
O Laboratorio de Aplicacións do Láser do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) da Universidade da Coruña, en colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria, está a realizar un proxecto para o uso do láser na restauración do patrimonio galego, especialmente no caso de elementos de granito. A investigación acadou 80.000 euros de financiamento de I+D+i dentro do Programa de axudas de Tecnoloxías da Construción e Conservación do Patrimonio do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.
O proxecto do laboratorio está encamiñado a dotar a Galiza dun equipo de láser que o Laboratorio desprazaría ás obras e lugares de interese, mellorando as tecnoloxías que existen actualmente a disposición do tecido empresarial galego. A investigación nesta materia conta xa cunha base consistente na Universidade da Coruña, pois o equipo do CIT que dirixe Armando Yáñez leva algún tempo estudando os seus usos. Como novidade nesta investigación, mentres os estudos anteriores serviron para ver cales son as capacidades do láser en arqueoloxía e en restauración, a investigación actual aproxímase en maior medida ás empresas, para coñecer as súas necesidades particulares, e ao uso do láser en granito.
Deste xeito, un dos elementos máis importantes do proxecto é a investigación que se fará dos usos do láser sobre o granito, un material predominante no patrimonio arquitectónico e artístico de Galiza. A partir de datos e de seleccións de emprazamentos que realiza o grupo de Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, os especialistas estudan a eficacia do láser como ferramenta de recuperación de construcións feitas con granito.
Ademais do traballo con este material, os responsables do estudo están comezando a planificar a actuación sobre obras do Museo de Pontevedra, que está previsto que se acometan o próximo ano. Neste caso, traballarase sobre diferentes materiais e soportes, con intervencións sobre policromías, retablos, etc.
ACTUACIÓNS POUCO AGRESIVAS
Sobre a importancia desta investigación, Armando Yáñez destaca que o láser está a substituír ás técnicas tradicionais de análise elemental en conservación do patrimonio, como son a microscopía electrónica ou os raios X. Tanto na restauración como en arqueoloxía, segundo este experto o láser mellora as tecnoloxías que o preceden porque permite unha actuación pouco agresiva e analítica.
Concretamente, en restauración actúa selectivamente sobre o material, o que permite eliminar unha capa sen alterar a que está debaixo e evitar así posibles danos. Esta mesma capacidade é fundamental para a análise arqueolóxica, xa que permite diferenciar as capas, analizar a súa composición e detallar os materiais ou as pinturas.
Na actualidade, o Laboratorio de Aplicacións do Láser está a traballar con empresas como Palladium, Galicia Proarte, Estudio de Arqueoloxía Ferrol e Adobrica Arqueoloxía, ademais de coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra, co Museo de Pontevedra e co Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. O grupo de traballo recolle as suxestións e demandas das empresas e institucións coas que colabora con respecto ás aplicacións do láser para despois analizar no laboratorio a viabilidade desas actuacións en concreto.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.