
Cada catro anos ducias de miles de persoas acoden a Brest, na Bretaña francesa, á maior concentración de embarcacións tradicionais de todo mundo. Por primeira vez, Galiza participará nesta Feira, que é tamén o principal evento da cultura marítima, e farao como país convidado de honra, ocupando un lugar central. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asinou hoxe en París o convenio coa organización que permitirá levar a tradición marítima galega para a edición de 2008.
Bugallo asinou o acordo de colaboración co presidente da Asociación Brest 2008 e alcalde de Brest, François Cuillandre. Queremos compartir a nosa riqueza e participar nunha posta en común da diversidade cultural que ten o mar como fondo común, afirmou a conselleira.
Bugallo estivo acompañada do presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Fernando Piñeiro; e polo director xeral de Turismo, Rubén Lois. Ambas as dúas institucións participarán no desembarco galego en Bretaña.
Programación cultural e turística en paralelo
O patrimonio marítimo, a música e cultura e a gastronomía do noso país ocuparán un lugar privilexiado na Feira de Brest, do 11 a 16 de xullo de 2008. Galiza traerá a esta lkocalidade o mellor da súa cultura náutica: as embarcacións que forxaron a nosa tradición; a arte e o folclore que nos define e que forma parte da nosa identidade, engadiu Bugallo.
Serán un total de 20 as embarcacións que representarán a tradición marítima das rías e da costa galega. As embarcacións estarán abertas ao público e participarán en desfiles diarios. Ao seu carón, un espazo especialmente preparado acollerá exposicións sobre o patrimonio marítimo do noso país e sobre as posibilidades turísticas de Galiza. O obxectivo é promover tanto a riqueza marítima galega como os restantes recursos culturais e turísticos que ofrece o noso país. Cómpre ter en conta que a esta cita acoden milleiros de visitantes de Francia e de todo o mundo.
Neste sentido, a Consellaría organizará un escenario propio dentro do recinto galego, que acollerá todos os días actuacións musicais e obradoiros de actividades tradicionais. A representación galega completarase cun restaurante no que se ofrecerá unha escolma da mellor gastronomía do noso país.
Participación en Vigo e en Ferrol
O convenio asinado hoxe pretende establecer unha colaboración estable no eido da cultura marítima entre Galiza e Bretaña. Desta maneira, unha delegación da feira de Brest participará no Salón Náutico de Vigo, (do 1 ao 4 de marzo de 2007) e na Festa do Mar de Ferrol (en xullo do 2007). Esta colaboración coa principal rexión marítima de Francia e a participación no meirande foro mundial da tradición marítima constitúe un pulo para a cultura marítima e o sector da náutica en Galiza.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.