
O presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Fernando Vallespín, alertou sobre a crecente influencia dos medios de comunicación, e en especial da televisión, na configuración do espacio público de debate cidadán e mesmo na xeración da opinión pública que xurde del. Vallespín pronunciou a conferencia de apertura oficial do curso 2007 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que presidiron o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, e o director da EGAP, Antonio Izquierdo.
Na súa exposición, o responsable do CIS afirmou que a calidade dun sistema democrático depende de cómo está constituído o espazo público, que de modo ideal ten que cumprir coas premisas de estar aberto á participación de todos, abordar cuestións que afecten ao conxunto da cidadanía, procurar a prevalencia dos mellores argumentos e distinguir entre a opinión pública e a opinión publicada.
Fronte a este escenario ideal, Vallespín sinalou a existencia de certas ameazas na configuración da opinión pública, como a crecente concentración de medios ou a falta de alfabetización dunha grande parte da sociedade no análise crítico da información que recibe. A este respecto, subliñou a importancia que na formación da opinión pública posúen os líderes mediáticos, sobre todo na radio e na televisión, e salientou a dependencia da clase política dunha industria de comunicación de masas dedicada preferentemente ao lecer e ao espectáculo e máis interesada no privado ca no público.
Democracia mediática
Na súa visión do que denominou democracia mediática, Vallespín engadiu que os medios son tamén os xestores da memoria e do esquecemento informativo e, en boa parte, os responsables dunha banalización da información que se lle sirve aos cidadáns. Como presidente do CIS, explicou que fronte a este poder mediático na constitución do espazo público, as enquisas serven para tratar de obxectivar o que a xente opina, darlle participación ao cidadán e obter a voz dos que se resisten a opinar.
Nese aspecto quixo distinguir entre a opinión que manifestan os cidadáns a partir da súa experiencia directa e a que transmiten influídos polos medios de comunicación. Como exemplo, lembrou que na última enquisa do CIS sobre as expectativas de vida dos cidadáns, a visión xeral da sociedade española era negativa, pero a apreciación de cada un dos consultados sobre a súa propia situación persoal era, polo contrario, a máis positiva dos últimos anos.
Entrega de premios
Tras a conferencia de Vallespín, procedeuse á entrega dos premios convocados pola EGAP en 2006. O Manuel Colmeiro recibiuno Margarita Barral Martínez polo seu traballo A Administración local en Compostela na era monterista.
En canto aos premios á Calidade dos Materiais Didácticos, Antonio Pedro Cid González recolleu o correspondente á modalidade de soporte impreso polo seu diccionario básico para xordos; José Iglesias Iglesias recibiu o da modalidade de soporte en liña polo seu Curso de proceso penal; e Rosa Mary González Seijas e Fernando Cuetos Vega levaron o accésit pola súa aportación sobre procesos cognitivos na aprendizaxe da lectura e a escritura.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.