Notas de prensa

O IGC recomenda revisar a seguridade das máscaras e perrucas de entroido

Con motivo das próximas festas, lémbrase aos consumidores comprobar o etiquetado dos produtos antes de mercalos.

Ante a celebración do Entroido e a compra masiva de caretas e máscaras nestas datas, o Instituto Galego de Consumo fai unha serie de recomendacións dirixidas aos consumidores. O primeiro que hai que verificar cando se merque un artigo destas características é que estea provisto da correspondente etiqueta, que virá obrigatoriamente en polo menos nunha das dúas linguas oficiais, galego ou castelán e que conterá os seguintes datos: nome ou denominación comercial do produto e datos de identificación da empresa que o comercializa, país de procedencia, marca e indicacións de uso, símbolo gráfico no que se indique, cando proceda, a prohibición para menores de tres anos e marcado CE. No caso de que se merquen xoguetes que sexan unha imitación de máscaras e cascos de protección, deberán levar a seguinte lenda: "¡advertencia! Isto é un xoguete. Non proporciona protección".

Por outro lado, hai unha serie de recomendacións en relación aos requisitos mínimos de seguridade que debemos verificar cando merquemos artigos deste tipo e máis concretamente máscaras que cobren toda a cara e que estean fabricadas con material impermeable xa que poden ocasionar accidentes. Así, terase en conta que deberán dispor dun área de ventilación suficiente (mínimo de 1300 mm2). Esta área pode distribuírse nun só orificio, como por exemplo a boca, ou en varios separados (ollos, nariz, etc.). Neste caso, a separación entre eles será de polo menos 15 cm.

Especial atención prestarase no caso de que as máscaras ou caretas vaian ser utilizadas por nenos. Os pais deben valorar a idoneidade da careta ou máscara en función da idade ou das características do neno ou nena, aseguraranse de que a súa utilización sexa adecuada, que as máscaras non teñan arestas cortantes e que se adapten ao tamaño da cara. Por último, O Instituto Galego de Consumo recorda aos comerciantes que son responsables dos produtos que venden así que eles teñen que asegurarse de que os produtos que poñan á venta respondan a criterios de seguridade.

Por outra banda, dende o pasado mes de xaneiro, o Instituto Galego de Consumo está a desenvolver unha campaña de control da seguridade das máscaras e perrucas que habitualmente se empregan nestas datas. Os riscos que se analizarán nestes produtos son fundamentalmente os de asfixia e a posibilidade de se produciren queimaduras, polo que se determinarán, asemade do correcto etiquetado, as características construtivas e funcionais e a inflamabilidade no caso das máscaras que cubran toda a cabeza e non só a cara, e que leven ademais cabelos, barbas ou outros elementos pilosos susceptibles de poderse incendiar.

Como sempre nestes casos, de se detectaren produtos perigosos ou inseguros, serían incluídos na Rede da alerta para proporcionar unha rápida información sobre os seus riscos a tódolos países da UE e posibilitar a súa retirada do mercado.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-02-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES