Notas de prensa

A Xunta estuda crear un seguro para cubrir as perdas ocasionadas na pesca polo mal tempo

Con esta iniciativa a Xunta pretende mellorar a calidade de vida da xente do mar garantíndolle aos profesionais uns ingresos mínimos en caso de que non poidan sair traballar por mor da climatoloxía.

A Conselleira de Pesca, Carmen Gallego Calvar, informou ao Consello da Xunta da realización dun estudo promovido polo seu departamento e elaborado pola empresa BVC Artai para a creación dun seguro de mal tempo que cubriría as perdas económicas do sector pesqueiro e marisqueiro por mor das condicións meteorolóxicas adversas. Con esta iniciativa, a Xunta pretende mellorar a calidade de vida da xente do mar garantíndolle aos profesionais uns ingresos mínimos no caso de que non poidan sair traballar por mor da climatoloxía.

O informe presentado pola titular de Pesca determina como posibles beneficiarios aos traballadores do sector marisqueiro, da pesca de baixura e do arrastre do litoral. Ademais, o estudo conclúe que a pesca de cerco e volanta son das máis afectadas polo estado do mar xa que se trata de buques dunha tonelaxe media que traballan nas zonas externas das rías ou fóra delas. Asimesmo, as pesqueiras de ourizo, percebe e navalla se ven a miúdo danadas pola altura das ondas en condicións climatolóxicas adversas polo que se incluirían neste seguro. Pola contra, o arrastre do litoral é o menos afectado polos temporais xa que se trata de barcos dunha tonelaxe máis grande. Deste xeito, veranse incluídas neste seguro máis de 5.000 embarcacións.

En caso de que a iniciativa proposta neste estudo se materialice, para poder acceder ao cobramento das indemnizacións o sector comunicaría á Consellería de Pesca os días nos que non saíu faenar e a causa desta inactividade. Pediríanse, ademais, algúns requisitos para demostrar os niveis de ingresos similares en períodos anteriores, xustificantes de cotizacións ao Instituto Social da Mariña, entre outros asuntos.

Sería considerado “risco asegurable” aquel que se poida considerar como “imprevisto”, é dicir, que estatísticamente teña un período de retorno suficientemente amplo. Aínda que a aparición de temporais na costa galega é algo relativamente frecuente ao longo dun ano, a súa afectación na pesca e o marisqueo é moi diferente dependendo da súa duración, a altura das ondas e a arte de pesca da que se trate. Neste sentido, o estudo encargado por Artai á Universidade de Vigo analiza as condicións meteorolóxicas en tres zonas diferentes da costa (dende a fronteira portuguesa ata Cabo Fisterra, dende Cabo Fisterra ata Cabo Prioriño e dende Cabo Prioriño ata Asturias), co obxectivo de determinar qué casos se poderían considerar “sinistros asegurables”.

O estudo propón, ademais, que a indemnización diaria máxima prefixada na póliza no caso de paralización ou diminución da actividade pesqueira por causa das condicións meteorolóxicas, se corresponda co 70% dos ingresos medios declarados polo asegurado no mesmo mes e correspondente aos últimos tres anos.

Xa se mantiveron os primeiros contactos con algunhas empresas aseguradoras que poderían estar interesadas en ofertar este novo produto asegurador, incluído no eido dos seguros de continxencias. Algunhas destas compañías amosaron o seu interese no proxecto que está a desenvolver a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

A través de concurso público, a Consellería de Pesca adxudicou a dirección deste traballo á citada compañía, encargada de determinar a viabilidade técnica e as condicións concretas nas que se desenvolverá este seguro. Pesca destinou a este estudo unha partida orzamentaria de 90.000 euros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-01-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-clasclas-2026.jpg) Foi presentada a novena edición do Festival Clasclás que, baixo lema de 'Paixón', se vai celebrar, do 20 ao 27 de xuño, en Vilagarcía de Arousa, cunha ambiciosa programación que aposta pola vangarda e a ciencia. Así, este certame convértese nunha das grandes citas internacionais da música clásica, cunha programación que abrangue desde a excelencia da Orquestra Sinfónica de Galicia e da música de cámara ata o virtuosismo de solistas chegados de diferentes partes do mundo. O evento inclúe a celebración dun 'concerto inmersivo' para conmemorar a eclipse solar, que terá lugar en agosto.
Foto de la tercera plana (economia-moedas.jpg) O presidente da Xunta destacou que 'as medidas fiscais aprobadas polo Goberno galego e consolidadas dende o ano 2022 permitirán a cada contribuínte da comunidade aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda'. Así mesmo, lembrou que na campaña deste ano 'seguen vixentes as medidas de alivio fiscal' postas en marcha pola Administración autonómica nos últimos anos. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar.

Notas

Por vez primeira no mundo, un equipo científico do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo conseguiu desenvolver un protocolo eficaz de criopreservación para larvas de medusa, un avance pioneiro que pode transformar as estratexias de conservación da biodiversidade mariña e impulsar novas liñas de investigación en bioloxía e acuicultura.
Os paper mills, tamén denominados fábricas de artigos, son unha ameaza crecente para a credibilidade científica. Miles de investigadores acudiron aos servizos destas empresas fraudulentas para comprar a autoría de artigos en revistas indexadas. Como consecuencia, milleiros de artigos foron retractados ata ata hoxe e se estima que un número moi alto seguen sen detectarse.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES