Notas de prensa

Pesca aproba os plans zonais para a explotación do polbo

Con esta iniciativa, enmarcada dentro Plan de Recuperación do cefalópodo, establécese un sistema de explotación axeitado ás características concretas da Costa Noroeste, a Costa Cantábrica e as Rías Baixas.

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde na que se establecen as bases de xestión e os contidos mínimos dos plans zonais para a explotación do polbo, que serán
aprobados a partir de mañá pola Dirección Xeral de Recursos Mariños
mediante resolución no marco do Plan de Recuperación deste cefalópodo. Tras
manter diversas xuntanzas co sector afectado e despois de escoitar á
Comisión sectorial de Pesca de Artes Fixas e Artes Menores, o departamento
que dirixe Carmen Gallego decidiu establecer un total de tres plans: un
para a Costa Noroeste (ao sur de Cabo Silleiro e desde Corrubedo a monte
Campelo); outro para as Rías Baixas (dende o norte de cabo Silleiro ata
Corrubedo); e un último para a Costa Cantábrica (comprendida entre Monte
Campelo e o río Eo). Con esta medida, Pesca pretende atender as necesidades
do sector adaptándose ás peculiaridades de explotación existentes en cada
unha destas áreas.

Deste xeito, a partires de agora, as embarcacións interesadas en capturar
polbo terán que inscribirse obrigatoriamente nun plan zonal, a través dunha
solicitude que deberá realizar o armador ante a Dirección Xeral de Recursos
polo prazo mínimo dun ano. De non solicitar cambio algún, a inscrición será
prorrogada automaticamente por períodos iguais.

Vedas, tamaños mínimos e topes de captura

A orde publicada hoxe establece para cada plan zonal un período de veda de
dous meses continuados, comprendidos entre abril e xullo, e que será
aplicable a todas as embarcacións incluídas no seu ámbito xeográfico
independentemente das artes que empreguen. A parada estará apoiada por
outras medidas de redución de esforzo pesqueiro co obxectivo de recuperar o
stock desta especie nas augas galegas. De feito, fóra dos periodos de veda,
estipúlanse unha serie de limitacións no que se refire ao tamaño e ao tope
de capturas. Concretamente, entre os meses de maio e outubro, os mariñeiros
só poderán pescar pezas de alomenos un quilo, establecéndose como tope
máximo 40 quilos por embarcación e día e 40 quilos máis por cada tripulante
enrolado a bordo. Pola contra, no período comprendido entre novembro a
abril, o tamaño mínimo de captura será de 750 gramos e o tope máximo
establécese en 200 quilos por embarcación e semana e 200 quilos máis por
cada tripulante enrolado. Estas medidas complementaranse con outras
específicas de vixilancia e control, encamiñadas a mellorar a xestión e
comercialización do cefalópodo.

Garantir a seguridade dos mariñeiros

Por outra banda, a Consellería de Pesca permitirá que as nasas de polbo
queden caladas en fin de semana durante o inverno co único obxectivo de
mellorar as condicións de seguridade dos tripulantes. Os estudos realizados
por Recursos Mariños demostran que a permanencia destas artes nas zonas de
pesca non perxudica ao estado do recurso e evita, sen embargo, que os
mariñeiros corran riscos innecesarios en caso de temporais ou en zonas de
mar aberto. Con esta iniciativa, o departamento que encabeza Carmen Gallego
dá resposta a unha vella reclamación do sector.

A creación destes plans zonais, con vixencia ata o ano 2009, enmárcase
dentro do Plan de Recuperación do Polbo deseñado pola Consellería de Pesca
en colaboración co sector para afrontar o descenso de capturas que esta
especie vén sufrindo dende o ano 2005.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2006-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES