Notas de prensa

O CPXG organiza a V Convención de Xornalistas de España que se celebra en Lugo do 4 ao 6 de maio de 2007

As organizacións do FOP celebran por vez primeira un acto conxunto o Día Mundial da Liberdade de Prensa.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) organiza a V Convención de Xornalistas de España que se celebrará os días 4, 5 e 6 de maio de 2007 en Lugo. É a primeira vez que a Convención terá lugar en Galicia. Está convocada polo Foro de Organizaciones de Periodistas (FOP) e reunirá a uns douscentos profesionais da información de toda España. Nesta ocasión, baixo o lema "Vellos e novos medios: a mediación necesaria do xornalista", a cuestión a debate será a da esixencia de profesionalidade no exercicio do xornalismo.

A dirección do FOP, reunida en Santiago de Compostela, aprobou a proposta do CPXG de organizar a V Convención de Xornalistas de España os días 4, 5 e 6 de maio de 2007, así como de instituír por vez primeira un acto conxunto o Día Mundial da Liberdade de Prensa. As catro convencións anteriores tiveron lugar en Cádiz, Valladolid, Tarragona e Xixón. Todas elas foron convocadas polo FOP, plataforma unitaria formada actualmente polas organizacións colexiais e sindicais máis representativas de España: Agrupación Xeral de Xornalistas de UGT, Agrupación de Xornalistas de CCOO, Col.legi de Periodistes de Catalunya, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Federación de Sindicatos de Xornalistas.

A Convención terá lugar durante tres días no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e contará co patrocinio, entre outros, da Secretaria Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo.

Na convención de Lugo debaterase sobre a condición de xornalista profesional. Para iso, abordaranse relatorios sobre “O fundamento constitucional da función de informar e a necesaria existencia do xornalista profesional”, “Xornalismo cívico vs. Xornalismo cidadán”, “Xornalismo, publicidade e propaganda”, “A función dos gabinetes de prensa” e “Elementos perturbadores do exercicio do xornalismo profesional: polivalencia, organización dos grupos multimedia, precariedade e dereitos de autor”. Entre outras actividades haberá tamén un debate sobre muller e xornalismo, centrado na precariedade laboral.

Antes do inicio da convención o FOP celebrará o 3 de maio, tamén en Lugo, o Día Mundial da Liberdade de Prensa. Será a primeira vez na historia que se celebre en España un acto unitario con motivo do día instituído pola ONU para loitar pola liberdade de expresión. O acto incluirá a lectura dun manifesto en voz dun recoñecido profesional así como unha mesa de experiencias en distintos ámbitos do xornalismo.

O CPXG puxo xa en marcha unha comisión de traballo para a organización deste importante evento na que terán cabida, ademais de membros da Xunta de Goberno e da Demarcación Territorial de Lugo do CPXG, representantes nomeados polas outras organizacións vinculadas ó FOP. Esta comisión informará puntualmente dos distintos avances que se vaian producindo.

Mentres preparan a celebración da convención, as organizacións do FOP seguen con atención a tramitación parlamentaria do Estatuto do Xornalista Profesional. O estatuto, admitido a trámite como proposición de Lei, encóntrase desde fai máis de dous anos en relatorio da comisión constitucional do Congreso dos Deputados.

Durante todo ese tempo, as organizacións integradas no FOP veñen reclamando que a iniciativa lexislativa saia adiante, ao considerala unha necesidade para garantir que a información xornalística se rexa polos criterios constitucionais de veracidade e pluralidade, ademais de cumprir a condición esencial de relevancia dos feitos dos que se informe. Trátase, para o FOP, de dereitos dos cidadáns articulados a través do exercicio da profesión de informar.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, 2006-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES