
Para min, como presidente da Xunta de Galicia é un deber especialmente grato presidir un acto coma este, de grande alcance simbólico, no que se escenifica o recoñecemento de Galicia a persoas e institucións que contribuíron ao engrandecemento do país, que fixeron do servizo á sociedade o seu norte e a súa guía. Estas son as palabras do titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, durante o acto de entrega das Medallas Castelao celebrado esta mañá no claustro de San Francisco, que nesta edición recoñeceron o labor realizado pola Fundación Érguete-Integración, pola cabeceira xornalística A Nosa Terra e pola editorial Hércules de Edicións.
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico salientou que as Medallas Castelao se erixen como expresión de recoñecemento e tamén de gratitude social e referiuse a elas como símbolo dun país que quere recoñecer e sabe distinguir as iniciativas que o fan cada día mellor, máis libre, máis xusto e máis próspero. De aí a vontade do Goberno que preside de fortalecer, ano tras ano, a dimensión social e institucional deste acto, conscientes engadiu-, de que todas as sociedades necesitan e demandan exemplos de excelencia na loita e na entrega por unha Galicia mellor.
Castelao e a Galicia como tarefa común
Tampouco é asunto casual nin menor que estes galardóns leven o nome de Alfonso Rodríguez Castelao, aseverou Pérez Touriño, lembrando que ningún outro nome da Galicia moderna logrou concitar na súa figura unha dimensión simbólica tan rica e plural, tan chea de matices e tan inequivocamente presidida por un intenso, tenaz e indestrutible amor a Galicia.
Que estas medallas se entreguen baixo a advocación e o exemplo de Castelao significa tamén que a figura do escritor, artista e político rianxeiro é un dos emblemas capaces de facernos pensar en Galicia como unha tarefa común na que cabemos todos, como unha obra colectiva á que todos e cada un dos cidadáns e das cidadás pode e debe achegar o seu particular e enriquecedor contributo, subliñou.
Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño indicou que os tres galardoados coas medallas nesta edición a Fundación Érguete-Integración, A Nosa Terra e Hércules de Edicións-, constitúen unha proba da capacidade dos galegos para abordar proxectos que transcendan as iniciativas estritamente individuais e unha demostración da vitalidade da sociedade civil galega nos ámbitos da comunicación, dos grandes proxectos editoriais e do traballo social a favor dunha sociedade máis xusta e integrada.
Cambio da consideración social do problema da toxicomanía
De Érguete, o presidente galego subliñou a durísima batalla que emprendeu contra a drogadicción e contra os efectos que esta conleva en canto ao deterioro da saúde, a destrución familiar e a marxinación social. O abnegado traballo de Érguete non se desenvolveu só nos despachos, senón tamén nas rúas, nos xulgados, nos centros de saúde, nos cárceres, engadiu Touriño, sinalando que, desde que se constituíu en Fundación, moitas familias e toxicómanos atoparon nela unha luz de esperanza, unha axuda para seguir loitando e un brazo forte e seguro no que se apoiar nos momentos de desánimo e desfalecemento. Érguete conseguiu que se fixese xustiza. Conseguiu cambiar a consideración social do problema da toxicomanía, sinalou.
Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico quixo referirse especialmente a Carmen Avendaño, que se converteu en símbolo, nunha muller valente, nunha nai coraxe e nunha heroína de verdade, a voz insobornable, e incansable loitadora que durante todos estes anos conseguiu facer de Érguete un movemento poderoso e vivo, dotado cunha extraordinaria forza moral, capaz de inducir cambios lexislativos, de animar a confección de programas gobernamentais de loita contra o narcotráfico e de sensibilizar á sociedade en relación con este crime e as súas vítimas, concluíu.
A Nosa Terra, parte importante da prensa galega
Do segundo dos galardoados coa Medalla Castelao, A nosa Terra, que apareceu por primeira vez hai cen anos, Pérez Touriño remarcou que conseguiu converterse en cabeceira xornalística de referencia da prensa escrita en lingua galega, dar os pasos necesarios para a súa modernización profesional e temática, e introducir nas súas páxinas voces plurais, non sempre coincidentes coa súa liña editorial.
Así mesmo, salientou que entre os anos 1916 e 1936 pasaron polas súas páxinas persoeiros tan importantes como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Lugrís Freire, Xoán Vicente Viqueira, Xosé Filgueira Valverde, Roberto Blanco Torres, Xaime Quintanilla, Alexandre Bóveda ou o propio Castelao.
Hércules de Edicións
O titular do Goberno autonómico cualificou a Hércules de Edicións como unha das nosas principais empresas culturais, capaz de facer do libro un motor xerador de riqueza e de postos de traballo. Pero, sobre todo, destacou o feito de que fose capaz de poñer en marcha esa arriscada e espléndida iniciativa editorial, hoxe presente en miles de fogares galegos, que todos coñecemos como o Proxecto Galicia.
O gran mérito do Proxecto Galicia porén, non está tanto en ter chegado recentemente con éxito aos 50 volumes que aínda van ter continuidade, como no feito de que un home, un emprendedor, Francisco Rodríguez Iglesias, fose capaz de atreverse a converter o seu soño nunha vizosa realidade, engadiu Touriño lembrando que Rodríguez é o líder dun gran proxecto colectivo xa que unha obra como o Proxecto Galicia non sería posible sen capacidade para aglutinar, convocar, dirixir e compartir.
Amor por Galicia
O presidente da Xunta rematou a súa intervención agradecendo ás tres entidades distinguidas coas Medallas Castelao 2007 que, desde esta pequena terra souberan decatarse de que a comprensión da grandeza do mundo empeza sempre por entender a grandeza da propia terra.
Quero, sobre todo, agradecervos a vosa contribución sobranceira a esa grandeza. Desde os proxectos colectivos, desde a fe nos propios soños, desde a loita pola xustiza. Sempre desde o amor a Galicia. Velaí o ronsel tracexado por Castelao no que vós inscribides desde hoxe os vosos nomes e as vosas obras, concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.