Notas de prensa

Nace Longa Lingua, publicación galega sobre lingua e sociedade

Editada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a publicación mensual ten unha tirada de 5.000 exemplares. Xurde para “cubrir un oco na formación, a información e o debate”.

A Mesa pola Normalización Lingüística presentouen Santiago o número 0 da revista ‘Longa Lingua’, unha publicación que nace para tentar cubrir un oco na formación, a información, a análise e o debate sobre lingua e sociedade no país. Con 5.000 exemplares, trátase da revista mensual con maior tiraxe das que se publican en galego.

Na presentación de ‘Longa Lingua’ estiveron presentes varios membros do Consello de Redacción da publicación: Carlos Manuel Callón Torres, presidente da Mesa, Patricia Arias Chachero, Francisco Xosé Rei García e Iria Taibo Corsanego. Carlos Callón explicou que a publicación xa está á venda, ao prezo de catro euros, en quioscos e librarías, e que se distribuirá tamén aos socios e socias da Mesa e centros de ensino cos que o organismo ten convenios.

Precisamente un dos obxectivos de ‘Longa lingua’ é servir de material de traballo para os equipos de Normalización Lingüística dos institutos e colexios, incluíndo xogos e unidades didácticas, e servindo de lugar de intercambio para a comunidade educativa, á que se convida a participar activamente na publicación.

No número que acaba de saír do prelo, dáse a benvinda ao primeiro diario gratuíto en galego, ‘De Luns a Venres’, recóllese unha nova sentenza xudicial que reitera que A Coruña é o único topónimo oficial ou infórmase da posta en marcha do pioneiro proxecto do Voluntariado de Activación Lingüística, entre outras noticias.

No espazo dedicado á opinión, escriben o biólogo, escritor e tradutor Xavier Queipo; Pilar García Negro, profesora na Universidade da Coruña, e Nel Vidal Barral, técnico de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. Inclúese tamén unha entrevista a Xosé Manuel Sarille, presidente de Honra da Mesa, e outra a Soco García Conde, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Compostela.

Na sección Além Minho, un artigo de Ângelo Gonçalves Vicente aproxímanos á dimensión internacional da lingua galega. Pola súa banda, o xuíz Luís Villares Naveira analiza a problemática do conflito lingüístico e o cambio xurídico.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 2007-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES