
Máis de 10.000 persoas déronse cita na praia fluvial da Magdalena, en Vilalba, na festa do Programa Lecer para os Nosos Maiores que levar a cabo a Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Maiores chegados de todos os concellos da provincia de Lugo, doutros lugares de Galiza, e mesmo de Asturias e León participaron neste encontro, ao que asistiu tamén o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
No inicio desta festa, Anxo Quintana explicou aos medios que un dos eixes do Programa de dinamización, atención e promoción social dos maiores da Vicepresidencia pasa por desenvolver medidas de atención á dependencia, entre as que se inclúe a construción de 6 novas residencias, dúas delas na provincia de Lugo; a creación de máis de 50 centros de día, dos que 15 estarían situados nesta provincia; así como a próxima posta en marcha de transporte adaptado e a extensión de servizos como a axudan o fogar ou do xantar a domicilio, entre outras medidas. Neste senso o vicepresidente destacou a importancia da posta en marcha do Sistema Galego de Atención á Dependencia, e apostou por situar á Galiza na vangarda da atención ás persoas dependentes.
Outro do eixes de traballo aos que se referiu Quintana é do levar a cabo iniciativas encamiñadas a acadar un envellecemento activo que abranguen actividades como o turismo termal e rural ou o programa Coñece o teu país, para achegar a xente maior ao patrimonio artístico e natural galego. Para mellorar a calidade de vida das persoas maiores é preciso proporcionarlles a posibilidade de participar activamente na sociedade, insistiu Quintana, ao tempo que subliñou a importancia das actuacións nas áreas de formación e novas tecnoloxías, no ámbito do lecer e das relacións sociais, así como programas relativos ao voluntariado, á solidariedade e ao diálogo interxeracional. Dentro deste apartado enmárcase esta xuntanza dos maiores de Vilalba porque, segundo Quintana, a xente maior é experiencia, intelixencia, sabedoría e tamén lecer e alegría, xa que a vellez hoxe en Galiza é, ante todo, dinamismo, curiosidade e actividade, afirmou.
Anxo Quintana fixo unha especial mención ao papel dos avós e avoas nas familias galegas, ao favorecer a conciliación da vida familiar e laboral polo apoio prestado no seo dos fogares. É hora de empezar a falar da vosa importante contribución á nosa sociedade, tanto en termos de experiencia e coñecementos, como de aportacións económicas, indicou.
Dende as dez desta mañá, case un cento de autobuses e vehículos particulares procedentes de todo Lugo, do resto de Galiza e das zonas limítrofes de León e Asturias foron chegando á praia fluvial da Magdalena de Vilalba, onde a Vicepresidencia da Xunta instalou os distintos espectáculos que amenizaron a xuntanza.
As Pandereteiras de Andrade, a Charanga de Vilalba, o grupo Buxos Verdes e a Asociación Xuvenil Entre Lusco e Fusco acompañaron o xantar das máis de 10.000 persoas que hoxe se deron cita na praia fluvial de Vilalba, onde tamén estivo o vicepresidente da Xunta, a secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago, a delegada provincial da Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos, e numerosos alcaldes de toda a provincia de Lugo. A Orquestra Alianza e o Dúo D´Alba puxeron música dende primeira hora da mañá a este encontro.
Ademais do xantar, música e pasarrúas, no encontro leváronse a cabo outro tipo de actividades culturais coas que a Vicepresidencia confírelle a estes encontros un carácter multidisciplinar, lonxe dos tradicionais xantares populares nos que unicamente se reunía aos maiores para comer, sen ofrecerlles alternativas de ocio e cultura coas que aproveitar o seu tempo de lecer. Durante todo o día, no recinto desenvolvéronse obradoiros para coñecer os oficios e costumes de Galiza, con demostracións en vivo de artesáns, palilleiras, ourives e tecedores. Os xogos tradicionais tamén tiveron o seu espazo, con desenvolvemento de competicións pola tarde que contribuíron tamén a fomentar o intercambio interxeneracional. Mozos e mozas estiveron durante a xornada tocando instrumentos musicais, bailando e compartindo así un tempo de lecer cos máis maiores, favorecendo así o intercambio de coñecementos e vivencias entre novos e máis maiores.
Para facer posible este encontro, a delegación provincial da Vicepresidencia coordinou un amplo dispositivo, en colaboración co Concello de Vilalba, a policía local, a delegación de Sanidade, Cruz Vermella, Protección Civil e Garda Civil.
O Programa Lecer para os Nosos Maiores continuará o vindeiro mes de outubro coa celebración da festa de San Froilán en Lugo, e cos magostos de Ourense e Ferrolterra do mes de novembro. Os encontros do Lecer para os Nosos Maiores contan cun investimento global de 300.000 euros e buscan converterse nun espazo para fomentar o envellecemento activo dos maiores galegos, meta que a Vicepresidencia pretende impulsar a través de todas as súas políticas.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.