
As candidaturas para o II Premio Manuel María á dignidade nacional poden presentarse desde o día 1 de febreiro e até o 10 de abril de 2007, segundo explicaron nunha conferencia de imprensa celebrada no Concello de Santiago os representantes das diferentes entidades organizadoras. A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-pedagóxica galega (AS-PG), CIG-Ensino e a Asociación de Escritores en Lingua Galega son as convocantes do galardón, que recoñece a persoas e entidades que traballan polos ideais que Manuel María defendeu e practicou.
No acto de presentación das bases, Néstor Rego, primeiro tenente de alcalde de Santiago, fixo fincapé na forte relación que uniu a Manuel María coa capital galega, onde se vai entregar o premio o 28 de abril deste mesmo ano. Pola súa banda, Xoán Costa, presidente da AS-PG, sinalou que o certame, que se enmarca dentro dunha serie de actividades de recoñecemento que comezaron un ano despois do falecemento de Manuel María, ten como obxectivo manter vivos os ideais polos que loitou na súa vida, e reivindicar o valor social da súa figura.
O papel activo do autor a prol da galeguización do ensino foi louvado por Anxo Louzao, de CIG-Ensino. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, destacou a importancia da obra literaria destinada ao público infantil e xuvenil do intelectual homenaxeado, que escribiu para os nenos cando había unha importante carencia deste tipo de materiais cos que poder traballar nas escolas e salientou o seu labor como defensor de Galiza e da cultura galega.
Ao II Premio Manuel María á dignidade nacional, que o ano pasado recibiu Bautista Álvarez, poden optar tanto persoas coma organizacións. Nesta convocatoria, as candidaturas, ademais de por unha terceira persoa, poden ser presentadas polo propio candidato. As organizacións convocantes non forman parte do xurado, senón que este estará conformado por persoas independentes. O premio consistirá nunha peza deseñada por Francisco Xosé Pérez Porto, e tamén se entregará un diploma acreditativo do galardón.
Para obter máis información, pódese acceder á web www.manuelmaria.com, ou dirixirse ao enderezo de correo electrónico [email protected].
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.