Notas de prensa

A compañía compostelá Blu:Sens, exemplo de internacionalización empresarial

Os expertos aseguran na Tecnópole que a cooperación é determinante para os empresarios galegos á hora de competir no mercado asiático.

Empresarios de toda Galicia asistiron na Tecnópole á xornada de formación sobre a internacionalización da tecnoloxía organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección, APD Zona Noroeste. Durante a conferencia-coloquio, os relatores transmitiron a importancia de cooperar para competir máis alá das fronteiras e, en concreto, no mercado asiático.

Tras a apertura da xornada, que correu a cargo do director xeral de I+D da Xunta, Salustiano Mato, e do conselleiro da APD Zona Noroeste, Emilio Pérez, tivo lugar unha mesa redonda moderada polo director do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), Ricardo Capilla. Na segunda parte da sesión, o profesor da Escola de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo, Juan Manuel López-Valcárcel, expuxo o marco xeral da cooperación internacional no ámbito empresarial e, finalmente, como caso de éxito, o presidente da tecnolóxica Blu:Sens, José Ramón García, explicou a súa experiencia como empresa galega no continente asiático.

As posibles fórmulas de cooperación entre a empresa galega e os operadores asiáticos, a desmitificación da complexidade de iniciar relacións comerciais con estes países pola cultura e o idioma grazas ás tecnoloxías da información e da comunicación e as ameazas e as oportunidades que se derivan do imparable avance destas potencias comerciais foron os eixes sobre os que os expertos basearon a súa argumentación.

Os relatores insistiron na necesidade de substituír o temor á competencia asiática polo aproveitamento das vantaxes que ofrece este mercado en termos de coñecemento, innovación, capital humano de alta cualificación e o acceso a materia prima ou produtos manufacturados.

Co fin de desmontar os argumentos da internacionalización das empresas só como un factor de risco de deslocalización, os expertos explicaron que este proceso ten como consecuencia unha maior xeración de valor para Galicia con base na transferencia de coñecemento, a creación de emprego de elevada cualificación e un mellor posicionamento no mercado a través da diferenciación cos competidores cunha relación calidade-prezo máis vantaxosa.

O profesor López-Valcárcel explicou a importancia de superar o enfoque local e centrarse na cooperación internacional para poder acceder ao mercado tecnolóxico global, baseándose en que “hoxe resulta extremadamente fácil contactar cun socio ao outro lado do planeta e executar proxectos empresariais de forma conxunta”.

Segundo a súa análise, as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías de cara á expansión exterior son a posibilidade de entrar noutros mercados a moi baixo custo, a identificación de socios potenciais, o intercambio de coñecemento e o abano de vantaxes que se poden explorar de investimento no estranxeiro, importación e exportación, acordos concretos de cooperación en I+D+i, etc.

O caso de Blu:Sens

O presidente de Blu:Sens explicou as chaves da internacionalización da actividade desta empresa nacida en Santiago de Compostela e dedicada á fabricación de tecnoloxía e electrónica de consumo. Nos últimos tres anos conseguiu un crecemento medio anual do 400 por 100 grazas a unha rápida implantación no mercado e á súa elevada penetración comercial.

Ademais de lograr o seu posicionamento como marca líder do sector en España no prazo de dous anos, Blu:Sens quere seguir potenciando, tal e como explicou García, o seu posicionamento no mercado asiático. Un paso importante dérono xa moi recentemente coa creación de Blu:Sens China, creada co fin de controlar a fabricación neste país –conta con dúas plantas de produción en Shen Zeng- e mellorar a adquisición de coñecemento en I+D+i.

 

Gabinete de Prensa de Tecnópole, 2007-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES