Notas de prensa

230 mulleres recibiron xa o salario da liberdade que lles permitiu a independencia económica dos seus agresores

Quintana sinalou que hai que seguir traballando, en colaboración coas diferentes administracións e institucións, para erradicar a violencia machista.

230 mulleres recibiron o salario da liberdade, dende a súa posta en marcha o pasado mes de marzo, segundo informou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana na súa comparecencia ante o Pleno do Parlamento. Destas, 115 corresponden a mulleres da provincia da Coruña, 72 de Pontevedra, 23 de Ourense e 20 de Lugo.

O vicepresidente da Xunta explicou que unha das prioridades á súa chegada ao Goberno galego era a atención ás vítimas da violencia de xénero, por iso púxose en marcha o salario da liberdade.Esta axuda, que pode chegar a 600 euros ao mes, dixo, concibiuse como un instrumento destinado a facilitar a independencia económica das mulleres maltratadas, xa que a falla de autonomía económica é un dos maiores obstáculos que se atopan as mulleres para abandonar aos seus agresores.

O feito de que máis de 200 mulleres lograran independizarse do seu maltratador constitúe, segundo Quintana, “un éxito en si mesmo, pero non debe levar a caer no triunfalismo, senón todo o contrario”. Para o vicepresidente hai que seguir traballando para erradicar a violencia machista da sociedade e é necesario facelo en colaboración coas entidades e institucións que traballan neste eido porque “a violencia de xénero é un tema que nos afecta a todos e no que se ten que involucrar a sociedade no seu conxunto”.

Precisamente, este propósito de continuar traballando na loita contra a violencia de xénero queda plasmado tamén nos orzamentos da Vicepresidencia para o vindeiro ano. Quintana explicou que a secretaría xeral de Igualdade é o departamento da Vicepresidencia que experimenta un maior incremento de fondos, un 19% máis que o ano anterior.Este departamento conta con 48 millóns de euros de orzamento, que se destinarán, entre outras cousas, a acabar coa violencia de xénero e a reforzar a atención ás vítimas.

Liñas de actuación no eido da violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, explicou que as actuacións do seu departamento no que se refire á violencia de xénero céntranse en tres liñas básicas de actuación.A primeira consiste en reforzar a prevención e a sensibilización.Neste apartado, Quintana informou que se vai promover a investigación que profundice nas causas da violencia de xénero e nas súas consecuencias, así como a realización de campañas de información, sensibilización e concienciación sobre a violencia contra as mulleres.

Neste senso, o vicepresidente sinalou a campaña posta en marcha a semana pasada pola Vicepresidencia para concienciar ás mulleres de que rachar coa espiral da violencia de xénero é posible. Esta campaña inclúe ademais dun spot televisivo, 40 mil carteis e trípticos que se distribuirán nos centros de información á muller, nos centros de servizos sociais, de saúde, xuvenís, así como nos Quérote, asociacións de mulleres, comisarías e centros educativos. Ademais editáronse 30 mil unidades de dúas guías con información sobre os recursos que teñen á súa disposición as mulleres que sofren violencia de xénero e sobre os trámites legais que deben seguir a partir da denuncia. A Vicepresidencia está a organizar tamén unha serie de actos en torno ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o vindeiro 25 de novembro e que culminará coa entrega do premio Eu tamén navegar. Para unha Galiza sen violencia de xénero, que este ano celebra a súa primeira edición. O obxectivo deste premio, segundo manifestou o vicepresidente, é “estimular os esforzos no campo da violencia de xénero e recoñecer as traxectorias das persoas ou das entidades que desenvolven unha labor relevante na loita contra esta lacra social”.

A segunda liña de actuación básica céntrase no campo da atención social integral. Neste campo a principal actuación é a futura creación dun Centro de Recuperación Integral ás Mulleres en situación de violencia, que desenvolverá un programa de intervención integral dirixido ás mulleres e aos seus fillos e fillas. Este centro estará situado en Santiago e atenderá a todas as mulleres galegas que sexan derivadas das casas de acollida ou dende os servizos sociais dos concellos.

Finalmente, Quintana falou, na súa resposta ante o Pleno do Parlamento, da coordinación institucional como terceira liña básica de actuación.Neste senso, varios departamentos da Xunta, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, Delegación do Goberno e a FEGAMP asinaron o Acordo Institucional para a Mellora de Atención ás Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero. Quintana informou ademais que neste momento, estanse a integrar as achegas recibidas por parte de entidades e asociacións para a elaboración da futura Lei para a prevención e tratamento da violencia de xénero. O vicepresidente sinalou que había que elaborar unha norma participativa para que resultara un instrumento verdadeiramente eficaz na loita contra a violencia de xénero.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-11-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES