Notas de prensa

Quintana anuncia que antes de que remate o ano a Vicepresidencia podrá en marcha o 065 social

O vicepresidente visitou aos asistentes ao encontro dos maiores do Carballiño, onde se superaron as previsións de 30.000 participantes.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, achegouse hoxe ata O Carballiño para coñecer o desenvolvemento da xuntanza de maiores programada polo seu departamento. No transcurso da súa visita, Quintana anunciou que antes de que remate este ano a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar porá en marcha o 065 social, un servizo de transporte adaptado, que, segundo sinalou, terá especial incidencia nas provincias de Lugo e Ourense.


Á súa chegada á xuntanza, o vicepresidente salientou o rotundo éxito da iniciativa, ao desbordarse as previsións iniciais de 30.000 asistentes. Este encontro, pertencente ao programa Lecer para os nosos maiores, contou coa participación de persoas procedentes de toda Galiza e doutras comunidades limítrofes.


Asimesmo, Anxo Quintana afirmou que é prioritario construír unha rede pública de atención ás persoas maiores. Neste senso, anunciou que antes de que finalice o ano “cando menos uns mil maiores recibirán o servizo de xantar a domicilio”, que permitirá que moitas persoas maiores poidan seguir vivindo nas súas casas recibindo esta axuda. “Ese é o noso obxectivo”, sinalou Quintana, quen engadiu que tamén é importante “pasalo ben e por iso estamos aquí”, dixo.


Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, o programa Lecer para os nosos maiores pretende que as persoas maiores de todo o país poidan xuntarse e gozar de actividades de lecer especialmente deseñadas para elas. Este ano, a Vicepresidencia programou nove festas dentro deste programa, dúas por provincia e a do Carballiño, que, tanto por tradición como polo número de asistentes, ten o rango de festa de carácter nacional.


O vicepresidente da Xunta quixo tamén felicitar a todas as persoas que colaboraron na organización deste evento e agradeceulles o seu traballo, que contribuíu a que a festa se estea desenvolvendo cun rotundo éxito.


Durante a súa visita, Anxo Quintana aproveitou para saudar aos asistentes e interesouse polo desenvolvemento da festa, que transcorre sen ningún tipo de incidencia. Quintana fixo entrega duns agasallos conmemorativos deste encontro aos representantes de catro colectivos de fóra de Galiza que asisten á festa, antes de compartir un xantar no recinto do parque.


Éxito de afluencia

Máis de 30.000 persoas asisten á xuntanza de maiores no Carballiño. Os asistentes ao encontro proceden de toda Galiza e mesmo doutras zonas limítrofes –Castela e León e Asturias, principalmente- e chegaron ao Carballiño en máis de 200 autobuses, organizados especialmente para este evento, e en vehículos particulares.


A principal novidade desta iniciativa é que pretende ser máis que un simple encontro de persoas maiores e ofrece un completo programa para animar a participación activa. Nesta festa os maiores son os verdadeiros protagonistas. Trátase ademais dunha iniciativa pensada para fomentar que persoas de todas as idades compartan o seu tempo libre.


Programa actividades

A programación da xuntanza comezou ás 12,00 do mediodía cunha sesión vermú que incluíu o pregón a cargo de Superpiñeiro. Durante toda a xornada haberá animación de pasarrúas a cargo de Gomes Mouro, Ansuíña, os gaiteiros da Ponte Vella, Carlos de Viso e Pai de Cana.


Un punto salientable do encontro é a aposta pola recuperación das tradicións galegas, que inclúe a actuación do grupo Fiadeiro de Vigo, concursos de xogos tradicionais e a realización de obradoiros galegos para coñecer os oficios e costumes de Galiza, polo que se poden ver demostracións en vivo de artesáns, palilleiras, orfebres ou tecedores.


As orquestras Tony Pérez y los Arquinos e Nova Década son as encargadas de amenizar a festa coas súas actuacións, durante toda esta xornada. Os asistentes ao evento teñen que sufragar o gasto da comida pola súa conta, podendo comer nos postos ambulantes que hai montados no recinto da festa, levar eles mesmos a comida ou nos restaurantes do Carballiño, aínda que, a día de hoxe, xa non quedan prazas libres nos locais de restauración da vila. O menú para aqueles interesados en xantar dentro do propio recinto da festa constará basicamente de polbo, churrasco e carne ao caldeiro, ademais de pan, viño e postres típicos galegos.


Ademais, todos os maiores poderán achegarse ao stand instalado pola Vicepresidencia no recinto para ofrecer información sobre o Sistema Galego de Atención á Dependencia.


Vicepresidencia achega 50.000 euros para o desenvolvemento da xuntanza do Carballiño. A esta cantidade hai que sumar as aportacións que fan distintas entidades privadas.


Dispositivo especial
A delegación provincial da Vicepresidencia coordina un amplo dispositivo para a celebración deste encontro, en colaboración co concello do Carballiño, a delegación da Consellería de Presidencia, o 061, a Garda Civil, a Cruz Vermella, as policías local e autonómica e protección Civil. A organización e o desenvolvemento da xuntanza do Carballiño mobiliza un dispositivo de aproximadamente 200 persoas.


A esta cifra hai que sumar un grupo de entre 50 e 60 mozos e mozas da comarca que forman parte do equipo de organización e que, durante toda a xornada, encárganse de informar e axudar aos maiores en todo o que sexa preciso, tanto no interior do recinto da festa como polas rúas da vila. Deste xeito, foméntase a convivencia interxeracional entre os rapaces da comarca e os maiores participantes nesta xornada de lecer e dáse cumprimento a outro dos obxectivos básicos que se perseguen con estas celebracións.

Prensa vicepresidencia, 2007-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES