a deliberar. A directora do centro de estudos superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Dolores Dopico, interviu antes de que concluíran os desfiles a instancias da presentadora e asegurou que a elección ía ser “moi difícil” dado o “alto nivel de experimentalidade” nas estruturas, formas e volumes dos deseños. Salientou ademais a creatividade e a innovación como aspectos a ter en conta na valoración.

O xurado do Tesoira 2007 estivo integrado polos deseñadores, Cristóbal Vidal, Pilar Bande, María Mariño e Jorge Galiñanes, e polos responsables académicos Guillermo Gómez Espinosa, Dolores Dopico e María del Mar Ciorraga Souto.

O Certame Galego de Creadores Novos de Moda Tesoira está organizado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e pretende dar a coñecer o traballo dos mozos deseñadores galegos proporcionándolles a oportunidade de participar nun desfile profesional para contribuír ó impulso do sector. Conta coa colaboración da Consellería de Innovación e Industria e da Consellería de Cultura e Deporte, e mais co patrocinio de Caixanova, a Televisión de Galicia e El Corte Inglés, en cuxos centros comerciais se exhibirán as coleccións gañadoras.




GABINETE DE COMUNICACIÓN
Carmen Novas
616 145 077
prensatesoira@gmail.com

Carmen Novas (Gabinete de Prensa Atesga), 2007-11-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES