Notas de prensa

O Goberno impulsa un programa para garantir a seguridade pública

Así o explicou o conselleiro de Presidencia durante a inauguración dunhas xornadas sobre política criminal.

O Goberno galego está a dar pulo a un completo programa de seguridade pública no ámbito das súas competencias, tal e como pon de manifesto a aprobación no Parlamento de Galicia da Lei da Academia Galega de Seguridade Pública, a Lei de Emerxencias, a Lei de Coordinación de Policías Locais e, proximamente, a Lei de Policía de Galicia que creará un corpo policial propio. Así o afirmou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, durante a inauguración do Encontro da Asociación Internacional de Dereito Penal 2007. Retos da política criminal actual no Gran Hotel da Toxa. Estas xornadas servirán de marco de encontro dos membros da Sección española da Asociación Internacional de Dereito Penal que debaterán, durante tres días, temas cruciais da actual política criminal.

A Xunta de Galicia está inmersa nun proceso orientado a deseñar “un completo programa de seguridade pública no ámbito das súas competencias”, afirmou hoxe o titular de Presidencia, departamento que vén de desenvolver distintas normativas orientadas á consecución deste obxectivo. Méndez Romeu fixo un repaso polas leis que o Goberno galego vén de aprobar ou ten previsto ratificar para conseguir dito obxectivo.

Con respecto á Lei da Academia Galega de Seguridade Pública, o conselleiro sinalou que vai servir para crear “un verdadeiro centro de formación de profesionais en todos os ámbitos relacionados coa seguridade e que una, ao nivel de formación, a capacidade de investigar e de divulgar, para se transformar nun centro de referencia no marco do Estado español en políticas de seguridade pública”.

Ao mesmo tempo, o Goberno galego promulgou a Lei de Coordinación de Policías Locais e a Lei de Emerxencias “para facer fronte a problemas que teñen que ver con outro ámbito da seguridade, situacións de catástrofe e emerxencia, para impoñer códigos éticos, normas de transparencia e normas de boas prácticas na Administración autonómica que pronto se estenderán á Administración local”, dixo o conselleiro.

Creación da Policía de Galicia

O titular de Presidencia indicou que do mesmo modo que sucedeu noutros campos, como a xustiza, tamén a xestión da seguridade pública saíu, polo menos parcialmente, do monopolio do Estado e actualmente esta nunha interesante fase de competencias compartidas. Para o conselleiro a aprobación o próximo martes da Lei de Policía Autonómica de Galicia “vai permitir deseñar unha policía integral capaz de afrontar os temas de seguridade cidadá ou administrativa”.

Méndez Romeu subliñou que “no seu desenvolvemento, é vontade do Goberno da Autonomía avanzar cara a un modelo de complementariedade e non de substitución, para permitir mellorar índices de seguridade que aínda sendo magníficos na nosa Comunidade, con respecto á media de España e da Unión Europea, son sempre mellorables en ámbitos especializados”. Neste sentido, áreas como a seguridade viaria ou a protección da natureza, evidéncianse como campos onde se pode complementar de xeito notable a acción de todas as forzas e corpos de seguridade do Estado. Polo tanto, en palabras do conselleiro, “será unha lei de desenvolvemento complexo pero que marcará un fito na evolución do modelo policial español”.

Por último, Méndez Romeu salientou que esta lei está chamada a xogar un papel importante no ámbito da proximidade, en materia de protección e tutela de menores, de asistencia ás vítimas de violencia de xénero e de protección e tutela da inmigración.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2007-05-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES