Notas de prensa

Medio Ambiente autoriza a celebración da Noite do Trasno en Cabo Udra

Mozas e Mozos xestiona os permisos necesarios ante os restantes organismos implicados para organizar o festival en agosto.

A Asociación Mozas e Mozos de Beluso vén de recibir a resolución da Consellería de Medio Ambiente pola que o departamento autonómico lle concede ó colectivo "autorización previa para a realización do Festival A Noite do Trasno no lugar de Chan de Esqueiros, na zona de especial protección dos valores naturais de Cabo Udra", ubicada na parroquia de Beluso, en Bueu (Pontevedra). Mozas e Mozos está tramitando agora as solicitudes correspondentes ante a Consellería de Medio Rural, a Xunta de Montes e o Concello de Bueu, co obxectivo de acadar os permisos das diferentes entidades implicadas para poder celebrar o festival no vindeiro mes de agosto.

Á espera de conseguir o visto bo destes organismos, os membros da Asociación comezarán axiña a traballar para cumprir as condicións establecidas no documento remitido dende a delegación provincial de Medio Ambiente, que en ningún caso permite a instalación da zona de acampada no ámbito do espazo natural, polo que a organización terá que buscar un emprazamento alternativo para que o público de A Noite do Trasno monte as súas tendas de campaña.

Condicións xerais e específicas

A proposta de resolución asinada pola xefa do Servizo de Conservación da Natureza, Susana Torres, establece na primeira parte do escrito requisitos particulares como a instalación dun valado móbil para acotar a área das actividades, dotación de persoal de vixilancia e control ou cabinas sanitarias autónomas. Estes condicionamentos súmanse ós compromisos adquiridos pola propia Asociación, que garante a promoción dos valores medioambientais do espazo natural, a limpeza da zona, a dotación de medidas de protección de incendios ou de sistemas de evacuación e primeiros auxilios, entre outras cuestións.

A segunda parte do documento é a resolución emitida polo delegado provincial de Medio Ambiente, Juan Francisco Froján, quen concede a autorización previa suxeita ademais a condicións xerais, como a necesidade de contar cos restantes permisos sectoriais pertinentes ou a responsabilidade sobre as infraccións que puideran cometer os asistentes.

Amplos apoios na negociación

Mozas e Mozos considera que este pronunciamento positivo constitúe un significativo paso adiante, se ben non definitivo, para conseguir que o festival A Noite do Trasno sexa realidade un verán máis en Cabo Udra. O colectivo estima que a resolución afirmativa é froito da tarefa negociadora levada a cabo cun amplo respaldo social e que incluíu diversas reunións cos responsables provinciais de Medio Ambiente á que membros da directiva da Asociación acudiron acompañados de distintos representantes políticos da Corporación local, incluso cunha visita do propio delegado Juan Francisco Froján ó espazo natural.

Mozas e Mozos de Beluso agradece as mostras de cariño e os apoios amosados por persoas individuais e colectivos de todo tipo e lugar, que animan ó colectivo a seguir traballando para celebrar a sexta edición do festival A Noite do Trasno. A Asociación convocará nas próximas datas un encontro cos responsables dos grupos políticos municipais para constatar o grao de respaldo co que conta a iniciativa.

Asociación Mozos e Mozas de Beluso, 2007-02-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES