Notas de prensa

Pablo Coello e Pedro Rebelo ofrecen un recital no Salón Teatro de Santiago

Baixo o título de Fragmentos, os dous instrumentistas interpretan diante do público as súas propostas sonoras o mércores 14 de febreiro ás 20.30 horas.

A música actual entra no programa trimestral do Salón Teatro de Santiago de Compostela da man do dúo que integran o saxofonista galego Pablo Coello e o portugués Pedro Rebelo á electrónica. Ambos ofrecen un concerto o mércores 14 de febreiro ás 20:30 horas, no que baixo o título de Fragmentos, a música combinarase con material audiovisual como videoproxeccións e as improvisacións con soporte visual.

Con este concerto inícianse o ciclo de música contemporánea deseñado polo Centro Dramático Galego para este espazo escénico compostelán, dentro do que tamén actuarán os galegos Ensemble instrumental que interpretarán o próximo domingo 18 de febreiro a obra Fende-lo son, orixinal de Manuel Rodeiro, e o grupo de percusión portugués Drumming co espectáculo Zapping, un tributo a Fran Zappa, o 28 de febreiro).

Pedro Rebelo é un compositor/artista dixital que desenvolve o seu traballo na música electroacústica, medios dixitais, instalación e música improvisada. Ten colaborado en diversos proxectos con artistas plásticos, xa que un dos temas centrais da súa investigación a relación entre a arquitectura e a música, o cal motivou a creación de instalacións e obras interactivas. O seu catálogo abrangue tamén unha serie de encomendas de obras para solistas e electrónica en tempo real que ten como base a interpretación de espazos acústicos específicos. No contexto do dúo “laut” coa saxofonista Franziska Schroeder, dedícase á improvisiación e á interpretación de obras con electrónica e multimedia, tendo desenvolvido interfaces de control para performances interactivas. Doutorouse pola Universidade de Edimburgo e actualmente é profesor e investigador no Sonic Arts Research Centre, na Queen’s University en Belfast.

O vigués Pablo Coello ten realizado numerosos concertos con diferentes agrupacións de cámara ou como solista e na actualidade é membro de Ensemble fonos21, do cuarteto S@X21, do conxunto internacional Ensemble Atmosphère e colabora frecuentemente co artista sonoro portugués Paulo Raposo e con Gonzalo Pérez del Castillo. Ademais, é promotor da creación da Asociación Fonos21-S@X21, que organiza diferentes actividades relacionadas coa creación e interpretación da música contemporánea. Na actualidade é profesor no CMUS de Santiago de Compostela.

Tralo recital de Pedro Rebelo e Pablo Coello, o Salón Teatro continúa coa súa programación escénica coa actuación, os días 16 e 17, da mítica compañía andaluza La Zaranda co espectáculo Los que ríen los últimos, unha obra de Eusebio Calonge dirixida por Paco de la Zaranda.

As entradas para todos os espectáculos póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. O prezo das localidades é de 10 € cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xove.

Gabinete de Comunicación do Igaem - Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2007-02-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES