Notas de prensa

Educación fomenta con axudas as prácticas de FP en empresas transnacionais

Concederá tamén bolsas para arealización de actividades de alfabetización e formación de adultos, invertindo nas dúas accións máis de 840.000 euros.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do martes, 23 de xaneiro, axudas dirixidas a alumnos e profesores de formación profesional de centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional. A Administración educativa autonómica convoca estas axudas coa fin de posibilitar a mellora da competencia profesional do alumnado e profesorado de FP, tendo en conta que o actual proceso de xeneralización da formación profesional, estruturada en ciclos formativos, fai necesario que os profesores teñan un coñecemento directo dos procesos produtivos e das novas tecnoloxías utilizadas que, en moitos casos, non se poden coñecer en empresas do contorno inmediato.

A Consellería de Educación investirá nestas axudas un total de 270.000 euros; e a elas poderán optar os alumnos e profesores de ciclos formativos, a través dos Institutos de Educación Secundaria, as escolas de artes e os centros privados concertados. As axudas estrutúranse en tres modalidades: visitas preparatorias do profesorado responsable da estadía de alumnos na empresa ou centro escolar receptor, co obxecto de facilitar os acordos de colaboración e a preparación axeitada do proxecto; estadías formativas de alumnos en empresas e centros educativos de FP de países estranxeiros para completar a súa formación práctica e as súas competencias lingüísticas a nivel profesional; e estadías formativas de profesores en empresas e centros educativos de FP de países estranxeiros, para completar a súa formación práctica.

As estadías formativas de alumnos deberán estar integradas na programación anual do centro, e o seu obxectivo básico será o perfeccionamento profesional dos profesores e/ou alumnos. Pola súa banda, as visitas preparatorias serán realizadas por un só profesor de cada centro educativo e terán unha duración máxima dunha semana. As estadías de alumnos en empresas terán unha duración mínima de dúas semanas e máxima de seis, e deberán contar cun titor que supervise o programa formativo que se vai desenvolver.

Os reintegros de gasto en concepto de transporte, mantenza e aloxamento concederanse tendo en conta a duración, a distancia e o nivel de vida dos países aos que se desprazan os beneficiarios, e oscilarán entre os 450 euros que percibirá un profesor que realice unha visita preparatoria a Portugal e os 2.075 que se abonarán a un alumno que realice prácticas durante 6 semanas nunha empresa de USA ou Canadá.

O prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe e remate o 31 de marzo de 2007; e o período de realización das actividades recollidas nesta orde será desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 30 de novembro de 2007. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección que se reunirá para avaliar os proxectos tendo en conta os seguintes criterios: non ter recibido esta axuda, nin outras similares nas tres últimas convocatorias (3 puntos); a calidade do proxecto pedagóxico e a súa realización co máximo aproveitamento, así como a metodoloxía empregada (ata 7 puntos); definición dos obxectivos (ata 2 puntos); xustificación da pertinencia do proxecto (ata 2 puntos); e descrición do programa de traballo (ata 3 puntos).

Formación de adultos

A Consellería de Educación tamén convocou o pasado martes, 23 de xaneiro, axudas para o desenvolvemento de actividades que teñan como obxectivo alfabetizar ou elevar o nivel de formación básica e cualificación profesional da poboación adulta, que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2007, e cuxa duración, en ningún caso, sexa inferior a seis meses e 240 horas. A contía máxima da axuda por actividade non poderá ser maior de 6.000 euros e a contía máxima por solicitante será 12.000 euros. A Administración educativa autonómica achegará ata 577.490 euros para sufragar estas axudas.

A actividades para as que se poderá solicitar axuda son aquelas dirixidas a persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais, sendo o seu obxectivo dotalos dos coñecementos, destrezas, habilidades e técnicas imprescindibles que lles faciliten a súa promoción persoal, social e laboral, así como a continuidade noutros procesos formativos; preparación para a obtención do título de graduado en educación secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais nos meses de xuño e setembro; programas de iniciación profesional como parte integrante da estrutura dun programa de garantía social; e preparación de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

A esta convocatoria poderán concorrer as corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia. Para a concesión da axuda será requisito indispensable contar cun número comprendido entre 15 e 25 alumnos por actividade no momento do inicio e da realización das mesmas.

A Administración educativa autonómica dálle así continuidade a este tipo de accións, á vista dos resultados das convocatorias anteriores, e fomenta o inicio novos proxectos que proporcionen aos cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa, promocionarse profesionalmente ou proseguir os seus estudos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2007-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-hotel-cama.jpg) A comunidade galega vén de alcanzar varios fitos históricos nos indicadores turísticos do sector hoteleiro rexistrados o pasado mes de xuño cando por primeira vez superou o millón de noites acadando 1.011.613 noites realizadas polos 573.849 visitantes dese mes. Isto tradúcese nun incremento do 5 % en demanda turística e do 7,5 % en número de visitantes; nos dous casos por riba das medias nacionais, que se sitúan no 2,1 % e no 3,3 %, respectivamente. Estas boas cifras tamén se trasladan ao bo rendemento económico ao confirmar que no que vai de ano, de xaneiro a xuño, o sector hoteleiro galego obtivo uns ingresos nominais de 165,5 M€, un 4,3 % máis que nos seis primeiros meses de 2024.
Foto de la tercera plana (lavuelta-2025.jpg) Do total das 21 etapas que compoñen esta edición de La Vuelta , tres desenvolveranse por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos. Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. O día 10 de setembro, ‘La Vuelta’ despídese da comunidade galega coa etapa 17, que por primeira vez sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar, 143 quilómetros despois, ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada.

Notas

O grupo 'Virus and Cancer' do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas logrou identificar un novo mecanismo de regulación da proteína p14ARF, un factor chave na supresión tumoral. O achado, publicado na revista Cell Death and Disease, podería ter importantes implicacións no tratamento do cancro, ao contribuír a entender os procesos que regulan o crecemento tumoral e potenciar o efecto dun novo fármaco.
A integración do proxecto CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space), da asociación de estudantes UVigo SpaceLab, no vehículo de transferencia orbital OSSIE da empresa galega UARX Space xa é unha realidade. A carga útil, que permitirá ao alumnado comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación que se implementarán no cubesat BIXO, integrouse no primeiro vehículo de transferencia orbital desenvolvido en España.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES