Notas de prensa

Os Premios Rebulir 2025 distinguen a Malvela, Cristina Castaño, o programa Luar e a emigración galega en Euskadi

O Xurado dos XIV Premios Rebulir da Cultura Galega fixo público o seu veredicto, destacando nesta edición a contribución de referentes da música, das artes escénicas, da comunicación e da emigración á posta en valor da cultura galega. A gala de entrega celebrarase o sábado 20 de decembro, ás 19:00 horas, no marco do Festival Internacional Rebulir (FIR_2025), no Complexo Rogelio García Yáñez de O Picouto, Ramirás.

Galardoados/as 2025

- Categoría Música Galega: O recoñecemento recae no grupo Malvela, exemplo dunha traxectoria consolidada e dun firme compromiso coa música tradicional galega. O xurado destacou a súa labor de visibilización do papel das mulleres, a súa raíz fondamente vencellada ao mundo rural e a capacidade de popularizar con éxito un legado cultural que hoxe forma parte do patrimonio colectivo de Galicia.

- Categoría Artes Escénicas: A actriz Cristina Castaño foi premiada pola súa brillante e versátil carreira interpretativa en teatro, cinema e televisión. A súa extraordinaria calidade artística converteuna nunha das intérpretes galegas máis recoñecidas, referente cultural tanto dentro como fóra de Galicia, e auténtica embaixadora da nosa identidade no panorama nacional e internacional.

- Categoría Homenaxe: O histórico programa Luar da Televisión de Galicia recibirá este galardón polo seu papel insubstituíble como escaparate cultural e plataforma de referencia na televisión pública galega. Durante máis de tres décadas, Luar contribuíu á cohesión social, á difusión do talento artístico e á valorización da identidade galega, converténdose nun punto de encontro interxeracional e símbolo da proxección cultural do país.

- Premio “Rogelio García Yáñez” á emigración galega: Nesta primeira edición, o xurado acordou recoñecer á emigración galega en Euskadi, representada polos seus centros, polo labor constante na preservación da identidade e da cultura galega, mantendo vivo o vínculo coa terra de orixe e fortalecendo os lazos de irmandade entre Galicia e a diáspora.

Unha novidade significativa: o Premio “Rogelio García Yáñez”

Este 2025 marca tamén un fito na historia dos Premios Rebulir coa creación da Mención Honorífica “Rogelio García Yáñez” á emigración galega. Este novo recoñecemento rende homenaxe a quen dá nome ao complexo cultural de Ramirás, figura clave na dinamización cultural da comarca, e quere consolidarse como un espazo de gratitude cara ás comunidades galegas no exterior, que continúan a proxectar Galicia máis aló das súas fronteiras.

Récord de candidaturas e un xurado plural

O interese que esperta esta convocatoria quedou patente no récord de participación acadado en 2025, con preto de 300 propostas recibidas, cifra que constitúe un fito na historia destes premios.

Para avaliar as candidaturas, o xurado contou cun total de 12 membros, integrados por profesionais de distintos ámbitos vinculados á cultura galega: representantes de institucións públicas (Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Concello de Ramirás), docentes universitarios, artistas, actores e actrices, comunicadores audiovisuais e persoas dinamizadoras culturais. Un tribunal diverso que garante unha visión ampla e plural da realidade cultural do país.

A Presidencia de Honra dos Premios recae no presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices Vieira, mentres que a Vicepresidencia é exercida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos. O ditame do xurado darase a coñecer tamén ao Comité de Honra, reforzando o carácter institucional e representativo deste galardón.
Un referente no calendario cultural galego

Dende a súa creación, os Premios Rebulir de Cultura Galega consolidáronse como un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural do país. Ao longo das súas catorce edicións teñen destacado o labor de artistas, entidades e proxectos que, dende diferentes ámbitos, traballan pola defensa, preservación e proxección da identidade galega.

O próximo 20 de decembro, Ramirás volverá converterse nun punto de encontro da cultura galega, nunha gala que reunirá autoridades, artistas, colectivos culturais e público, reafirmando o espírito do Festival Internacional Rebulir como espello da tradición e da modernidade cultural de Galicia.

Premios Rebulir, 2025-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES