
ATecnópole aumentará a súa autonomía financeira en máis dun 25% o ano que vén. Se neste ano a Consellería de Innovación e Industria achegou 1.075.000 euros para facer fronte aos gastos correntes do Parque Tecnolóxico de Galicia, nos orzamentos previstos para 2007, aprobados polo Consello de Administración, esta cantidade quedará reducida a 800.000 euros.
A redución de custos e a xeración de máis recursos propios a partir de servizos e proxectos permitirán, segundo se puxo de manifesto no Consello de Administración celebrado hoxe, iniciar unha tendencia que continuará en exercicios futuros na que se irá reducindo a dependencia das subvencións públicas.
A Tecnópole comeza así a súa etapa de madurez financeira, cun primeiro paso que implica reducir por primeira vez na súa historia o recurso aos fondos públicos para afrontar os gastos correntes. No 2007 a porcentaxe de ingresos por subvencións procedentes da Xunta neste capítulo pasará a ser o 54 por 100 do total sobre o 65 por 100 ao que ascendeu este ano.
Polo que se refire á redución de custos, que se calcula en cerca de 300.000 euros para o vindeiro exercicio, destacan o aforro enerxético e de auga previsto e a contención nos gastos de mantemento. O aumento dos servizos empresariais prestados e a posta en marcha de novos proxectos que xerarán os ingresos que completan a compensación da redución de fondos públicos.
Novas incorporacións
Na reunión do Consello de Administración, presidida polo Director Xeral de I+D+i, Salustiano Mato, aprobouse tamén a incorporación de dúas novas empresas a parcelas da Tecnópole, e doutras catro á incubadora.
A empresa galega de nova creación Kinétika Innovacións Estruturais pasará a ocupar unha parcela de 7 500 metros cadrados para o desenvolvemento das súas actividades referentes ás enerxías renovables, en particular a eólica. A súa previsión de creación de emprego durante o próximo ano e medio ascende a entre 35 e 40 postos de traballo.
Pola súa banda, Consultoría de Software Visual instalarase nunha área de 2 000 metros cadrados dende a que poderá prestar servizos relacionados coas tecnoloxías de vídeo e imaxe aplicadas, especialmente aos ámbitos da seguridade e da vixilancia.
Á incubadora incorpórase, en primeiro lugar, a empresa portuguesa Médicos na Internet, que se instala en Galicia para o desenvolvemento de sistemas de información sanitarios. Tamén no ámbito sanitario, outra das empresas que iniciará a súa traxectoria na Tecnópole será Sanigestión, esta vez no contorno da sanidade animal e ambiental.
Outro dos niños será ocupado por Ourense Natural, que quere iniciar dende o Parque Tecnolóxico o seu proxecto de radio e televisión dixital na internet, especialmente no que se refire á posta en marcha de canles temáticas de turismo e recursos naturais. Por último, foi aprobada a instalación na incubadora de Legislado.com, que se dedicará a prestar servizos de valor engadido e de intelixencia competitiva nos ámbitos legal e xurídico a empresas.
4,2 millóns do Goberno central
Os membros do Consello de Administración foron informados tamén da concesión de créditos reembolsables por parte do Ministerio de Educación e Ciencia para acometer a construción da Lanzadeira de Empresas Biotecnolóxicas e do Centro Experimental de Enerxías Alternativas, cun custo total de 3,2 millóns de euros no primeiro caso e de un millón no segundo. As axudas aprobadas polo Goberno central cobren o 75 por 100 do orzamento para o centro experimental e o 85 por 100 da lanzadeira.
Por outra banda, deuse conta da boa marcha das obras do Centro de Innovación, Transferencia e Investigación (CITI) da Universidade de Vigo, que se prevé inaugurar na Tecnópole ao longo de 2007.
Polo que se refire ás infraestruturas do propio Parque, a instalación da rede Wifi para permitir o acceso a internet sen cables en todo o recinto estará rematada este mesmo mes e continúase cos traballos para iniciar a ampliación da superficie do parque. A ampliación, que foi aprobada no anterior Consello de Administración, o pasado mes de xuño, abranguerá unha superficie total de 43 hectáreas, cun investimento estimado, incluíndo custos de urbanización, traballos técnicos e expropiacións, de 14 millóns de euros.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.