O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presidiu en Santiago o sorteo oficial das prazas de campamentos de verán deste ano, que promove a Vicepresidencia da Xunta. Nesta edición houbo 10.279 solicitudes admitidas para o sorteo e ofertáronse un total de 5.866 prazas. Destas, no sorteo informático celebrado ante notario esta mañá, cubríronse 5.780 e 86 quedaron vacantes por falta de solicitudes. O sorteo, que puido ser seguido en directo polas persoas interesadas, priorizou aos solicitantes que se presentaron na campaña anterior e non obtiveron praza en ningún campamento, co obxectivo de que todos os mozos e mozas teñan a oportunidade de gozar deste tipo de actividades.
O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, destacou a transparencia e a calidade do proceso de adxudicación das prazas, imprescindible, sinalou, nun caso coma este no que hai máis solicitudes ca número de prazas.
As prazas sorteadas son as correspondentes aos campamentos para os rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos. A estas prazas hai que sumarlle as destinadas aos campos de traballo para maiores de 18 anos e as reservadas para persoas discapacitadas, para rapaces dos centros de menores e para os fillos e fillas das usuarias das casas de acollida.
A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade fará público o resultado do sorteo, incluídas as listas de espera, (2.325 solicitudes quedaron en lista de espera) e confeccionará a correspondente lista de admitidos para cada quenda de actividade. A comunicación do resultado do sorteo para os participantes seleccionados levarase a cabo vía sms e correo electrónico, segundo os datos achegados nas correspondentes solicitudes. No caso de que se produzan baixas, contactarase coas persoas inscritas nas listas de espera a través de chamada telefónica, mediante un sistema centralizado de control de chamadas para a asignación das reservas. Segundo o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, este sistema garante que se respecte a orde estrita de chamadas que se determina no sorteo e que só un funcionario se encargue das chamadas para unha quenda ao mesmo tempo. Ademais, respectarase o número límite de intentos de chamadas a cada reserva que é de tres, a realizar entre as 9,00 e as 15,00 horas.
Solicitudes
Este ano inscribíronse 10.273 mozos para participar nos campamentos de verán, 9.569 foron solicitudes simples, 331 dobres e houbo 14 solicitudes triples. Unha das novidades da convocatoria deste ano é que as familias puideron realizar solicitudes conxuntas para ata catro irmáns, cando ata o de agora, o máximo eran dous irmáns. Outra das novidades desta edición é que os participantes van poder consultar o estado da súa solicitude a través da páxina web www.xuventude.net ou www.rix.org.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.