Notas de prensa

Editorial Galaxia presenta en Cangas a obra gañadora do Premio Blanco Amor de Novela 2005: Spam

Asisten Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Héitor Mera, crítico literario.

Spam, aceda historia dun empresario que só pode romper a súa soidade no territorio virtual, é o título da novela coa que Francisco Castro conseguiu o último Premio Blanco Amor de Novela, convocado por 52 concellos galegos e dotado con 12.000 euros. A novela ten en palabras do seu autor "unha profunda carga irónica", recurso que lle parece idóneo na literatura "para facer moita crítica".

Fiel a este principio, o autor asegura que Spam -nome que recibe o correo lixo- é un libro que dispara os seus dardos máis mortíferos contra a vida empresarial e, máis concretamente, contra os departamentos de recursos humanos, que el considera "unha nova forma de escravitude", xa que desenvolven "técnicas habilmente deseñadas para explotar mellor ao ser humano".

Partindo na novela dos parámetros do mundo virtual, Francisco Castro pretende indagar na soidade da sociedade contemporánea. "Está protagonizada", conta o escritor, "polo director dunha empresa. Teoricamente é un triunfador pero, no fondo, é profundamente solitario. O seu único pracer é estragar a vida dos servos da empresa e a súa única relación co mundo sucede a través da rede, cunha webcam e o correo electrónico". Aparentemente, este directivo sádico e frustrado é o protagonista absoluto dunha novela "concibida desde unha atmosfera claustrofóbica, con tres únicos espazos: a empresa, o ordenador que el ten na súa casa e o mundo virtual da mentira electrónica que é internet".

O xurado do Premio Blanco Amor, resolto o 27 de maio de 2006 en Neda, concello que se encarga este ano da organización, resaltou de Spam o feito de ser "un libro innovador, que rompe moldes e incorpora aspectos orixinais nunha narrativa, a nosa, cambiante e florecente".

Tamén indicaron que se trata dunha novela "funcional e insólita, épica e distanciada con altas doses de humor e un ton irreverente e irónico". Ao certame presentáronse 26 obras, das que 6 quedaron finalistas. O xurado estaba composto por Laura Caveiro, Medos Romero, Ramón Nicolás, Armando Requeixo e Vicente Araguas. O Premio Blanco Amor de Novela Longa en lingua galega é convocado por 52 municipios das catro provincias de Galicia e cada ano un dos concellos encárgase de organizalo.

Francisco Castro (Vigo, 1966) é un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. Traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios galegos. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas.

En 2006 gaña o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam, publicada por Editorial Galaxia.

Editorial Galaxia, 2007-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES