
O Instituto Cervantes de Damasco quedou pequeno para acoller os asistentes á xornada de inauguración da súa biblioteca que leva o nome de Álvaro Cunqueiro.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o director do Instituto Cervantes, César Antonio Molina, participaron nos actos organizados con motivo deste acontecemento, aos que tamén asistiron o embaixador de España en Siria, Juan Serrat, e os ministros sirios de Cultura e de Educación Superior.
A xornada iniciouse cun encontro con intelectuais sirios, no que o director do Cervantes fixo unha semblanza de Cunqueiro e incidiu na presenza na súa obra das referencias do mundo árabe. Este acto inscríbese en lle pór o nome dun escritor dunha lingua cooficial de España a un dos nosos centros que, ademais de depositario da literatura de Cunqueiro, será a referencia da literatura galega na rede de centros Cervantes do mundo, dixo César Antonio Molina.
Tras a nominación oficial da biblioteca, celebrouse unha mesa redonda, na que a secretaria xeral de Política Lingüística se referiu á defensa de Cunqueiro da lingua galega cara a que nunha das súas intervencións públicas expresou o seu inequívoco compromiso, ao ligar a súa pervivencia á pervivencia de Galicia como pobo.
Neste debate tamén participaron os editores e escritores Víctor Freixanes e Miguel Anxo Fernán Vello. Freixanes destacou a conexión no mundo literario de Cunqueiro coa cultura árabe. Alepo, Bagdad e Damasco están presentes en distintos traballos do escritor homenaxeado hoxe na capital siria, o que demostra, segundo Freixanes, a posición universal do escritor que desde o seu idioma é quen de enseñar o mundo. Pola súa parte, Fernán Vello referiuse á influencia de Cunqueiro na poesía galega dos 80. Herba aquí ou acolá dixo inflúe definitivamente na poesía galega dos 80, xa que introduce nesa obra o culturalismo, o que supón un redescubrimento para todo o panorama poético do momento.
Nestes actos tamén participou o tradutor ao árabe de Se o vello Simbad volvese ás illas, Larbi el Harti, que continúa a traballar na tradución de traballos literarios galegos. Ademais, o Cervantes de Damasco acolle desde hoxe unha exposición coas obras de Xosé Freixanes, que integran a montaxe Ao fin do amencer.
Semana galega en Damasco
Ao fío deste acontecemento, a secretaria xeral de Política Lingüística aproveitou a ocasión para anunciar o apoio da Xunta de Galicia á celebración a partir do ano que vén da Semana de Galicia, no Instituto Cervantes de Damasco. A iniciativa do centro incluirá conferencias, debates e actuacións musicais galegas, para lle dar continuidade a este achegamento das nosas letras e culturas ao Oriente Próximo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.