
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez, xunto co director xeral de Turismo, Rubén Lois González, e o Presidente dos Amigos da Cociña Galega, José González Solla, presentaron en Santiago o novo Libro-receitario desta asociación gastronómica, integrada por 16 restaurantes. Na súa intervención neste acto, o Titular de Innovación e Industria definiu a cociña galega como unha das construcións máis importantes da nosa cultura e mesmo da nosa identidade como pobo, e destacou que a gastronomía galega está de moda, dentro e fora do país, cunha presenza cada vez maior nos medios de comunicación, nas tertulias e incluso no ámbito familiar, no que se valora cada vez máis o feito de coñecer os segredos deste arte. Engadiu que neste contexto se enmarca a edición deste libro-receitario, que cualificou como un clásico dentro da literatura gastronómica galega.
Fernando Blanco felicitou aos Amigos da Cociña polo traballo realizado, e lembrou que esta obra, na súa edición en lingua inglesa, chegou xa a mans dalgúns dos máis importantes críticos gastronómicos internacionais, xa que foi entregada como agasallo promocional nas xornadas que o Goberno Galego organizou o pasado mes de novembro na sede das Nacións Unidas, en Nova York, que o Titular de Innovación e Industria definiu como unha promoción que non ten precedentes no turismo galego, e coa que quixemos poñer de manifesto que estamos á altura de calquera outro lugar do mundo en materia culinaria.
Receitas
O libro presentado é unha escolma de 193 receitas gastronómicas suxeridas por cada un dos restaurantes que integran a Asociación Amigos da Cociña Galega. Contén uns textos introductorios da propia Dirección Xeral e do Centro Superior de Hostelería de Galicia, así como unhas notas sobre a historia dos Amigos. O deseño buscou a orixinalidade, cunha capa de cartón revestido de papel de 125 gramos, plastificado mate e impreso a catro tintas. Incorpora un marcapáxinas tamén especialmente deseñado, un garfo de madeira coa inscripción Amigos da Cociña Galega que vai suxeito ao libro cunha cinta de raso. Na presentación desta obra, o conselleiro de Innovación e Industria destacou o seu económico prezo de venda ao público (12 euros), tendo en conta dixo tanto a calidade dos contados como da edición.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.