Notas de prensa

Traballo dedica case 4 millóns de euros a programas experimentais de emprego

O obxectivo é desenvolver plans integrais de emprego nos que se combinen accións como a información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

A Consellería de Traballo destinará preto de 4 millóns de euros a concesión de axudas e subvencións para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego na Comunidade galega durante os anos 2007 e 2008. Traballo fai público este anuncio a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, no que se recollen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión desta liña de axudas.

Estas subvencións teñen por obxecto a posta en marcha de programas de emprego dirixidos á colocación no mercado de traballo dos demandantes con especiais dificultades de acceso ao emprego, mediante o ensaio de fórmulas experimentais de actuación e tratamento integrado da inserción laboral.

Os programas experimentais de emprego son proxectos que teñen por obxecto o desenvolvemento de plans integrais de emprego que combinen accións de diversa natureza, tales como: información, orientación e asesoramento, formación práctica laboral e mobilidade xeográfica. Nestes plans integrais establécense obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral dos desempregados participantes nos mesmos.

As accións ás que se refire este programa irán orientadas, con carácter xeral, á mellora da ocupabilidade e integración dos desempregados considerados como prioritarios na definición anual das políticas de emprego. É dicir, persoas con discapacidade, inmigrantes, mulleres con problemas de integración laboral, persoas desempregadas en risco de exclusión social, e perceptores de subsidios e prestacións por desemprego, da renda Activa de Inserción ou da Renda de Integración Social de Galicia. Todos eles deberán figurar inscritos como demandantes de emprego.

Ademais, considéranse destinatarios específicos destes programas aqueles traballadores que se atopen en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial que provocara a extinción da súa relación laboral.

Os programas establecerán obxectivos cuantificados de inserción laboral das persoas desempregadas participantes nos mesmos, de polo menos o 35% dos demandantes de emprego atendidos durante o desenvolvemento do programa. Considérase que a inserción laboral conseguiuse cando o desempregado é contratado por conta allea por unha duración non inferior a seis meses, ou cando, durante un período mínimo dun ano, se acredita a constitución en traballadores autónomos ou por conta propia das persoas desempregadas participantes en dito plan.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións, para o desenvolvemento dos programas, as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento aos desempregados en proceso de inserción laboral por conta allea ou propia.

En canto á contía das subvencións para o desenvolvemento dos plans integrais de emprego, determinaranse en función do número de persoas que hai que atender e dos obxectivos previstos de inserción. A cantidade máxima que se percibirá ascende a 1.200 euros por persoa atendida e 3.500 euros por persoa atendida e inserida no mercado de traballo. En ningún caso, tendo en conta ambos os parámetros, poderá percibirse unha cantidade superior a 2.100 euros de media por persoa desempregada participante do plan.

O prazo de execución destes plans experimentais será, como máximo, de doce meses, mentres que a data límite para acceder a estas axudas será dun mes contando desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2007-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES