Notas de prensa

Un cento de actividades organizadas por 30 entidades, na Semana da Ciencia

Cafés científicos, teatro, xornadas de portas abertas, exposicións e outras actividades percorren a xeografía galega do 5 ao 18 de novembro. Universidades e asociacións locais amosan a importancia da ciencia na vida cotiá.

A Semana da Ciencia 2007 inicia hoxe a súa andaina en Galiza. Durante dúas semanas, arredor de 39 entidades de todo tipo organizarán arredor dun cento de actividades para amosar á sociedade como a ciencia está presente e inflúe nas súas vidas cotiás. Cafés científicos, exposicións, visitas guiadas, teatro e todo tipo de actividades gratuítas, cun carácter especialmente lúdico e aberto a todos os interesados, celebraranse en 28 localidades galegas até o día 18. A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, é a encargada de coordinar cada ano en Galiza as actividades da Semana da Ciencia, para a que este ano se destina un orzamento superior a 1 millón de euros.

Tal e como salientou esta mañá na presentación da Semana da Ciencia 2007 o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, a Semana da Ciencia consitúe un evento de carácter europeo que se celebra do 5 ao 18 de novembro e cuxo principal obxectivo é involucrar á cidadanía na ciencia e na tecnoloxía. Nela participan todo tipo de entidades, como universidades, administracións públicas, asociacións e centros tecnolóxicos, co obxectivo común de difundir a investigación que se está a realizar en Galiza, abrir ao público os espazos reservados á ciencia, facer da ciencia e da tecnoloxía unha materia atractiva para o cidadán de a pé, incentivar a participación da xente nas cuestións científicas e espertar vocacións científicas e o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre os máis novos.

Nesta sétima edición da Semana da Ciencia, 39 entidades públicas e privadas galegas organizarán arredor dun cento de actividades en diferentes puntos da xeografía galega. A provincia da Coruña, con máis de 40 actividades, será a máis activa este ano, seguida de Pontevedra, con máis de 30 actividades, de Lugo, con preto de 20, e de Ourense, con unha ducia. As actividades máis comúns serán as exposicións, os obradoiros e as xornadas de portas abertas e visitas guiadas, nos que se busca a participación activa do público. Tamén haberá actividades cun formato máis novidoso como o teatro científico, os concursos, as feiras, os ciclos de cine e moitas outras actividades. O campo do saber abrangue todo tipo de áreas, desde as ciencias sociais ás matemáticas, aínda que con especial presenza dos temas medioambientais e a historia.

Algúns exemplos das accións que se levarán a cabo son os seguintes: as exposicións “Areeiro 25 anos contribuíndo ao agro”, coa que a Estación de Fitopatoloxía de Areeiro celebra o seu 25 aniversario, e a mostra do Museo de Historia Natural da USC “Coñecer para protexer: especies amenazadas da flora e fauna galegas”. Haberá obradoiros, como “A ciencia a remollo”, da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, o VII Obradoiro de Atronomía e Astrofísica en familia da Universidade de Vigo e Corto-circuitos de neurociencia da Universidade da Coruña. As actividades innovadoras en canto ao formato tamén terán o seu espazo, como o teatro de tema científco ou un “Circuito xurídico”, da Universidade da Coruña, na que un autobús-aula percorrerá durante seis días diferentes localidades galegas para suscitar o debate arredor de temas de actualidade nos que a ciencia e o dereito se interrelacionan.

Teatro científico

Durante a rolda de prensa, Xesús Ron, membro do grupo de teatro Chévere, presentou a actividade organizada pola Consellaría de Innovación e Industria para a Semana da Ciencia deste ano: a obra de teatro científico “Alá no fondo hai sitio abondo. Unha aproximación ao mundo da nanotecnoloxía”, da que representaron un pequeno avance. Esta obra, creada especialmente para a Semana da Ciencia 2007, representarase o día 10 de novembro na Casa das Ciencias da Coruña, o día 17 no Museo Provincial de Lugo, o día 24 e 25 no Marco de Vigo e rematará o día 1 de decembro no Museo Municipal de Ourense.

O grupo de teatro Chévere presentaranos nesta obra ao "Circo Atómico das Irmás Feynman" para darnos a coñecer un dos avances científicos máis asombrosos da historia da humanidade: a nanotecnoloxía, o “infra-mundo” dos átomos, e as súas consecuencias. Trátase dun acto gratuíto e aberto ao público, aínda que especialmente deseñado para que os rapaces de entre 6 e 12 anos, acompañados polos seus pais, se acheguen á ciencia.

A primeira parte do espectáculo consistirá en desenvolver xogos e ideas, con moito humor, que axuden aos asistentes a visualizar o cambio radical de escala que supón a nanotecnoloxía. A segunda parte do espectáculo tratará sobre o auténtico protagonista desta historia: o átomo e sobre como os investigadores e científicos chegaron a actuar sobre el.

Máis información: http://www.semandaciencia.org

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-11-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES