O director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez, e representantes de distintas asociacións empresarias de Ferrol, Eume e Ortegal, mantiveron unha reunión durante a cal acordaron establecer vías de colaboración para fomentar a Formación Profesional na comarca, co obxectivo de responder ás necesidades do mercado laboral e crear emprego de calidade. Neste encontro estiveron presentes José Ramón Franco, presidente da Asociación de Empresarios Ferrolterra (AEF); Ángel Manuel García, presidente da Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortega (CEFEOR); Alejandro Langtry, presidente da Confederación de Empresarios de Ferrol (CEF); e José María Orbaneja, coordinador do proxecto.
Así, durante a xuntanza os representantes dos grupos empresariais manifestaron o seu apoio á Formación Profesional regrada, que proporciona ao mercado empresarial traballadores cualificados. Neste senso, manifestaron a súa vontade de contribuír ao fomento destas ensinanzas, dado que hai ciclos cunha elevada inserción laboral que contan con taxas de matriculación reducidas.
Así, os representantes das asociacións empresariais e o director xeral comprometéronse a desenvolver un convenio que sirva de marco para actuacións posteriores entre as asociacións empresariais intersectoriais ou gremiais e empresas, co fin de pór en marcha actuacións concretas para cada caso. Estes acordos poderán contemplar medidas para atallar a problemática existente en sectores como o de Metal ou Hostalería, que contan cunha elevada demanda de profesionais que non se corresponden co número de matriculados. Deste xeito, promoveranse actuacións para o fomento do emprego, tanto para os titulados como para os que están cursando os ciclos, e unha maior implicación da empresa no período formativo, programando visitas ás empresas ao longo deste período, etc.
Acordo pioneiro
Pola súa banda, o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais agradeceu a boa disposición das tres asociacións, e afirmou que o futuro convenio pretende transmitir á xuventude que a Formación Profesional supón unha vía rápida para conseguir a súa inserción laboral. O convenio que a Consellería e os empresarios desenvolverán pretende, segundo Antonio Vázquez, fortalecer o diálogo entre a Administración educativa e as empresas en todo o referente á FP.
Así mesmo, o director xeral manifestou que se trata dun acordo pioneiro que debe ser o punto de partida para conseguir acordos similares con outras asociacións empresariais. Antonio Vázquez salientou ademais que esta colaboración supón o recoñecemento do nivel formativo da FP e do traballo que o profesorado realiza nos centros, e agradeceu aos empresarios a súa aposta por un emprego de calidade ligado á Formación Profesional.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.