
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, participou no acto de presentación dos libros Follas novas, de Rosalía de Castro, e Amor de perdição, de Camilo Castelo Branco, na Fundación Rosalía de Castro en Padrón. O titular de Presidencia cualificou á Fundación Rosalía de Castro como un lugar senlleiro e salientou o seu traballo na recuperación da lingua moderna do país.
Sobre a obra presentada, Méndez Romeu afirmou que permite ler na súa lingua a dous autores cruciais no desenvolvemento das dúas literaturas e recoñeceu o labor dos artífices da edición que hoxe se amosaba en público de preceder os textos de estudos filolóxicos que acentúan o pracer da lectura xa que permiten situar mellor aos dous autores no seu contexto cultural, social e histórico.
Méndez Romeu salientou tamén a preciosa edición que prestou unha atención á tipografía da letra, ao deseño da tapa e a selección de ilustracións. Deste xeito a obra non é só unha obra de lectura senón unha obra fermosa que adoitamos ter nas mans e que permite profundar, alén da literatura, na compoñente cultural do que significa o libro como produto decantado ao longo da historia recuperando así a nobre arte da edición que ás veces se perde por razóns comerciais.
O conselleiro recoñeceu que para el foi motivo de honra e de ledicia que o padroado da edición da obra lle propuxera formar parte do mesmo por dous motivos. Por un lado, por participar no proxecto a Fundación Rosalía de Castro unha institución importante no país -dixo Méndez Romeu- por ser rica na consideración do patrimonio inmaterial de Galicia. O titular de Presidencia tivo palabras de hálito para o labor da Casa Museo de Rosalía de Castro que cualificou como un lugar senlleiro, un fito seminal na recuperación da lingua moderna do país e na translación dunha forma de entender Galicia na que hoxe todos os galegos se senten reflectidos e cómodos. Para Méndez Romeu esta foi a grande achega da escritora galega e que converte a Rosalía de Castro, ademais de nunha gran escritora, nunha muller que fai posible, desde a súa sinxeleza, a recuperación dunha forma de entenderse así mesmos os galegos.
Doutra banda, por tratarse de dous institucións dedicadas á recuperación de ambos escritores xa que, en palabras do conselleiro, é un deber apoiar as iniciativas de recuperación de obras que forman parte dun patrimonio cultural universal. Hoxe en día, engadiu Méndez Romeu, hai moitas iniciativas que estreitan os lazos con Portugal nos ámbitos económicos, comerciais, científicos pero é necesario impulsar de xeito decidido a cooperación cultural entre institucións de ambos lados de esa liña imaxinaria do Miño. Por iso, sentenciou o conselleiro queda moito por facer.
Por último, o conselleiro alentou á Fundación Rosalía de Castro neste labor de recuperación e de cooperación con institucións semellantes de Portugal e garantiu o compromiso do Goberno galego de buscar fórmulas que fagan doado que unha institución altruísta poida xogar ese papel estratéxico que ao final todos recoñecemos e consideramos imprescindible, contribuíndo a algo que forma parte do devenir de calquera institución política pero que non sempre acertamos para poder levalo a bo porto. Méndez Romeu amosou o seu desexo de que esta obra sexa o comezo dunha relación frutífera entre ambas sociedades, ambas institucións e ambos dous países.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.