Notas de prensa

O IES de Melide establece contactos en Europa en diferentes frontes: educación de persoas adultas, formación profesional e xogos tradicionais

Durante os últimos anos, o IES de Melide leva desenvolvidos varios proxectos europeos en cooperación con diversos países.

Neste tipo de proxectos,  a partir duns obxectivos comúns, os membros asociados establecen lazos para intercambiar ideas e plasmalas en actividades nos lugares de orixe.

No presente curso académico, o IES está a aumentar a súa experiencia nestes eidos. Recentemente, dous profesores do Ciclo de Madeira realizaron unha estadía formativa en Suecia dun mes de duración. Nela puideron coñecer a fondo o sistema educativo do país así como a dinámica dun centro, adquirindo coñecementos que posteriormente reverterán na práctica diaria das aulas.

Na semana do 27 de novembro, outros dous profesores viaxarán a Italia e Bulgaria co fin de participar en sendos Seminarios de Contacto. Alí buscarán socios para poñer en marcha as propostas de proxecto. A idea que se presentará en Venecia (Italia), consiste nun achegamento a Europa a través do cómic, e está pensada para traballar con alumnado de secundaria. En Veliko Turnovo (Bulgaria), preséntase un proxecto que xira entorno  á recuperación do patrimonio lúdico europeo, destinado neste caso ao alumnado adulto.

No que fai referencia especificamente a esta última iniciativa, ao intento do IES de Melide por atopar socios para desenvolver un proxecto de recuperación do patrimonio lúdico europeo a través da educación das persoas adultas, a batería de actividades que propoñerá o representante do IES Melide en Bulgaria, serán entre outras as seguintes:

1. Actividades de investigación (nas súas fases de deseño dunha ficha de traballo, estruturación do material recompilado, e divulgación do mesmo) do patrimonio lúdico das zonas participantes no proxecto.

2. Creación e desenvolvemento dunha páxina web mantida entre os socios, como un medio de divulgación de toda a información que vaia xerando o propio proxecto, a través de foro, chat, novas, etc.

3. Convocatoria de Encontros de Xogos de Persoas Adultas, con representantes de todas as zonas participantes no proxecto.

4. Actividades de preparación da contorna de cada socio (espazos, xoguetes, confección/recuperación de regulamentos/normas de xogo...)

5. Estudo comparativo dos xogos tradicionais de todas as zonas participantes no proxecto.

6. Actividades para aproveitar o potencial dos xogos dentro do currículo da Educación de Persoas Adultas, caso do que se pode facer en Educación Física, na Literatura (na de tradición oral, por exemplo), na Música, e un longuísimo etcétera.

7. Traballos a desenvolver non só con estudantes adultos, senón, talvez, con anciáns, drogodependentes, persoas presas... De feito, non só se van establecer contactos con centro educativos, senón con calquera tipo de institucións que traballen con persoas adultas (tal é así que xa se ten establecido contacto co persoal dun cárcere de Badaxoz). Falamos de xogos a través da aprendizaxe (para estudantes adultos), xogos para recuperar facultades (véxase anciáns con alzheimer, por dicir un exemplo), etc.

8. Elaboración de material de difusión (trípticos, folletos, e materiais software).

9. Realización dun documental sobre toda esta experiencia, a modo de proxecto final.

IES Melide, 2006-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES