
O presidente da Xunta anunciou que o seu Goberno porá en marcha, con carácter inmediato, medios materiais e humanos excepcionais para reforzar os labores de limpeza e evitar futuros riscos na localidade de Vilagarcía de Arousa logo das enchentes do pasado luns. Touriño fixo estas declaracións logo de presidir a xuntanza do operativo de prevención e resposta ante as inundacións, que se desenvolveu no Concello de Vilagarcía de Arousa e á que asistiron tamén os conselleiros de Presidencia e Medio Ambiente e os alcaldes de Vilagarcía e Caldas de Reis.
En declaracións aos medios, o xefe do Executivo galego indicou que diante das enchentes destes días a Xunta de Galicia adoptará tres liñas de actuación básicas. En primeiro lugar, o presidente galego explicou que se procederá á limpeza e retirada dos residuos sólidos acumulados no leito do río do Con. En segundo lugar, explicou que a acumulación de chuvias provocou a acumulación excesiva de sedimentos no leito do río, polo que o Goberno galego disporá medios para aumentar a capacidade hidráulica de evacuación do río. En terceiro lugar, adoptaranse medidas para a limpeza da rede de pluviais de xeito que acade o seu nivel máximo de desaugue.
Xunto a estas medidas, Emilio Pérez Touriño explicou que se procederá ao baleirado preventivo e limitado do encoro do río do Con para tratar de reducir o nivel acadado estes días. Explicou que este baleirado farase de xeito que non se poña en risco o abastecemento de auga á poboación.
Así mesmo, indicou que se adoptaron dúas medidas excepcionais. A primeira delas é que se enviarán a Vilagarcía con carácter inmediato Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumires) procedentes doutras zonas para que a poboación desta localidade poida afrontar con razoable confianza e con máis medios as situacións que se poidan producir en vindeiros días dado que as previsións meteorolóxicas indican que poderán producirse, novamente, chuvias copiosas. A segunda das medidas excepcionais consiste no envío de máis medios mecánicos para axudar nos labores de limpeza e recuperación dos danos provocados polas enchentes.
Decreto de axudas
O presidente da Xunta anunciou que o Consello do Goberno galego aprobará o decreto de axudas para a reparación dos danos causados polas chuvias do luns, un decreto na mesma liña que os aprobados para as enchentes do mes de outubro noutros puntos de Galicia.
O presidente galego amosou a súa confianza en que as ordes das consellerías que desenvolvan este decreto de axudas poidan adiantarse na súa tramitación para gañar tempo ao tempo e intentar reducir os prazos legais para que os cidadáns poidan beneficiarse destas axudas.
A este respecto, lembrou que o seu Goberno é o primeiro que pon en marcha liñas de axudas directas para resarcir á cidadanía das perdas ocasionadas polas riadas, fronte ao acontecido en situacións semellantes, como a dos temporais de 2001, no que só se aprobaron bonificacións fiscais. O presidente galego incidiu en que a tramitación destas axudas ten uns prazos legais que obrigan a que todo o proceso de recompilación de información e procesado das mesmas esixa un período de arredor de catro meses para que os cidadáns poidan cobrar as axudas. No caso das últimas enchentes que afectaron a 16 concellos, o presidente galego insistiu en que se intentarán acelerar estes prazos para que se poidan cobrar as axudas no horizonte de tres meses.
Touriño explicou que a situación vivida en Vilagarcía de Arousa foi excepcional dado que se rexistraron nun só día precipitacións de 152 litros por metro cadrado cando en todo o mes de novembro do ano pasado acadaranse 136 litros por metro cadrado. Así mesmo, sinalou que estas excepcionais precipitacións coincidiron cunha elevación da temperatura da auga de 3 graos sobre o que é habitual nesta época do ano. Todo isto, segundo sinalou o presidente da Xunta, provocou un fenómeno excepcional e non previsible nesa intensidade e focalidade parecido á gota fría.
De cara ao futuro, o xefe do Executivo galego adiantou que se traballará co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e con Augas de Galicia para tratar se fora posible de solucionar o estrangulamento que actualmente existe na desembocadura do río do Con cara á ría.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.