Notas de prensa

A Xunta investirá 107 millóns de euros na compra de solo en concellos galegos para vivenda protexida

En colaboración co Ministerio de Vivenda, actuará sobre un total de 500.000 metros cadrados e construirá 3.577 vivendas protexidas.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Vivenda e Solo, está a investir un total de 107.119.147 euros na adquisición e urbanización de solo para a construción de vivenda protexida en diferentes concellos galegos. Este investimento permitirá actuar sobre máis de 500.000 metros cadrados de solo e construír 3.557 vivendas protexidas.

Así se desprende dos acordos de áreas de urbanización prioritaria asinados entre o Ministerio de Vivenda, a Xunta de Galicia e diversos concellos galegos (Vigo, Pontevedra, Ferrol e Ourense), no que participaron, entre outros, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; a ministra do ramo, María Antonia Trujillo; e a titular de Vivenda da Xunta, Teresa Táboas. Así mesmo, na mañá de hoxe tamén tivo lugar a sinatura doutros convenios de colaboración en materia de rehabilitación, concretamente, en áreas de rehabilitación integral e áreas de rehabilitación de centros históricos con distintos concellos galegos.

Na súa intervención, o titular do Goberno autonómico salientou que o Executivo que preside está a actuar nunha dobre dirección para tentar garantir o acceso a unha vivenda digna a todos os cidadáns galegos: por unha banda, a rehabilitación integral de vivenda e a rehabilitación de centros históricos e, por outra, o incremento de solo protexido.

Respecto a este último punto, Pérez Touriño indicou que, ademais do acordo asinado esta mañá entre as distintas administracións, que permitirá mobilizar un inxente volume de recursos, a Xunta tamén prevé, coa modificación da Lei do Solo, incrementar ata un 40% a porcentaxe destinada á construción de vivenda protexida en todos os solos de novo desenvolvemento. Algo que, ao seu xuízo, “nos debe permitir, nos concellos medios e grandes do país, poder impulsar un volume moi importante de solo a disposición do obxectivo complementario de ser capaces de ofertar vivenda pública protexida nun determinado volume e calidades”, sinalou.

Respecto aos convenios asinados en materia de rehabilitación, o máximo mandatario autonómico explicou que recollen un total de 866 novas actuacións con cargo aos exercicios 2007, 2008 e 2009, nas que se investirán preto de 26 millóns de euros.

Segundo manifestou Pérez Touriño, a presenza dos 33 alcaldes galegos cos que se asinan os convenios, xunto coa presenza das administracións central e autonómica, é unha boa mostra da importancia “estratéxica” que ten a vivenda, e pon de manifesto preocupación dos dirixentes políticos por garantir o dereito dos cidadáns ao acceso a un vivenda digna.

“Estas actuacións van na dobre dirección de mellorar a calidade de vida das galegas e dos galegos e de recuperar o patrimonio, desde todos os puntos de vista, non só desde o punto de vista histórico, senón tamén das cidades e vilas de Galicia”, insistiu Pérez Touriño.

Impulso da vivenda pública

Na mesma liña, o presidente da Xunta lembrou que o Goberno que preside está a levar a cabo importantes actuacións dirixidas á creación de vivenda protexida e á rehabilitación de vivendas.

Polo que respecta á creación de vivenda protexida, a Xunta está a actuar nunha dobre dirección: por un lado, na promoción pública de vivenda e, por outro, na protección da vivenda, o que constitúe, segundo Pérez Touriño, “unha política integral” na materia.

Así, segundo remarcou Touriño na súa intervención, a Xunta cualificou como vivendas de protección autonómica un total de 6.172 construídas polo sector privado.

Xunto a isto, o mandatario autonómico avanzou que o ano 2006 foi o ano “no que se ten promocionado e impulsado máis vivenda de promoción pública”. “Téñense licitado, en total no ano 2006, 605 vivendas de promoción pública, o que significa o ano de máis licitación dos dez últimos anos”, engadiu Pérez Touriño.
Respecto á liña de rehabilitación de vivenda que está a impulsar a Xunta, Touriño sinalou que o obxectivo pasa por conservar o noso patrimonio arquitectónico nas vilas e nas cidades, xunto cos núcleos rurais. “O Goberno galego afronta a rehabilitación dos centros históricos, dos cascos vellos non centrándose soamente no feito urbanístico –explicou o mandatario autonómico-, senón pensando en volver a dotalos de vida, revitalizando o seu entorno coa actividade comercial, con espazos de ocio e espazos de convivencia colectiva”.

Neste sentido, Pérez Touriño referiuse a un novidoso programa de actuación que está a levar a cabo a Xunta, a merca de edificacións nos cascos vellos e centros históricos das vilas e cidades galegas, rehabilitándoos e poñéndoos a disposición dos mozos en réxime de alugueiro.

Xunto con isto, por primeira vez, decláranse áreas de rehabilitación integral en barrios do século XX (ata o de agora unicamente se viñan declarando áreas de rehabilitación integral dos cascos vellos e centros históricos); estase a realizar un “esforzo importante” na rehabilitación no medio rural (no ano 2006 rehabilitáronse no rural 3.271 vivendas, o que supuxo un investimento de 10.141.306 euros); e existe unha liña de actuación no eido da rehabilitación como son os procesos de renovación urbana, aos que a Consellería de Vivenda está a dedicar “importantes esforzos”.

“Este é o camiño”, aseverou o presidente galego, lembrando que este dinamismo tamén está a contribuír á creación do emprego nas pequenas empresas familiares xa que, segundo indicou Touriño, “neste ano mobilizamos 32 millóns de euros para o sector empresarial de rehabilitación coa conseguinte inxección na creación de emprego”.

Baixada dos prezos

Por último, o mandatario autonómico subliñou que tamén se está a actuar para tentar rebaixar o prezo da vivenda. A este respecto salientou “que en Galicia, no último trimestre sobre o anterior, ten baixado en 3 puntos”. “Os datos do trimestre último sobre o anterior significan tamén unha redución sobre o prezo da vivenda”, insistiu Touriño, lembrando que o prezo da vivenda se está a reducir en provincias como a de Ourense, pero non así en zonas como o litoral no que existe unha maior presión.

Obxectivos cumpridos en tres anos

Pola súa banda, a ministra de Vivenda, María Antonia Trujillo sinalou que en tres anos, máis familias galegas puideron acceder a unha vivenda, superando o obxectivo previsto para catro anos no Plan de Vivenda 2005-2008. “A noticia máis importante –sinalou- é que en solo tres anos máis de 43.000 familias galegas recibiron unha axuda por parte do Estado para poder acceder a unha vivenda. É dicir, en tres anos, obtívose un financiamento, permitiuse que máis de 43.000 familias accedan a unha vivenda, fronte ás 32.000 que asinamos no convenio para catro anos”. En definitiva, aseverou, “en tres anos máis familias puideron acceder a unha vivenda que as previstas para catro anos e ese –engadiu- é un dato paralelo ao que está sucedendo no resto de España”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Este órgano está formado por 12 expertos de recoñecido prestixio, tanto a nivel galego como internacional, nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial e das políticas públicas. Na actualidade a Comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica e acada numerosos fitos. O obxectivo deste consello asesor é apoiar e asesorar ao Executivo autonómico nas súas políticas públicas de I+D+i para seguir acadando éxitos e posicionando Galicia como un territorio de referencia nesta materia. As persoas que forman parte deste organismo, ademais do conselleiro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, son cinco no eido da investigación, tres no das políticas públicas e catro no ámbito da innovación, empresa e emprendemento.
Foto de la tercera plana (medio_ambiente.jpg) Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional. Os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas. No período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.

Notas

A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
O proxecto de investigación RESCLIM@TIEMPO que lideran a USC e a Universidade de Granada, no marco da colaboración permanente entre os grupos SEPA-interea da Universidade de Santiago e Eva-EASI da Universidade andaluza, organizan esta semana no Campus compostelán o I Congreso Internacional sobre Respostas Educativas e Sociais á Emerxencia Climática e VI Seminario Internacional RESCLIMA ‘Estamos a tempo? De que estamos a tempo?’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES