Notas de prensa

A Xunta entrega no xulgado a solicitude para poder entrar no Pazo de Meirás

Cultura recorda que ten o dereito de realizar inspeccións dos bens que forman parte do Patrimonio Cultural de Galiza e daqueles que poidan ser declarados BIC.

A Consellaría de Cultura e Deporte solicitou formalmente o amparo da Xustiza para que persoal técnico da Consellaría poida acceder ao pazo de Meirás e levar a cabo unha inspección do interior do edificio. Foi o letrado da Xunta de Galicia o que depositou esta mañá en representación da Consellaría a petición no rexistro dos xulgados do Contencioso-Administrativo da Coruña. Coa presentación desta solicitude, Cultura quere facer valer o seu dereito de inspección ante a obstrución dos propietarios á entrada dos técnicos.

A Consellaría de Cultura solicítalle ao xulgado que “determine o lugar, día e hora para que se proceda á entrada polos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio ou inste á Consellaría que poña en coñecemento do Xulgado a data de entrada”. É dicir, que fixe o Xulgado a data ou ben llo permita facer á propia Consellaría.

Cultura basea a súa solicitude en dous argumentos: o pazo forma parte do Patrimonio Cultural Galego e a inspección é necesaria para avaliar a súa declaración como Ben de Interese Cultural. En ambos os dous casos, a lexislación estipula que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten o dereito de acceder aos bens.

Dereito a inspeccionar os bens inventariados

O pazo de Meirás forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galiza. Neste sentido, aplícaselle o artigo 26.1 da Lei de Patrimonio de Galicia, tal e como recolle o escrito presentado hoxe nos xulgados: “Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia facilitarán o acceso, con fins de inspección, á Administración competente. Igualmente, estarán obrigados a permitir o acceso dos investigadores, previa solicitude motivada, aos bens declarados ou catalogados”,

Dereito de acceso aos bens que poidan ser declarados BIC

En segundo lugar, a Consellaría recorda que a entrada no pazo “é o único medio para avaliar tanto o estado de conservación e mantemento do pazo, como para investigar e estudar se o pazo reúne as condicións e características axeitadas para a súa posible declaración como ben de interese cultural”.

Na solicitude cítase o decreto de 430/199 polo que se regula a tramitación da declaración de bens de interese cultural: “en calquera momento a Consellaría de Cultura poderá efectuar a inspección directa do ben que se pretende declarar como ben de interese cultural e solicitar todo tipo de información e comprobación que sobre o mesmo estime conveniente”.

A Consellaría enfatiza que se trata dunha inspección exclusivamente técnica e que se salvagardará o dereito á intimidade das persoas propietarias: a inspección “realizarase, como non pode ser doutro xeito, do xeito menos restritivo e gravoso posible, limitándose os técnicos da Consellaría ao estritamente indispensable para a finalidade para a que se solicita a autorización”.

Carmen Polo manifestou nun principio a súa intención de permitir a inspección

Finalmente, xunto aos dous argumentos legais, a Consellaría recorda que a mesma propietaria do pazo, Carmen Polo Franco, respondeu nun primeiro momento de forma positiva á solicitude de inspección do pazo. Nun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con data de 19 de xaneiro, afirma “terei moito gusto en facilitar o acceso ao mesmo a esa Dirección Xeral aos efectos de comprobar o seu estado de conservación, que procurei que fose o correcto”.

Porén, os intentos levados a cabo pola Consellaría para fixar unha data e poder realizar así a inspección resultaron infrutuosos por mor da falta de resposta da propietaria. Sendo así as cousas, o departamento que dirixe Ãnxela Bugallo decidiu utilizar as súas competencias para fixar por si mesmo a data: o 30 de agosto. Esta decisión comunicóuselle nun burofax enviado aos propietarios cunha semana de antelación. O equipo de inspección estaba integrado por unha arquitecta, un arqueólogo e unha historiadora da arte.

Apertura de expediente sancionador con até 60.000 euros de multa

Contodo, o xoves día 30 de agosto, un avogado que se identificou como voceiro da propietaria comunicoulles aos membros do equipo que non podían acceder ao recinto. Ante esta obstrución, a Consellaría iniciou a apertura dun expediente sancionador que pode ter como consecuencia unha sanción de até 60.000 euros e deciciu facer valer os seus dereitos mediante a vía xudicial, unha intención que se materializou hoxe mesmo.

O labor dos técnicos

A Consellaría pretende levar a cabo unha recollida de información sobre a arquitectura interior do edificio, os bens susceptibles de seren considerados patrimonio cultural e o estado de conservación de todo o conxunto. O traballo de inspección incluirá tamén unha reportaxe fotográfica.

Estes datos deberán ser analizados polo persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e engadirse á restante documentación que nos últimos meses a Dirección Xeral recabou tocante á historia e ao valor do pazo.

Unha vez que se analice toda a documentación, a Dirección Xeral avaliará se o Pazo de Meirás reúne as condicións suficientes para ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC). En caso positivo, presentaríase un proxecto de declaración que incluiría, ademais dunha exposición dos motivos, o nivel de protección do pazo e do seu contorno.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2007-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-di-meola.jpg) O músico norteamericano acumula, entre outros logros, catro discos de ouro, dous de platino e máis de seis millóns de discos vendidos en todo o mundo. A lista de recoñecementos que recibiu ao longo dos anos é tamén extensa: entre outros, un doutor Honoris Causa do prestixioso Berklee College of Music, o Premio Honorífico Miles Davis outorgado polo Festival de Jazz de Montreal, un Premio á Traxectoria da BBC outorgado por sir George Martin en 2008 ou numerosos nomeamentos e premios Grammy. Al Di Meola, un auténtico xenio da guitarra e un prolífico compositor, acumula máis de 30 álbums como líder, ademais de moitos outros onde participou, con figuras como o supergrupo de fusión Return to Forever, o célebre Guitar Trio ou o trío Rite of Strings.
Foto de la tercera plana (sergas-mans.jpg) O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o novo fito acadado pola atención primaria galega ao conseguir cubrir a totalidade das prazas de formación convocadas para a especialidade de medicina e de enfermería comunitaria, un total de 260. Segundo explicou, 'Galicia terá a maior cobertura de prazas de formación en atención primaria dos últimos anos', ao lograr cubrir 207 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria e outras 53 no ámbito da enfermería. Caamaño destacou que este feito amosa que as propostas trasladadas polo Goberno galego ao Ministerio de Sanidade eran medidas necesarias e acertadas.

Notas

A Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA), a única que en España se dedica ata o momento á IA aplicada á medicina personalizada, presentouse este mércores 29 no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de xerar, nos vindeiros catro anos, novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas.
Este venres 30 de maio, Lalín converteuse na capital galega da ciencia coa cuarta edición de ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, unha expo-feira científica organizada pola Universidade de Vigo, que se celebra por primeira vez fóra das cidades que acollen os seus campus. O evento desenvólvese ao longo de toda a xornada no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero e comprende unha ampla e diversa programación de actividades científicas de carácter lúdico para todas as idades e intereses.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES