Notas de prensa

Touriño anuncia que a Xunta dotará aos centros educativos de 35.000 ordenadores e promoverá axudas para que 20.000 familias poidan adquirir equipos informáticos

O presidente adianta que o Goberno galego porá en marcha o Programa Rede de Centros de Telecomunicación, co obxectivo de que calquera cidadán galego teña acceso a internet e a videoconferencia a menos de 30 minutos do seu domicilio.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno que dirixe porá en marcha un potente programa de promoción das novas tecnoloxías da información e do coñecemento que permitirá dotar de 35.000 ordenadores os centros educativos e promover axudas ás familias galegas para a adquisición de 20.000 equipos informáticos.

Así o adiantou o presidente durante a súa intervención no acto de inauguración do II Encontro Internacional de Educación Audiovisual, que se celebra en Santiago de Compostela. Na inauguración tamén participaron a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, e o reitor da USC, Senén Barro, entre outros.

Tras salientar os cambios que está a introducir o uso das novas tecnoloxías nos comportamentos sociais, coa proliferación dos teléfonos móbiles, os blogs ou o software libre, Emilio Pérez Touriño reparou en que no universo virtual tamén existen “zonas de sombra” e “usos perniciosos” que obrigan a familiares e centros educativos a procurar mecanismos que sirvan de guía ao acceso do alumnado e dos fillos a certas páxinas web.

Efervescencia das novas tecnoloxías

“A escola e o sistema educativo non poden permanecer alleos a esta efervescencia incesante de novas posibilidades comunicativas, asociadas, como estamos a ver, ás novas tecnoloxías a través da reprodución de imaxes e sons”, manifestou o presidente, quen alertou que darlle as costas a estas formas de comunicación suporía ignorar o mundo real no que viven os nenos e mozos.

Ante esta situación, salientou que o Goberno galego está a afrontar esta relación entre educación e promoción das novas tecnoloxías, acción na que enmarcou o programa de promoción das novas tecnoloxías que a Xunta porá en marcha este curso e que dotará de 35.000 ordenadores a centros educativos e promoverá axudas a familias para a adquisición de 20.000 equipos informáticos.

A este respecto, salientou que o Goberno que preside recibirá con interese as conclusións da Comisión de Expertos do Encontro sobre a integración no currículo escolar de novos contidos, novas metodoloxías e novas prácticas vinculadas ao mundo audiovisual.

Evitar a fenda dixital

Neste senso, Pérez Touriño indicou que a alfabetización neste século debe ser xa audiovisual e multimedia, pois é a única forma de evitar a “fenda dixital”. Para iso, adiantou que o Goberno galego traballa na extensión do Programa Rede de Centros de Telecomunicación, que chegará aos 30 centros nos próximos dous anos. Deste xeito, a Xunta quere garantir que calquera cidadán galego teña acceso a internet e videoconferencia a menos de 30 minutos do seu domicilio.

“Teño a plena seguridade de que esta iniciativa contribuirá, aínda máis do que xa o está a facer, á democratización das novas tecnoloxías e a redución da fenda dixital no campo das comunicacións”, puntualizou.

O presidente tamén se referiu ao espazo que ocupa Galicia na expansión da televisión dixital terrestre. Así, lembrou que a nosa comunidade é, xunto con Andalucía e Valencia, a de maior implantación da televisión dixital, grazas ao esforzo compartido cos 125 concellos que se acolleron ao programa de extensión da TDT.

“A Xunta de Galicia comezará no ano 2007 unha iniciativa para o despregue dunha Plataforma pola Calidade dos Contidos para as emisións de televisión dixital, cun obxectivo preciso e moi vinculado ao espírito deste Encontro: acadar unha programación de máis calidade con especial atención á infancia e á promoción dos valores culturais galegos”, avanzou Pérez Touriño.

Finalmente, o máximo mandatario autonómico tivo palabras de eloxio para o programa Audiovisual nas aulas e adiantou que o Goberno galego está a estudar, para a súa posta en marcha no curso vindeiro, a título experimental en dous centros de ensino, un programa de integración da educación audiovisual no currículo escolar. Programa que, segundo concretou, contará cunha dotación especial en medios e un profesor especialista con dedicación a tempo completo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES