O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, informou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da aprobación do decreto polo que se regula a creación das delegacións do Goberno galego no exterior. Trátase, explicou o presidente, da normativa marco polas que se da o visto e prace á creación das oficinas de representación institucional da Xunta naqueles países cos que mantemos especiais vencellos por razóns de identidade e tradición ou de importancia da actual presenza económica, matizou. A partir de agora, explicou o titular da Administración autonómica, as delegacións iranse creando ao amparo dos oportunos decretos. Neste sentido, anunciou que a primeira delas terá a sede en Bos Aires e estará en marcha o próximo ano, en resposta a un compromiso propio.
Pérez Touriño argumentou que estas delegacións terán como función básica servir de apoio á acción e a axenda da Xunta no exterior e, ao mesmo tempo, asesorar á sociedade galega residente noutros países, nas dúas direccións. Estarán adscritas a efectos administrativos á Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta e terán ao fronte un delegado ou delegada, que serán nomeado polo Consello da Xunta e terá equivalencia cos delegados territoriais da Xunta de Galicia.
O presidente indicou que é unha medida importante a través da que se promoverá a presenza de Galicia, a súa cultura e os seus intereses no ámbito internacional. Nesta liña, subliñou que desde o Goberno que preside está a ser unha prioridade a presenza de Galicia no mundo exterior, razón pola que se ve necesario impulsar a creación de redes e sinerxías en relación cos empresarios e coa emigración. Amosouse convencido de que estas oficinas serán un instrumento operativo que servirá aos intereses xerais da nosa comunidade.
Axudas para familias en situacións especiais
O máximo mandatario da Xunta salientou a aprobación da sinatura do convenio entre o Ministerio de Traballo e a propia Xunta de Galicia, a través do que se investirán un total de 4,1 millóns de euros para familias en situacións especiais. Así, o presidente da Xunta destacou que a Xunta achegará preto de 3 millóns de euros e o Ministerio 1,100.000 co obxectivo de apoiar as familias con situacións especiais de dificultade. Isto dixo o presidente- significa que estamos xa a poñer en marcha o que é a Lei de dependencia, unha lei que será aprobada hoxe no Congreso. A partir desta aprobación poranse en marcha os mecanismos de implementación e colaboración para o desenvolvemento da Lei de dependencia. Neste marco inscríbese este convenio de colaboración, que beneficiará a familias con carencias especiais, que presenten problemas de violencia doméstica ou de disgregación familiar, entre outras situacións de risco, que serán atendidas mediante este programa.
Inmersión lingüística
O presidente destacou a posta en marcha dun programa de formación dirixido a docentes de educación Primaria, Infantil e Secundaria, especializado en Lingua estranxeira. Esta iniciativa ten como obxectivo dotar dunha maior competencia lingüística ao profesorado de idiomas. Para isto, destinaranse máis de 2 millóns de euros, que serán financiados pola Consellería de Educación e o Ministerio.
Emilio Pérez Touriño informou que os profesores participantes asistirán ás tres fases do programa. A primeira, inclúe 200 horas de formación en idiomas. Para poder asistir, explicou o presidente, os profesores serán liberados so seu labor docente. A continuación terán unha fase de inmersión lingüística no estranxeiro, cun mínimo de 15 días. Xa de volta formarán parte dun grupo de traballo cooperativo, con outros profesores no que se dará formación didáctica para impartir o idioma.
O xefe do Executivo autonómic asegurou que este programa forma parte do obxectivo de impulsar e superar, nun tempo razoable, a eiva tradicional do noso sistema educativo, que amosa unha gran debilidade de aprendizaxe en idiomas. O programa terá continuidade e engádese a outras medidas que se están a tomar como a extensión, este ano, dunha primeira lingua estranxeira a 50 centros de educación primaria na comunidade.
Clima diálogo social
Preguntado polos xornalistas sobre o abandono da CIG nas mesas de diálogo social, amosouse respectuoso coas decisións das distintas centrais sindicais. Neste sentido, valorou o clima de diálogo e concertación social como un ben prezado de país. O diálogo social, dixo, é un ben estratéxico da comunidade. Indicou que todo o mundo é libre de marcharse dunha mesa, pero esa mesa é vital e decisiva ao tempo que valorou o esforzo e traballo das forzas sentadas á mesa. Salientou a importancia e repercusión dun bo clima social efectos sobre a marcha da economía porque dixo é un valor para crear emprego e para que o pais medre.
Destacou que o diálogo está avanzando, con resultados concretos e argumentou que o último se produciu onte mesmo coa aprobación do proxecto de Lei do Consello Galego de Relacións Laborais. Lembrou que hai tres acordos máis, previos a este: o modelo de Servizo Público de Galicia; o Plan de Sinistralidade Laboral e a Lei do Instituto de Seguridade de Galicia.
O presidente da Xunta destacou que nuns meses se ten chegado a máis acordos que en 16 anos anteriores, unha cifra contrastable, medible e cuantificable. Amosou o seu convencemento de que, antes de finais de ano, sexa posible rubrica o acordo polo emprego de calidade en Galicia, un acordo substancial do emprego, competividade e calidade, alegou.
Así mesmo, recordou que a forma de traballar fora acordada polas diferentes partes que preferiron ir labrando acordos, constituíndo o camiño e non facelo todo ante unha gran foto e fixérono con catro proxectos de lei que están acordados e rubricados.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.