Notas de prensa

Igualdade proporcionará asesoramento técnico ás mulleres que queiran financiar un proxecto empresarial a través de microcréditos

A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán asinou o convenio de colaboración co reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López e representantes asociacións de empresarias de toda Galicia.

A secretaria xeral de Igualdade asinou en Santiago, un convenio de colaboración co reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, e representantes das asociacións de Mulleres Empresarias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, para informar, orientar e asesorar, ás mulleres que queiran iniciar un proxecto empresarial en Galiza e que financien o seu proxecto a través de microcréditos.

Ao abeiro deste convenio, desenvolveranse accións encamiñadas a proporcionar información ás mulleres que desexen crear unha empresa ou mellorar o seu negocio, mediante o programa de microcréditos, ademais de prestarlles asesoramento técnico para a elaboración e viabilidade dos plans de empresa. Tamén se fomentará a creación da rede de mulleres emprendedoras e empresarias e darase difusión ao programa de microcréditos.

Deste xeito, a secretaría xeral de Igualdade da Vicepresidencia en colaboración coas outras entidades asinantes, ofrecerá asesoramento técnico de balde ás beneficiarias, para axudarlles a superar os obstáculos iniciais, propoñendo plans de mellora para o seu negocio.

O convenio asinado para prestar asesoramento técnico enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre a Vicepresidencia e as dúas caixas galegas o 23 de novembro de 2006. Ten por obxectivo apoiar ás mulleres que teñan unha idea de negocio ou un negocio en funcionamento, a través da concesión de microcréditos en condicións vantaxosas e sen avais. Os microcréditos son préstamos de pequena contía para os que non se require máis garantía que a viabilidade do propio proxecto que se pretende realizar.

O obxectivo da posta en marcha deste programa é favorecer o acceso aos servizos financeiros a aquelas mulleres cun proxecto viable e con dificultades para buscar financiamento por outras vías.

As caixas habilitarán unha liña de financiamento para este programa de 750 mil euros, aportados a partes iguais polas dúas entidades bancarias.Poderán optar a estas axudas as mulleres emprendedoras galegas que inicien a súa actividade ou a teñan iniciada, nun período inferior a un ano e que presenten un plan de empresa cualificado e avaliado pola secretaría xeral de Igualdade.Deben ter o domicilio fiscal en Galicia e desenvolver o seu proxecto empresarial no territorio galego.

O importe máximo do microcrédito será de 18 mil euros e a porcentaxe máxima de financiamento do proxecto será do 95% do custo total do mesmo. A amortización será de ata cinco anos, máis seis meses de carencia optativos. O tipo de interese é fixo, do 5% para os formalizados ata o 30 de xuño do 2007 e, para os posteriores, de Euríbor + 1´4.


Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, 2006-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES